O Goberno confirma a discriminación por motivos políticos dun traballador de Navantia

Xaquín García Sinde, este mércores, con Yolanda Díaz no Parlamento galego © AGE

Xaquín García Sinde é traballador de Navantia Ferrol, dirixente sindical e militante de Esquerda Unida. O pasado ano o Centro Nacional de Intelixencia (CNI) denegoulle (a el e a outros catro empregados do estaleiro) a habilitación persoal de seguridade imprescindible para realizar o seu traballo na parte militar das instalacións. A denegación realizárase "sen fundamentarse o motivo", como denunciaba Ignacio Naveiras (CCOO), portavoz do comité de empresa, sendo a primeira vez que isto sucedía. 

"O señor García Sinde demostrou unha continuada participación en organizacións e grupos cuxos ideais defenden unha estratexia revolucionaria: de clase, anticapitalista e internacionalista", sinala o CNI

Nas notificacións oficiais só se facía referencia a que o traballador "non reúne os criterios de idoneidade" sinalados na norma NS/02 da Autoridade Nacional de Seguridade Delegada, é dicir, que o empregado en cuestión demostrara "de obra ou palabra, falta de honradez, deslealdade, falta de fiabilidade, non ser de confianza, ou indiscreción". Porén, tanto García Sinde coma os restantes excluídos levaban décadas traballando en Navantia con información sensible e nunca foran sancionados. Xaquín García Sinde decidiu denunciar o CNI, gañando a demanda ante a Audiencia Nacional que nunha sentencia firme anulou a decisión e obrigou a redactar unha nova resposta fundamentando esta negativa.

Para o afectado, “están recoñecendo abertamente que é un veto político e ideolóxico. Eles recoñecen que non fago nada ilegal, que as miñas actividades políticas son lícitas, pero non lles gusta a miña ideoloxía"

No momento en que se produciu o primeiro veto, García Sinde sinalaba en conversa con Praza que "Eu, como toda a xente en Ferrol, teño claro que isto é unha represalia polas miñas ideas e pola miña militancia e o meu activismo político. Pois ben, hai só uns días, o pasado venres 13 de novembro recibiu unha nova resposta por parte do Ministerio de Presidencia na que, esta vez si, se xustificaba a denegación do acceso por un motivo concreto. E, efectivamente, tiña que ver coas súas ideas e militancia política: "O señor García Sinde demostrou unha continuada participación en organizacións e grupos cuxos ideais defenden unha estratexia revolucionaria: de clase, anticapitalista e internacionalista". A comunicación engade que "se ben esta participación é lícita, considérase discordante coa protección da información clasificada que o Ministerio de Defensa español lle cede á industria para os seus desenvolvementos armamentísticos".

Para o afectado, “están recoñecendo abertamente que é un veto político e ideolóxico. Eles recoñecen que non fago nada ilegal, que as miñas actividades políticas son lícitas, pero non lles gusta a miña ideoloxía”. Sinala que o sucedido “é un síntoma máis da deriva e a mentalidade autoritaria do Partido Popular”, lembrándolle "os tempos da Guerra fría ou de Franco nos que aquelas persoas que tiveran ideas comunistas eran sospeitosos e considerados un perigo para a seguridade nacional”. "É unha actuación propia da policía política dunha ditadura. Que alguén me explique cal é a diferenza con esa etiqueta que che colocaba o Franquismo de 'desafecto ao réxime'", engade. 

"A lei mordaza, a persecución a sindicalistas, as multas a manifestantes, a preferentistas..., todo para tentar crear un clima de medo, para evitar as protestas. É unha mostra de que o PP non asumiu a democracia, porque a democracia non é 'eu déixoche pensar o que queiras, pero despois atente ás consecuencias', a democracia é poder pensar o que queiras e que despois iso non teña consecuencias”, sinala. 

"É unha mostra de que o PP non asumiu a democracia"

García Sinde afirma que volverá denunciar a súa situación ante a xustiza. Este mércores explicou o seu caso no Parlamento, acompañado por Yolanda Díaz, vicevoceira de AGE. Díaz informou da presentación por parte do seu grupo parlamentar de diversas iniciativas nas que se pregunta á Xunta que medidas vai tomar para amparar os dereitos políticos e constitucionais deste traballador e que medidas vai poñer en marcha para evitar que unha situación semellante poida acontecer novamente. Para AGE, a resposta do CNI "deixa de manifesto unha clara discriminación por motivos políticos, o que atenta cos principios básicos da democracia e supón unha clara vulneración dos dereitos recollidos na propia Constitución e que o goberno estatal do Partido Popular non dubida se saltar".

Xaquín García Sinde, este mércores, con Yolanda Díaz no Parlamento galego © AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.