Arxentina: 30.000 desaparecidos, rescatados os restos óseos de 1.200. 500 bebés roubados, 110 recuperaron a súa identidade. 515 sentenzas por delitos de lesa humanidade. España: Entre 115.000 e 150.000 desaparicións forzadas, unhas 6.000 persoas exhumadas. 30.000 bebés roubados. Cero xuízos, cero condenas.
Arxentina continúa xulgando, aínda hoxe, os crimes da súa última ditadura cívico-militar (1976-1983). España non. O réxime franquista (1936-1975), permanece impune. Ninguén xulgou as violacións de dereitos humanos cometidas polos golpistas en territorio español. Arxentina téntao aplicando o principio de xustiza universal. Ao tempo, suma novos procesos no seu país. España resístese.
Verdade, xustiza e reparación en camiños antagónicos.
O franquismo permanece impune; ninguén xulgou as violacións de dereitos humanos cometidas polos golpistas
En 2014 arrinca o xuízo pola denominada Operación Cóndor, a coordinación represiva entre as distintas ditaduras do Cono Sur de América. Hai unha decena de causas máis programadas, nas provincias de Buenos Aires, Mendoza, Tucumán, La Rioja e Santa Fe. Segundo o Ministerio de Xustiza arxentino, 2013 foi o ano con máis represores sentenciados desde a reactivación das causas unha década antes: 130 condenas, 30 delas a mulleres acusadas a maioría de roubo de nenos. En total, Arxentina suma 515 condenados por crimes durante a ditadura.
O retorno da democracia permitiu á sociedade arxentina aprender a coñecerse tras o horror da ditadura, tal e como sostivo Ricardo Alfonsín, fillo do expresidente Raúl Alfonsín, nunha entrevista. En 1985, "cando aínda a barbarie tiña poder de reacción", as xerarcas do réxime acabaron no banco de acusados no histórico xuízo ás Xuntas Militares. Logo tocou superar "asonadas militares" e as leis de Obediencia Debida e Punto Final. Foi, lembra Alfonsín, "un mérito de toda a sociedade arxentina", unha transición "única" que logrou o obxectivo de manter a memoria das vítimas. "O esquecemento tería deslexitimado a democracia", sentenza.
Goberno e xulgados españois, até hoxe, desatenden os requirimentos emanados do Xulgado Federal 1 de Bos Aires
E España? A Lei de Amnistía de 1977 blindou os responsables da ditadura franquista ante posibles procesos xudiciais. A Querela Arxentina tenta romper o muro da impunidade institucional para o terrorismo de Estado. Goberno e xulgados españois, até hoxe, desatenden os requirimentos emanados do Xulgado Federal 1 de Bos Aires. Vítimas do franquismo reclaman acceso á xustiza, que España atenda as recomendacións da ONU. Sen éxito, por agora. A sociedade española coxea na superación da súa propia lei de punto final. O contexto de "inacción nos casos de desaparicións forzosas, nenos roubados e as exhumaciones das 2.500 fosas comúns que aínda hai en España, entre outros delitos imprescriptibles e crimes contra a humanidade", segundo Nacións Unidas.
Odette Magnet e Laura Elgueta, irmás de dous secuestrados por militares arxentinos, declaran na capital arxentina no marco procesual da Operación Cóndor. María Cecilia Magnet e Luis Elgueta integran unha lista de 23 chilenos opositores á ditadura de Augusto Pinochet desaparecidos en Arxentina, dun total de 106 de diferentes nacionalidades.
En Mendoza comezou o primeiro proceso en territorio arxentino contra xuíces da ditadura militar. Un total de 40 imputados, entre eles ex maxistrados federais, acusados de participar do armazón de terrorismo de Estado. Axuizados por ser cómplices de torturas e desaparicións. Outros 36 militares, policías e axentes penitenciaros serán xulgados no mesmo proceso. O tribunal abordará, entre outros casos, máis de 200 desaparicións forzadas e "brutais violacións" cometidas a mulleres no Centro de Operacións D2. Están citados un total de 660 testemuñas.
"A chegada deste xuízo custou moitísimo traballo dos organismos de dereitos humanos e os seus avogados", conta a eldiario.es a profesora da Universidade Nacional de Cuxo ( UNCuyo) en Mendoza, Sara Gutiérrez. Os testemuños relatan como os imputados visitaban "as celas clandestinas, sabían que alí había persoas torturadas, incluso unha menor que fora violada". Pero "nunca fixeron nada". Gutiérrez, que perdeu a un irmán asasinado pola ditadura, destaca que o proceso causou "gran impacto a nivel nacional pola envergadura que implica sentar aos xuíces cómplices, algo impensable anos atrás".
Senllos tribunais celebran xuízos por crimes cometidos en centros clandestinos de detención da provincia de Buenos Aires: 'Mansión Seré', na localidade de Castelar, e 'El Vesubio', na Tablada. Oito e cinco acusados, respectivamente, por privación de liberdade agravada, torturas e homicidios. Arxentina continúa tronzando a impunidade da súa última ditadura. España resístese.
A ONU xa censurara hai máis de tres meses por esquecer as vítimas e non xulgar o franquismo. O relator das Nacións Unidas que visitara Galicia pedira máis recursos para os represaliados e declarárase "sorprendido" pola inacción do Executivo e as negativas da Fiscalía a extraditar os torturadores reclamados por Arxentina.