Máis reprimendas ao labor do Estado na catástrofe do Prestige. O xefe do Centro de Coordinación de Salvamento de Fisterra naquel momento, José Pose Vaquero, cre que o buque afastouse "demasiado da costa" logo de que se estabilizase a escora que presentaba e tivese remolque, xa no primeiro día do sinistro, o 13 de novembro de hai dez anos.
Pose defende que se deixase unha distancia de seguridade coa costa, pero non que se continuase afastando mar adentro
Respondendo ás preguntas da Fiscalía e da Avogacía do Estado no reinicio do xuízo do Prestige, Pose non dubidou en asegurar que foi "conveniente" fixar unha distancia de seguridade nos inicios da catástrofe para evitar que o Prestige embarrancase, pero cuestionou con claridade que "se continuase" co afastamento do buque mar adentro, logo de se lograse remolcalo e tras recoñecer que o devandito remolque non era gratuíto. "Estábase afastando demasiado e para os salvadores iso dificultaba o traballo", engadiu, tras denunciar a decisión adoptada polo Goberno central nas primeiras horas.
No entanto, o ex capitán marítimo da Coruña, Ángel del Real, apoiou o afastamento do petroleiro ao consideralo unha decisión "acertada". Insistiu tamén en que a opción de levar o barco a un porto refuxio era "sumamente arriscao" polo "risco inminente de que puidese romper".
Ademais, e en contra das opinións doutros implicados no sinistro, Pose considerou "unha beizón e un mérito" a decisión do capitán do Prestige, Apostolos Mangouras, de permanecer no barco, debido á inexperiencia da súa tripulación á hora de afrontar a catástrofe. Do mesmo xeito, o ex xefe de Salvamento de Fisterra recoñece que eles "desexarían" ter a disposición "un porto refuxio" para evitar así consecuencias máis graves.