O Estado ten que devolver 20 millóns polas multas cobradas a emigrantes retornados

Emigrantes retornados manifestándose na Coruña CC-BY-SA M. Pereira

A Axencia Tributaria terá que devolver 20 millóns de euros polas sancións, intereses de demora e recargos exixidos a milleiros de emigrantes retornados no conxunto do Estado que regularizaron a súa situación e que foron afectados pola campaña sancionadora pola que se obrigou desde 2008 a tributar polas pensións do estranxeiro a este colectivo, ao que nunca lle foran reclamadas estas cantidades antes e ao que mesmo se lle informara de todo o contrario durante anos. Así o recoñeceu o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, tras ser interpelado pola deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, que preguntou ao Goberno polo feito de que o Estado siga tramitando multas -tal e como informou Praza- máis dun mes despois de que anunciase que as paralizaba.

O ministro presumiu de que o Goberno "vai condonar todo", incluíndo multas, recargos e intereses de demora cobrados a estes emigrantes retornados, polo que volve recoñecer unha vez máis -e ao contrario do que fixera nun principio- que estes pensionistas non foron defraudadores nin tiveron tal intención nunca. Ao tempo, avanzou que esta condonación implica "unha devolución que ascende a uns 20 millóns de euros" a todas as persoas afectadas no Estado, unha cantidade que -di Montoro- "compensarase en parte cos ingresos obtidos coa posterior regularización".

Os datos achegados por Montoro implican unha media dun mínimo de 600 euros tan só en multas por cada emigrante afectado

De facer caso a estas cifras e ás de afectados que dá o Goberno central, case 33.500 pensionistas, as sancións, intereses e recargos asumidos de media por cada un dos emigrantes requiridos é de case 600 euros como mínimo. Só en multas e á marxe das cantidades que os cidadáns afectados tiveron que pagar por regularizar unha situación da que nunca foron advertidos e que, nalgúns casos, implica unha dobre imposición recoñecida incluso polos tribunais. Tal e como lle lembrou Fernández Davila a Montoro, o Executivo cenral "fai amnistías fiscais cos que máis teñen pero tan só condonan muiltas e intereses sen eximilos dun pago" que abrangue desde 2008 pero, incomprensiblemente, nunca desde antes. "Sabe o que supón para xente que cobra unha pensión de entre 800 e 700 euros ter que pagar entre 3.000 e 5.000 euros agora?", preguntoulle.  

O Goberno central négase a paralizar a retroactividade desta tributación aplicada desde 2008 e só condona as sancións

A deputada do BNG reclamou que se paralice a retroactividade desta tributación que se aplica desde 2008 ao entender, como os colectivos de afectados e a propia Facenda recoñecen, que houbo desinformación. O Bloque entende que foi unha exixencia centrada nun "afán recadatorio", algo que demostraría as elevadas cantidades que insinuou Montoro coas cifras achegadas este mércores. Pero o Goberno segue adiante. Seguirá "regularizando" as declaracións desde hai máis de cinco anos e limitarase a dar un prazo de seis meses, desde xaneiro de 2015 e en canto a reforma fiscal estea aprobada, para que os emigrantes paguen a Facenda polas súas pensións de administracións públicas desde 2008.

Non obstante, Montoro si recoñece que "puido ter ocorrido" que algunha notificación chegase a varios contribuíntes durante estas últimas semanas, polo que recomentou a estes afectados que acudan á Axencia Tributaria para informalos sobre unhas cantidades que terán que pagar agora para que lles sexan devoltas nuns meses.

O BNG lamenta que a devolución das multas non sexa "de oficio" e que os afectados teñan que volver facer complicados trámites

Ademais, Fernández Davila criticou tamén que as devolucións de multas, intereses e recargos "non sexan de oficio", senón que os afectados teñan que volver meterse en complicados trámites para reclamar as cantidades cobradas indebidamente. O propio Montoro recoñeceu que a decisión de condonar estas cantidades chegara por "tratarse os afectados de persoas de avanzada idade, cunha menor capacidade obxectiva para entender o regulamento tributario".

O que si negou o ministro de Facendo foi que na campaña da Axencia Tributaria houbese "afán recadatorio" e incluso negou que houbese algunha amnistía fiscal en España. "Non houbo amnistía fiscal para os ricos, senón unha regularización extraordinaria", finalizou.

Emigrantes retornados manifestándose na Coruña CC-BY-SA M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.