O expediente, en "español ou inglés": moi lonxe do estado plurinacional

Documento no que é informada do "defecto" na documentación presentada Dominio Público Praza Pública

Axudas para contratos predoutorais para a formación de doutores 2014. Esta convocatoria da Secretaría de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación do Ministerio de Economía ofrécelles a moitos investigadores e investigadoras unha vía óptima para continuar as súas carreiras. Cunhas axudas e fondos para a investigación cada vez máis reducidos por mor dos recortes, este tipo de convocatorias son agardadas como auga de maio. Hai moita competencia e moitos obstáculos e, ás veces, aparece algún novo.

É o que lle vén de suceder a unha investigadora galega, que presentou a súa candidatura neste proceso. Entre a documentación que de forma obrigatoria debe ser incluída está, por suposto, a certificación académica, a titulación e o expediente universitario, que nas tres entidades do noso país se adoita entregar en galego. Así o incluíu ela. Porén, cando hai uns días apareceu publicada a Resolución de Subsanación de solicitudes, ela apareceu entre as persoas con documentación incompleta ou incorrecta, e comunicóuselle que a súa certificación académica non era válida, por "estar expedida nun idioma distinto ao español ou inglés".

Por desgracia, esas son as condicións que se estipulan na convocatoria, publicada no BOE do pasado 4 de setembro. No texto, especifícase que "se a certificación académica está expedida nun idioma distinto ao español ou inglés, deberán acompañala da correspondente tradución oficial a un destes dous idiomas". A investigadora amósase moi sorprendida, pois nos últimos anos presentouse a outras convocatorias semellantes, da administración central do Estado, nunca lle realizaran esta esixencia. Así mesmo, critica a situación, tendo en conta que a propia Constitución recoñece o galego como "lengua española" (artigo 3). Tamén sinala que situacións coma esta demostran o lonxe que se atopa España de funcionar como un Estado plurinacional.

No seu caso concreto, ademais, atópase ca dificultade de que o breve prazo que a convocatoria concede agora para engadir nova documentación non é suficiente para que ela poida presentar unha certificación académica oficial en castelán, pois debería solicitala na súa universidade de orixe, e é un trámite que leva varios días. A súa única opción é pagar un tradutor xurado para que leve a cabo unha tradución oficial ao castelán do contido do seu expediente académico.

Documento no que é informada do "defecto" na documentación presentada Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.