Marcos Cadórniga foi un dos sindicalistas absoltos o pasado martes pola Audiencia Provincial de Pontevedra, que revogou así a sentenza que o condenaba a el e a outros dous compañeiros a tres anos e un día de cadea por un presunto delito de ameazas e coaccións tras actuar como piquetes durante unha folga.
Logo de máis dunha semana de mobilización e folga de fame rotatoria, este sindicalista da CIG di sentirse “aliviado pola familia” que, conta, “aturou unha nube gris enriba das súas cabezas” durante demasiado tempo. No entanto, asegura que “con todo o que pasa nestes tempos”, nin tan sequera tivo tempo de pararse “a sentar e a analizar” o que podía supoñer acabar preso.
"A condena foi unha decisión política co claro obxectivo de meterlle medo á sociedade"
“Foi un trago duro para os meus achegados, pero o problema real de fondo que tiñamos, seguímolo tendo hoxe”, resume Cadórniga, que denuncia que “o Estado, a través dos seus fiscais, intenta e acaba condenando sindicalistas por un dereito tan fundamental como a folga”. “Ao final, estás a expensas dun xuíz que teña un mínimo de conciencia ou que faga xustiza, que é o que se fixo desta vez”, engade un liberado da CIG que asegura que condenas como a que lle afectou a el e aos outros dous compañeiros “son unha decisión política cun claro obxectivo”.
“Os medios titulan que varios sindicalistas foron condenados por participar nunha folga e o que se intenta é que a poboación se pense moito participar nun piquete ou nunha mobilización”, aclara Cadórniga, que lembra a gravidade do seu caso, onde nin os propios traballadores dixeron sentirse ameeazados polos piquetes. “O propósito é meter medo ao pobo para que non se mobilice”, insiste.
"Seguirei loitando polos traballadores; se isto cambiase algo na miña vida, teríanme gañado"
Non é o seu caso. “O que non quería era ter a sensación de que isto ía cambiar algo na miña vida, porque daquela teríanme gañado”, explica, tras aclarar que tanto el como os seus compañeiros seguirán “loitando polos traballadores” como até o de agora fixeron. “Se pasou o que pasou e intentaron meternos na cadea, é porque creo que estamos a facer as cousas ben”, continúa Cadórniga, que lembra que “moitas veces na historia, a represión só alentou procesos de cambio”.
Ademais, asegura que a represión non queda só en actuacións como a sufrida por el, senón con medidas como a suba das taxas xudiciais, a modificación do código penal ou moitas outras decisiósn políticas e legais. Pero tamén outras menos sutís. “Un sindicalista da CIG levou golpes toda unha noite nunha comisaría e unha muller foi separada do seu bebé, detida e liberada sen cargos en Madrid... E iso non está pasando en ditadura militar ningunha, senón no Estado español”, denuncia.
"Conseguimos que moita xente se decatase do que pasa realmente coa represión sindical"
Por outra banda, Cadórniga destaca as “incribles” mostras de apoio que lle chegaron, así como a posibilidade que el e os seus compañeiros tiveron, a través da acampada diante da Audiencia, de explicar a situación á xente. “O apoio do teu contorno sabes que o vas ter, pero puidemos explicarlle a moitas persoas a nosa situación e moitas delas acábanse decatando do que ocorre en realidade”, conta. “Non só recollemos sinaturas, senón que conseguimos que moita xente marchase para a casa cavilando e, posiblemente, convencida de participar na vindeira manifestación do día 15”, explica.
"A mobilización e a protesta son a resposta para denunciar as inxustizas"
Será unha marcha en Pontevedra contra a represión sindical. Unha mobilización que chega logo da levada a cabo polos sindicalistas agora absoltos e que incluíu unha folga de fame rotatoria, a recollida de sinaturas e o apoio de numerosos colectivos sociais e políticos. “A mobilización e a protesta son a resposta para denunciar as inxustizas... E demóstrase que valen”, conclúe Marcos Cadórniga.