O pasado 15 de maio Benigno López presentaba a súa dimisión como Valedor do Pobo. Entre duras acusacións contra a oposición parlamentaria e os medios de comunicación o alto comisionado abandonaba o posto tras semanas de controversia provocada polas declaracións nas que consideraba "imprescindibles, xustos e necesarios" os recortes dos gobernos central e galego, ademais de apostar por unha "suspensión temporal" da Lei da Dependencia. Pero un día antes de abandonar López puxo en marcha unha actuación cunha orientación ben distinta ás súas polémicas palabras. O 14 de maio o aínda Valedor dirixíase a unha veciña de Moaña para informala de que admitira a trámite a súa queixa polas elevadas listas de espera do hospital Povisa, a clínica privada á que están asignados, pola vía do concerto, máis de 100.000 pacientes do Servizo Galego de Saúde do entorno da cidade de Vigo.
A través dunha carta, á que tivo acceso Praza Pública, López informaba a cidadá de que se dispuña a promover "a investigación sumaria e informal" sobre a queixa "para o esclarecemento dos feitos". "En principio", explicaba na súa misiva, os motivos esgrimidos pola autora da queixa tiñan cobertura na Constitución, nomeadamente no seu artigo 43, isto é, o que recoñece "o dereito á protección da saúde" e atribúe aos poderes públicos a competencia de "tutelar a saúde pública a través das medidas preventivas e das prestacións e servizos sanitarios".
O Valedor promoveu "a investigación sumaria e informal" para "esclarecer" se as listas de espera de Povisa colisionan coa Constitución
Neste contexto o Valedor informaba da súa intención de iniciar as correspondentes actuacións perante a Consellería de Sanidade e "axiña que dita Administración nos envíe o correspondente informe" comprometíase a "poñerse de novo en contacto" coa paciente de Povisa, "dándolle conta da nosa actuación e, a ser posible, da solución do seu problema". Na mesma comunicación Benigno López informaba de que non consideraba "procedente" abrir outro proceso investigador a respecto de "se os recortes do novo hospital de Vigo deixarían sen posibilidade de acceder ao mesmo aos usuarios e usuarias dos concellos de Cangas, Moaña, Gondomar, Nigrán e Baiona, así como algún barrio de Vigo". Non obstante, o ex Valedor especificaba que non iniciaba o procedemento porque "a data de posta en funcionamento de disto hospital está prevista para principios de 2014" e aínda non están "acordados de xeito definitivo os campos de actuación de dito hospital". A decisión, explicaba, tomábaa "sen prexuízo de poder reabrir" a queixa "nun futuro".
Povisa, campiona galega de listas de espera
Unha das motivacións da queixa e, moi posiblemente, da decisión do ex Valedor, é posible atopalas nas sobresaíntes listas de espera que presenta Povisa a respecto do conxunto da rede hospitalaria do Sergas, da que non forma parte legalmente pero na que si funciona como unha peza máis, dado que para moitos doentes esta clínica concertada é o seu hospital de referencia. De feito, o feito de que o centro vigués supoña unha verdadeira rémora para o conxunto do sistema levou a actual dirección do Sergas a desagregar os seus datos, presentando dous cómputos xerais de listas de agarda, unha "con Povisa" e outra "sen Povisa". Así, no último dato dispoñible, correspondente ao pasado 31 de marzo, o tempo medio de espera cirúrxica en toda a sanidade pública galega era de 82,2 días. "Sen Povisa" esta cifra rebáixase a 64,2 días, porque no hospital privado-concertado agárdase por unha operación ata 185,4 días.
Neste contexto a admisión a trámite da queixa leva as plataformas en defensa da sanidade pública da área de Vigo a vislumbraren unha certa luz de esperanza. Nomeadamente, a Plataforma Sanidade Pública de Moaña sinala que "só queda confiar" en que o "substituto" de Benigno López, José Julio Fernández -ata agora vicevaledor, que exerce como Valedor ata que se elixa un novo- "teña valor e dignidade para, ao amparo do artigo 43 da Constitución" e tamén da Lei de Cohesión e Calidade da Saúde, "inste a Fiscalía para que presente o recurso de inconstitucionalidade polo seu flagrante incumprimento".
Do mesmo xeito o mesmo colectivo sinala que, "a respecto do dereito a ir ao novo hospital de Vigo" a resolución de Benigno López amosou "unha luz de intelixencia", ao "constatar, dende o seu privilexiado lugar" que "coincide" coa opinión da plataforma, segundo a cal "o novo hospital non é máis que fume", "unha espesa cortina de fume negro" sen "certeza ningunha" a respecto dos servizos que prestará, din.