O Goberno só apraza pagos aos emigrantes, aos que segue a considerar defraudadores

Emigrantes retornados, nun aeroporto galego © Xunta

O ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, asegura que o Goberno estuda caso por caso a situación dos emigrantes aos que o Executivo leva sancionando meses por non declarar as pensións recibidas noutros países e que agora son reclamadas pola Axencia Tributaria co obxectivo de lles aplicar aprazamentos no pago do IRPF. É a única medida de graza que se lle está a aplicar a un colectivo fortemente afectado en Galicia e que segue a ser considerado defraudador, malia que a propia Administración recoñece que "non declararon eses ingresos por descoñecemento". Porque nada se di aínda de obviar os intereses de demora e as sancións, tal e como reclamou o Parlamento galego.

O Goberno segue a manter as sancións e os intereses de demora, malia a petición unánime de todos os grupos da Cámara galega

Todos os grupos da Cámara galega solicitaron ao Goberno de España que regularice a situación dos pensionaistas, sen consideralos defraudadores fiscais, que se lles informe axeitadamente das súas obrigas, que se habiliten períodos de pagos máis amplos e que se exima do pagamento de sancións e intereses de demora a aqueles pensionistas que regularicen a súa situación fiscal. Así llo recordou o pasado martes a senadora socialista Paula Fernández a Cristóbal Montoro, que se limitou a dicir que "non se poden facer excepcións", aínda que si que haberá que "mirar cada caso", a mesma resposta ambigua que deu este mércores na sesión de control do Congreso.

O número de afectados en Galicia é duns 50.000 pero podería chegar aos 200.000 ao ampliarse a campaña

O número de afectados por esta campaña en Galicia sitúase sobre as 50.000 persoas e Facenda xa recadara até xuño uns 3,5 millóns de euros no país. No entato, e segundo advirte a oposición, os afectados poden chegar a 200.000 ao ampliarse os expedientes sancionadores aos exercicios entre 2009 e 2013. Cada un dos emigrantes requiridos paga entre uns 12.000 e 15.000 euros entre a regularización, os intereses de demora e as sancións.

“Non só exixen o pago atrasado dunha débeda que descoñecían senón que ademais sanciónaselles de xeito improcedente, xa que non existe principio de culpabilidade", asegura Paula Fernández, que coincide co seu partido e o resto da oposición galega en reclamar para os afectados o mesmo trato que para importantes defraudadores reais. "Por que non lle deron a oportunidade de acollerse á amnistía fiscal? Por que non se lles deu a mesma oportunidade que a Bárcenas, os implicados na Gürtel ou as grandes forturnas para que puidesen pagar menos e non fosen sancionados?", cuestionou.

Mentres, o Goberno insiste en que se reúne cos colectivos afectados para lles dar "facilidades", pero nada fala de suprimir as multas ou os intereses de demora aplicados. Ademais, a Axencia Tributaria está comunicando as sancións primeiro aos que foron residentes en Francia, Suíza e Alemaña para seguir logo co resto dos países de Europa e Latinoamerica.

O límite xeral sitúase nos 11.200 euros anuais, polo que todos aqueles pensionistas que entre a pensión de España e a do país onde emigraron superen esa exigua cantidade estarían obrigados a poñerse ao día ao ter dous pagadores. A barreira, no entanto, sitúase nos 22.000 euros para calquera outro pensionista. Os afectados insisten en que nunca foron informados sobre o obrigatoriedade de realizar a declaración e que incluso foron advertidos, tanto por parte da Administración estatal como por outras doutros países europeos, de que non tiñan por que declarar o subsidio.Incluso, no caso de Alemaña,  hai acordos bilaterais entre estados que deixaría exento do pago aos emigrantes no país xermano.

A campaña de Facenda afectaría tamén a mariñeiros embarcados en buques de bandeira non española

Por outra banda, e segundo lembra o colectivo de afectados da Mariña, a campaña levada a cabo polo Goberno afecta tamén a mariñeiros que estiveron embarcados en buques de bandeira non española, así como a traballadores de compañías españolas que saíron facer traballos ao estranxeiro. Abriuse tamén un proceso de sancións contra aqueles emigrantes retornados que sendo titulares de bens e propiedades no estranxeiro non declaradas e que provoca multas de entre 10.000 e 50.000 euros.

Reivindicación dos emigrantes pensionistas CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.