Triacastela ten 721 habitantes e é un concello eminentemente agrario e gandeiro, con máis de 2.500 vacas. No entanto, ten un sector servizos moito máis desenvolvido do que cabería agardar nun municipio destas dimensións. En torno ás 6 da madrugada diversos locais hostaleiros serven almorzos a un ritmo máis propio de localidades maiores, e polas súas rúas proliferan as terrazas, os pequenos aloxamentos e mesmo conta con varios supermercados. Por Triacastela escóitase falar, sobre todo, galego, pero tamén español, inglés, francés ou italiano de forma frecuente. Todo isto responde, en boa media, ao Camiño de Santiago, cuxa reactivación nos anos 80 e 90 lle deu folgos a unha vila e a un sector servizos que agora se enfrontan a un posible boicot turístico por mor da teimosía do seu goberno local en montar unha tourada, prevista para o vindeiro día 22.
"Aquí nunca houbo nada diso", testemuña unha nonaxenaria nada en Castro de Rei pero con vinculación familiar a Triacastela dende hai máis de medio século. Non en van, a tourada vén 'herdada' dende o veciño concello de Sarria, onde a saída do PP do goberno local tras as eleccións do 24-M propiciou a fin do espectáculo de tortura animal nas súas festas. O empresario que organizaba a tourada sarriá, apoiado por un edil do PP da vila e a través da asociación que viña organizando as festas mentras gobernou o PP propiciaron a mudanza, que a alcaldesa de Triacastela, a tamén popular Olga Iglesias, acolleu de bo grao.
Boa parte da economía local susténtase nos peregrinos, que veñen amosando o seu rexeitamento á celebración da tourada
A aposta por organizar o evento xerou uns receos que se acrecentaron coa aprobación da tourada no pleno municipal nos primeiros días de agosto, e que aumentaron aínda máis a pasada fin de semana, cando se realizou a montaxe da praza de touros portátil. A tourada non gusta a boa parte da veciñanza, especialmente nos negocios que tratan a diario cuns peregrinos que maioritariamente, comproban, están en contra deste tipo de espectáculos. Comerciantes e hostaleiros comunicáronlle a inquedanza á alcaldesa e, dadas as circunstancias, optaron por pendurar cartaces nas portas dos seus establecementos para deixar claro que non apoian a tourada.
"Se se fai, non volvo"
Boa mostra do prexuízo económico e turístico que pode traer consigo ligar o nome de Triacastela ás touradas son os testemuños ao respecto que a asociación animalista Vox Ánima recolleu entre a veciñanza de Triacastela e, sobre todo, entre peregrinos e peregrinas en ruta cara a Compostela. "Se isto se fai aquí, non volvo", di un habitual do Camiño Francés. "O Camiño representa valores que non teñen nada que ver con matar os animais e festas crueis", engade outro peregrino. "Non hai un peso para facer nada na vila, pero gastan en matar animais", engade unha veciña. "Non me gusta esa forma de maltrato animal nin lle vexo sentido en Triacastela", lamenta un veciño, que atribúe a organización da tourada ao "capricho persoal de alguén". "Só lle vexo prexuízos, por exemplo cos peregrinos", alerta.
"Só lle vexo prexuízos, por exemplo cos peregrinos", di un veciño
Esta "resposta da cidadanía e da economía local" é observada como "moi positiva" pola organización Galicia, mellor sen touradas (GMST), para quen a actitude do Concello é "máis propia do caciquismo que dun goberno democrático". En conversa con Praza Pública o seu voceiro, Rubén Pérez, lembra que GMST "reclamou que se fixese unha consulta" entre a veciñanza a respecto das touradas, algo que "non sería custoso nin problemático nunha vila tan pequena". "A resposta foi que non había cartos, pero si que hai para unha tourada -o Concello admite que pon uns 1.000 euros para, entre outras cousas, editar os cartaces que promocionan o espectáculo pola zona-".
GSMT e activistas locais denunciaron a instalación da praza de touros portátil porque "semella que non ten as preceptivas licenzas"
Alén da oposición ao maltrato animal, ás touradas en xeral e a esta en particular -unha petición en change.org suma xa máis de 7.000 sinaturas contra a tourada de Triacastela-, GMST está agora a colaborar "con activistas locais" para tentar frear a corrida pola vía legal. "Semella que a instalación da praza de touros non ten as preceptivas licenzas", e por iso "xa hai unha denuncia na Axencia de Protección da Legalidade Urbanística" e "xa houbo contacto coa Policía Autonómica, que xa trasladou a documentación" á Xunta. De xeito paralelo prepárase unha mobilización antitaurina para o vindeiro día 22 na vila e diversos negocios advirten de que nesa xornada "se van negar a atender a quen non estea acreditado como peregrino", o que para Rubén Pérez "demostra que ven que vencellar unha localidade do Camiño a este evento non só é cruel, senón que ademais non é rendíbel".