Raúl Solleiro, de 86 anos, quedou orfo dúas veces. A primeira en 1936, cando os militares golpistas executaron o seu pai e detiveron a súa nai. A segunda en 1944, cando a súa nai morreu dous anos despois de saír do cárcere de Saturrarán. Ela era Urania Mella, líder feminista en Galicia durante a República e filla dun dos pioneiros do pensamento anarquista en España, Ricardo Mella. Meses antes de morrer fíxolle prometer ao seu fillo Raúl que nunca se metería en política. "E eu as promesas cúmproas", zanxa Raúl, que entón tiña 17 anos.
Nunca militou, pero as súas conviccións socialistas e a súa sede de xustiza levárono a pedir en 2010 a declaración de reparación e recoñecemento do Ministerio de Xustiza, que admite a invalidez das condenas e sentenzas dos seus pais. Obtivo o recoñecemento e no camiño reclamou que lle fosen devoltos os documentos incautados polos golpistas á súa nai durante o proceso.
O que recoñeceu o Goberno non o aceptou o Exército. O Tribunal Militar Territorial Cuarto da Coruña negou o pasado 12 de xuño a Raúl o dereito a recuperar os documentos e folletos que incautaron á súa nai inxustamente. Entre eses papeis atópanse varias xoias históricas en forma de folletos do seu avó Ricardo Mella, ao que a ministra republicana Federica Montseny definiu como "o máis lúcido de todos os pensadores anarquistas".
Segundo o Ministerio de Defensa "os fondos documentais xerados polo exercicio da xurisdición militar forman parte do patrimonio documental militar e han de ser obxecto de protección como calquera outro documento histórico no arquivo", di a resolución xudicial. "Se o Ministerio de Xustiza di que o meu pai e a miña nai foron condenados de maneira ilegal, por que non me devolven os documentos que lles foron roubados de maneira ilegal?", pregúntase Raúl. O Tribunal responde que os "folletos que foron incorporados ao procedemento e que forman parte do mesmo, debidamente foliados e unidos e que poden ser considerados como peza de convicción" poden ser consultados polos interesados.
"Son unha caste de incunables que quero que me devolvan. Aviso, son un loitador, loitei toda a miña vida e nunca me botei atrás"
Os folletos "de propaganda marxista" que serviron ao tribunal militar de Vigo de 1936 para condenar a morte (máis tarde conmutada a 30 anos de prisión) a Urania Mella por rebelión están: Sindicalismo y socialismo, de José Prat e Sindicalismo y anarquismo, de Ricardo Mella (Editorial Cultura Libertaria da Coruña); En defensa del anarquismo. Lucha de clases, de Ricardo Mella (Imprenta Germinal de Barcelona) e Llamamiento del Comité Central del Partido Comunista (Prensa Obrera de Madrid).
"Son unha caste de incunables que quero que me devolvan. Aviso, son un loitador, loitei toda a miña vida e nunca me botei atrás. E arruineime catro veces", advirte Raúl Solleiro, que a pesar de quedar só con apenas 17 anos progresou até chegar a fundar como empresario a patronal galega e a cámara de comercio.
O legado ausente
Da súa nai só conserva recordos do seu empeño por axudar as mulleres do barrio de Lavadores de Vigo a "ler e escribir na Casa do Pobo", un puñado de fotos e o seu piano. O resto de obxectos da súa casa en Vigo foi saqueado por militares e veciños na guerra. Na causa franquista, xunto aos folletos, arquivaron unha fotografía e o carné do seu pai da empresa de Tranvías Eléctricos de Vigo. Pero Raúl non soubo que eses documentos se atopaban aí ata que foi avisado pola investigadora Iria Presa, especialista na vida e obra de Ricardo Mella.
"Souben por unhas fotos que os folletos estaban na causa, pero non foi ata que os puiden ver no Arquivo de Ferrol cando comprendín que non só estaban as portadas senón que estaban completos alí"
"Souben por unhas fotos que os folletos estaban na causa, pero non foi ata que os puiden ver no Arquivo de Ferrol cando comprendín que non só estaban as portadas senón que estaban completos alí", explica Presa. A historiadora trasladou o achado á familia, que non dubidou en reclamar a súa devolución. Pero a negativa recibida en xuño é a segunda e parece que definitiva. O tribunal militar alega que o artigo 22 da Lei de Memoria Histórica garante aos interesados a recepción das "copias que se soliciten" e que "os poderes públicos adoptarán medidas necesarias para a protección, a integridade e a catalogación destes documentos".
"Non podo dicir que estean ben conservados porque están cosidos á causa, o que provoca que teñas que forzalos para lelos ou fotografalos. De feito eu non os fotografei enteiros para non danalos", denuncia Presa. A historiadora galega cre que o valor da devolución deses folletos a Raúl Solleiro tería o valor de "unha verdadeira homenaxe", máis aló "de pór nomes de rúas ou barcos". Urania Mella, a nai de Raúl e a condenada á morte na causa de 1936, conta cunha rúa en Vigo desde 2008 e o Ministerio de Fomento chegou a nomear a un barco co seu nome, pero con gran balbordo porque os familiares non foron convidados o acto. "Agora o barco en lugar de ser un descontaminador é unha gasolineira flotante e xa lle cambiaron o nome", resígnase Raúl.