O futuro do convento de Herbón, no aire

Convento de Santo Antonio de Herbón © SGEP

O convento franciscano de Santo Antonio de Herbón, en Padrón, non será declarado Ben de Interese Cultural (BIC) e o seu futuro é incerto. Hai uns dias rematou o prazo que tiña a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para realizar esta declaración e o silencio administrativo non augura un bo futuro para esta proposta, realizada en 2011 polo Seminario Galego de Educación para a Paz xunto con outras entidades. A isto uniuse a decisión das autoridades da orde franciscana de pechar esta comunidade, que leva vivindo e traballando no convento dende hai máis de 600 anos e que, por exemplo, comezou a cultivar o pemento que tanta sona dá a esta zona.

A presión do alcalde da localidade foi suficiente como para paralizar a declaración BIC, logo de crear unha enorme alarma social na parroquia de Herbón

A proposta para que o monumento fose declarado Ben de Interese Cultural (BIC) tivo unha boa recepción na Dirección Xeral do Patrimonio, no Concello de Padrón, no Ministerio de Fomento e na Orde Franciscana. Buscábase acceder a distintas liñas de financiamento, entre elas, á do Ministerio con cargo ao 1% cultural para, desta maneira, restaurar unha parte dos edificios, co obxecto de poñer en marcha o Lar da Paz, un Centro Internacional pola Paz, base dun futuro espazo-museo, similar a Baketik no Mosteiro de Arántzazu, en Euskadi, ou o Museo da Paz de Gernika. Otras iniciativas socias, coma a creación dunha Casa de Acollida para nenos en situación de risco social (Viravolta), un Centro de Estudios Xacobeos e un Albergue de Peregrinos, a Sociedade de Estudios Irienses, AMIPA, ou Sementar, tamén ocuparían as instalacións.

Patrimonio deulle o visto bo a  un proxecto para o que Pedro de Llano elaborou un completo plan de restauración e iniciouse a tramitación do expediente sen problema algún. Solicitáronse informes complementarios a diversos organismos: Consello da Cultura Galega, USC e a Universidade da Coruña, que tamén o apoiaron.

A Comisión Provincial cedeu ás presións e manifestouse contrario ó BIC co único voto particular en contra do representante da Universidade da Coruña

Porén, como relata Manuel Dios, "o que fora un camiño de rosas institucional, tornou -de súpeto- un inferno de presións e manipulacións" pois "algúns veciños, alarmados irresponsablemente polo alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira (PP) e por algún funcionario municipal interesado, logo de manifestar o seu apoio publicamente, empezaron a reconsiderar que o BIC atentaba contra dos seus plans porque, na súa opinión, dificultaría a propia existencia de invernadoiros de pementos arredor do recinto amurallado de Herbón", ademais de "operacións inmobiliarias previstas". Segundo denuncia Manuel Dios, Fernández Angueira dirixiu "as súas presións contra Patrimonio e a Comisión Provincial", encargadas de ditaminar sobre o BIC en última instancia. "Alerta de graves conflitos no lugar, de división social extrema (alimentada previamente). Mesmo presenta alegacións fora de prazo e usa todas as súas influencias internas no PP. O seu obxectivo final: dinamitar o BIC para Herbón, paralizalo definitivamente", explica.

"En moi pouco tempo, se ninguén non o remedia, os intereses particulares de algúns, os de sempre, prevalecerán sobre o ben común. Como tantas veces"

Ameazas telefónicas, mentiras ao respecto do que a declaración implicaria para os negocios próximos ao convento e mesmo dous cans envelenados... Un ambiente conflitivo que só buscaba paralizar o proxecto en base a intereses nunca aclarados. A Comisión Provincial cedeu ás presións e manifestouse contrario ó BIC co único voto particular en contra do representante da Universidade da Coruña. “A alarma social creada entre os veciños da parroquia polo alcance da delimitación do BIC podería e debería terse evitado con un  esforzo pedagóxico maior por parte da dirección xeral de patrimonio cultural e da alcaldía de Padrón”, dicía este voto particular, que advirte que “a protección deste patrimonio cultural non é unha ameaza para o pemento de Herbón, senón unha oportunidade para enriquecer o potencial de atracción  turística, económica, cultural e social da zona, con múltiples beneficios, directos e indirectos, para todos os seus habitantes”.

"Desde aquela impúxose o silencio. A decisión estaba tomada. Tan só quedaba esperar e esgotar os prazos. Silencio administrativo negativo", conclúe Dios que engade: "En moi pouco tempo, se ninguén non o remedia, os intereses particulares de algúns, os de sempre, prevalecerán sobre o ben común. Como tantas veces". O prior do convento, Roberto Freire, vén de ser trasladado ao Cebreiro, baleirando ainda máis Herbón, cuxo futuro é incerto.

Convento de Santo Antonio de Herbón © SGEP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.