O exame da ONU cuestiona o recorte de liberdades públicas en España

Intervención do representante español na ONU © webtv.un.org

España sométese este mércores ao Exame Periódico Universal sobre a situación dos dereitos humanos no Estado. Foi na sede da ONU,  en Xenebra, onde a Rede Europea pola Igualdade Lingüística (ELEN) presentará tamén o seu informe sobre a precaria situación do galego e doutras linguas diferentes ao castelán no Estado, un informe na que se relatan diferentes casos de discriminación lingüística.

O EPU é un mecanismo do Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas que implica a revisión periódica da situación destes nos 193 Estados membros da ONU por parte dos Estados membros do comité. Este é o segundo exame que pasa España tras o de maio de 2010. Durante a sesión, foron varios os Estados que cuestionaron a España e expresaron as súas dúbidas sobre o respecto a liberdades públicas como o dereito de manifestación, en especial en referencia á nova Lei de Seguridade Cidadá. Tamén houbo abondosas recomendacións para impulsar a memoria histórica ante os insuficientes esforzos do Estado na reparación das vítimas do franquismo e na investigación dos crimes cometidos durante a ditadura.

Varios países cuestionaron o recorte de liberdades públicas e criticaron o nulo esforzo en investigar os crimes do franquismo

Na sesión, representantes do Goberno español presentaron o seu segundo informe global sobre o respecto aos dereitos humanos que tiña que ser examinado polo Reino Unido, Serra Leoa e Macedonia, pero avaliado por todos os países presentes, que levan a cabo preguntas e expresan as súas dúbidas.  Foi o secretario de Estado de Asuntos Exteriores, Ignacio Ybáñez Rubio, quen presentou o relatorio e quen advertiu que moitos grupos de control das Nacións Unidas visitaran xa España, aínda que obviou reparar nas dificultades que moitos destes colectivos criticaron, especialmente no caso da análise do respecto da memoria histórica e da reparación dos crimes cometidos durante a ditadura franquista.

No seu discurso, no que ningunha referencia se fixo á situación das linguas diferentes ao castelán, o voceiro do Executivo español reiterou o seu compromiso cos dereitos humanos e destacou, por exemplo, a "vangardista" loita contra a violencia de xénero por parte do Goberno, que foi louvada tamén por outros voceiros e posta en cuestión por outros. Ante as preguntas de representantes de varios países, España repasou os avances levados a cabo nunha loita que "debe ser política de Estado". O Grupo de Traballo da ONU, non obstante, xa denunciara que os recortes en políticas sociais e a eliminación de Educación para a Cidadanía eran factores que perpetúan a discriminación, tras advertir da pervivencia dunha "cultura machista" e de "actitudes patriarcais" no Estado.

Tamén foron varios os países que expresaron as súas dúbidas sobre a atención sanitaria aos inmigrantes en España e que advertiron de que calquera ser humano debería ser atendido. O secretario de Estado de Sanidade, Rubén Moreno, asegurou que todas as persoas con residencia legal en España "teñen a asistencia médica nas mesmas condicións que os nacionais" e aclarou que os que están en situación ilegal son atendidos "por programas sociais das autonomías", pero tamén do mesmo xeito que os empadroados no caso de "situacións graves ou na asistencia por embarazo".

España defendeu a súa actuación en Ceuta e Melilla polo "carácter constante,  masivo e violento" nos intentos de entrada de inmigrantes

Foi un dos temas más abordados, pero non máis que as polémicas devolucións en quente en Ceuta e Melilla, pola que se interesaron Estados como Israel, Xapón, Noruega, Australia ou Rusia, moitos deles reclamando o dereito ao asilo. Neste caso, España diferenciou entre "procedementos de expulsión e denegación de entrada" e defendeu as medidas levadas a cabo na fronteira polo "carácter constante, masivo e violento" dos intentos de entrada de cidadáns africanos. Ademais, varios países presentaron tamén preguntas escritas sobre a reforma lexislativa que legalizaría esas controvertidas devolucións nas que acotío se denuncian vulneracións dos dereitos humanos.

Segundo Ybáñez, a legalización prevista das devolucións sumarias de inmigrantes en Ceuta e Melilla, que definiu como "denegación de entrada", estará "en consonancia coas obrigas de España en materia de protección internacional e o principio de non devolución". Ademais, foron moitos os diplomáticos que insistiron no respecto aos dereitos dos traballadores migrantes.

Arxentina, Chile ou Suíza reclamaron un maior impulso de España na reparación das vítimas da ditadura franquista

Ademais, varios representantes preguntaron sobre os avances do Estado español en canto á reparación das vítimas do franquismo e o respecto á memoria histórica, así como os traballos contra os delitos de odio e a xenofobia e a necesidade de evitar as discriminacións racistas. "O pasado franquista segue a ser un reto", espetoulle o representante de Suíza ao Estado, tras lle reclamar xustiza e reparación, ao igual que o Líbano, que pediu un maior compromiso coa Lei da Memoria Histórica e coas consecuencias da guerra civil. Arxentina foi un dos países que lle pediu a España a "adopción de medidas lexislativas" e que se "tipifique o delito de desparición forzada e se leven a cabo os cambios de orde que permitan que estas desaparicións sexan investigadas de maneira exhaustiva e imparcial". Chile reclamou tamén que se investiguen os crimes do franquismo.

En canto ás consecuencias da crise, tamén varios Estados amosaron a súa preocupación polos efectos sociais das dificultades económicas, poñendo especial énfase na necesidade de que España "retome as medidas de protección social aos máis afectados" ou "impulse acordos entre particulares e entidade financeiras para evitar desafiuzamentos", tal e como asegurou o voceiro de Venezuela. España contestou que se levaron a cabo medidas para protexer os afectados e citou a suspensión temporal dos desaloxos a persoas en vulnerabilidade como exemplo.

Chequia ou Reino Unido amosaron as súas dúbidas sobre a Lei de Seguridade Cidadá

Ao tempo, representantes de varios países tamén pedir que se garanta en España o dereito de manifestación e, como no caso do Reino Unido, púxose en cuesitón que a nova Lei de Seguridade Cidadá non limite "as protestas públicas lexítimas". Chile foi outro país, pero non o único, que amosou as súas dúbidas sobre o respecto ás liberdades públicas. e a República Checa chegou a pedir que non se aproben novas leis para limitar os dereitos civís.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Manifestación contra a 'lei mordaza' en Compostela © UGTGalicia
Intervención do representante español na ONU Dominio Público @irmandadetv

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.