O exceso de visitas e a falta de control poñen en risco o dolmen de Dombate

Danos na reprodución do dolmen de Dombate © Salvemos Cabana

O alcalde de Cabana de Bergantiños, o popular José Muíño, insiste en gabar a xestión do dolmen de Dombate. Presume de "20.000 visitas" desde que o Concello se fixo cargo da súa xestión tras asinar o convenio coa Deputación da Coruña, propietario deste importante xacemento megalítico. Sucédense os roteiros que xuntan centos de persoas ante un só vixilante de todo o complexo e a plataforma Salvemos Cabana, así como varios expertos, alertan dos perigos dun monumento que, denuncia, "tense convertido nunha especie de recinto multiusos sen control" que xa provocou danos na réplica do dolmen e que ameazan unhas pinturas prehistóricas conisideras "unha xoia da arte neolícia na Península Ibérica". 

O alcalde de Cabana presume dos milleiros de visitas, que Salvemos Cabana ve un risco ao realizárense sen control nin apenas vixilancia

Así como a Cova Eirós -outra zona fortemente ameazada polos traballos de Cementos Cosmos- é considerada unha referencia do período paleolítico, o dolmen de Dombate éo do neolítico. Salvemos Cabana leva meses advertindo dos perigos que corre o monumento de seguir permitindo masivas visitas, sen apenas control e que chegan reunir ata un milleiro de persoas nun só día. "Hai veces nas que se xuntan 200 persoas xuntas, o que provoca os cambios das condicións e a afectación sobre as pinturas", explican desde a plataforma, que puido comprobar como un só vixiante ten que ocuparse tanto da réplica como do monumento orixinal. 

A plataforma pide á Deputación, propietaria do complexo, "medidas urxentes" para protexer o espazo

O colectivo pide á Deputación da Coruña a adopción de "medidas urxentes" para protexer o complexo arqueolóxico e reclama a suspensión inmediata do convenio de colaboración subscrito co Concello de Cabana de Bergantiños "tras os danos aparecidos na custosa réplica do megalito debido ao descontrol sobre os grupos que acoden ao complexo". Tamén solicitan que se estableza unha "restrición" no máximo diario de visitantes a prol da "protección das pinturas orixinais de época neolítica que se conservan no interior do monumento".

"Como ao alcalde non lle están a saír os seus proxectos, tampouco o da mina de Corcoesto, o que fai é converter o dolmen de Dombate nun salón multiusos", denuncian. Nun atractivo turístico sen demasiado control nin medidas de protección. Ridículas de comparar co que ocorre noutros xacementos, máis grandes en canto ao espazo que ocupan pero de igual importancia arqueolóxica. "O primeiro cometido do Concello debería ser favorecer a conservación das pinturas que chegaron ata os nosos días", insisten quen lembran que se está a intentar facer un foco de atracción un lugar "sen infraestrutura turística ningunha". "Non hai nin onde tomar un café". 

A réplica xa está danada e Salvemos Cabana advirte agora do risco que corren as pinturas rupestres 

"Sería impensable unha situación semellante noutros países europeos, onde este tipo de xacementos que albergan pinturas prehistóricas gozan da máxima protección e limítase a asistencia de público", insiste a entidade, que lembra os estritos controis en Altamira, onde só se permite "un reducidísimo número de persoas nunha visita de poucos minutos". 

O dolmen de Dombate foi dado a coñecer polo historiador Manuel Murguía e o propio Eduardo Pondal inmortalizouno en 1885 no seu poema Queixumes dous pinos. Os primeiros estudos detallados do monumento foron realizados durante o século XX por Parga Pondal e Pérez Bustamante, entre outros, pero non foi ata finais dos anos 80 cando se levaron a cabo escavacións que puxeron de manifesto a súa estrutura de cámara e corredor, con pinturas e petroglifos nas súas lousas, o que fai que este monumento do IV Milenio a.C sexa actualmente considerado como a Catedral do Megalitismo en Galicia.

O monumento é propiedade da Deputación da Coruña, comprado por acordo plenario en 1975 tras a adquisición de terreos cunha superficie total de 715 m² na parroquia cabanesa de Borneiro, e declarado Ben de Interese Cultural (BIC) o 11 de marzo de 1978. 

Danos no complexo do dolmen de Dombate © Salvemos Cabana
Complexo arqueolóxico de Dombate © Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.