O feminismo galego "non vai deixar durmir" a contrarreforma do aborto

Presentación das mobilizacións, este martes en Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Por "machista, retrógrada, restritiva, inútil e cruel". A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto non acompasa as súas reivindicacións á axenda política do Goberno central, que tras lanzar o anteproxecto da contrarreforma da lei do aborto antes do Nadal semella dispoñerse a ralentizar a súa tramitación para tentar calmar as voces internas e externas que se opoñen ao proxecto do gabinete de Mariano Rajoy. "O Goberno pode deixar durmir a reforma, nós, non", advertiu este martes unha das súas voceiras, Ana Biqueira, no marco da presentación do calendario de mobilizacións que este colectivo, que agrupa a máis de 65 organizacións de todo o país.

Unha manifestación nacional o 9 de marzo en Compostela será a culminación dun calendario de actos que abrangue dende faladoiros a mesas de debate, pasando por "accións sorpresa" e unha "entrega masiva de queixas" ao Valedor do Pobo, fixada para o 22 de febreiro. Todo, explica outra das voceiras da plataforma, Pilar Estévez, para evidenciar o "amplo consenso en contra" do proxecto que Rajoy lle encomendou ao ministro Ruiz-Gallardón, un plan que atenta "gravemente contra os dereitos das mulleres" apoiándose nunha interpretación retorta da doutrina do Tribunal Constitucional (TC) e dos tratados internacionais, advirten.

A Plataforma convoca unha manifestación nacional para o 9 de marzo

O TC, subliña Estévez, "deixa claro" que non existe "un conflito de dereitos" entre a muller que queda embarazada e "o non nato, que é un ben xurídico" que xa está "protexido pola lei de prazos" de 2010, o marco lexislativo "mínimo" polo que pula a Plataforma. O Goberno conservador, censuran, interpreta ao seu xeito esta xurisprudencia para realizar un "desprezo absoluto" cara ás mulleres, "reducíndoas á cidadás de segunda" que fican "nas mans dos psiquiatras", os mesmos que rexeitan "ter que controlar os úteros alleos".

Feijóo tenta ser "o poli bo"

Amosando perchas e plantas de perexil para simbolizar os arriscados abortos clandestinos aos que, alertan, conduciría a contrarreforma no caso de ser aplicada, a Plataforma salienta que o proxecto "só gusta aos sectores máis ultras e aos bispos" nun contexto no que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, interpretan, só está a practicar un xogo de "poli bo e poli malo". Coas súas declaracións, din, Feijóo "parece un adaíl do apoio ao dereito ao aborto", pero as súas "políticas reais van en contra da lei de prazos", tomando medidas como "os peches dos centros de orientación familiar", a eliminación do Servizo Galego de Igualdade, as dificultades para o acceso á pílula do día despois ou a aprobación da Lei de Familia.

"As políticas reais de Feijóo van contra o aborto"

As reivindicacións que a Plataforma vai desenvolver nos vindeiros meses non só abordarán o rexeitamento aos plans do PP, senón tamén a exposición de alternativas para previr os embarazos non desexados, tales como "o fomento da educación sexual" ou a explicación do actual marco legal, que "foi consensuada en 2010, fixo que os embarazos non desexados non aumentasen" e, sobre todo, "non obriga a abortar", senón que lle dá o dereito de facelo a quen o decida.

Presentación das mobilizacións, este martes en Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.