"O home enxeñeiro e a muller enfermeira segue sendo un modelo moi común, que debemos combater"

Unha das facultades da Uvigo © Uvigo

A Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo comezou a funcionar en 2006, co obxectivo de traballar a prol da incorporación transversal do principio de igualdade efectiva entre os homes e as mulleres en todos os ámbitos da comunidade universitaria. Entre outras moitas actividades, tanto puntuais como labores transversais e continuos, destaca o Informe diagnose da igualdade publicado en 2009, como paso previo á aprobación dun Plan de igualdade entre mulleres e homes na Uvigo. Nese documento analizábanse distintas variables cuantitativas e cualitativas sobre a presenza da muller na universidade, ben como alumnas, inviestigadoras, docentes ou en postos directivos, sobre os plans de estudo e contidos difundidos e sobre as investigacións e publicacións realizadas.

"A nosa institución non é unha illa e como calquera outra institución social está impregnada dos valores xeneralizados que, malia os avances formais na igualdade, continúan a ser androcéntricos"

Tamén se destacaba que "na sociedade e na universidade a discriminacion actúa sobre todo agochándose baixo formas sutís e no medio de procesos que en aparencia semellan neutros ou normais". Engadía que "a nosa institución non é unha illa e como calquera outra institución social está impregnada dos valores xeneralizados que, malia os avances formais na igualdade, continúan a ser androcéntricos". E concluía que "a universidade ten a responsabilidade de dar exemplo e de ser un referente no que a sociedade se poida mirar".

Esa maioria no alumnado, mesmo nos terceiros ciclos, non se reflectía no persoal docente e investigador, un ámbito no que o 65% seguían sendo varóns

O texto sinalaba que as mulleres eran maioría no alumnado universitario, pero lembraba que no ámbito tecnolóxico a súa presenza seguía sendo reducida, inferior ao 30%. Porén, esa maioria no alumnado, mesmo nos terceiros ciclos, non se reflectía no persoal docente e investigador, un ámbito no que o 65% seguían sendo varóns. No caso do número de catedráticos e catedráticas, a desproporción era moito maior, e as mulleres eran so o 16%. Falamos con Anabel G. Penín, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.

Cales son os principais retos ou problemas, relativos á igualdade efectiva, que a Unidade de Igualdade ten que enfrontar na Universidade de Vigo? 

O principal reto da Unidade de Igualdade é conseguir que a comunidade universitaria asuma a cultura da igualdade como unha necesidade para acadar a calidade e excelencia universitaria. A perspectiva de xénero debe informar toda a actividade universitaria, non se debe entender como unha competencia exclusiva da Unidade ou do persoal docente e investigador que traballa nese campo. Promover a igualdade efectiva entre as mulleres e os homes que conforman a nosa universidade interesa e beneficiará a toda a comunidade e á sociedade en xeral. É un avance conxunto, non debe ser visto como un asunto exclusivamente de mulleres.

"Promover a igualdade efectiva entre as mulleres e os homes que conforman a nosa universidade interesa e beneficiará a toda a comunidade e á sociedade"

En que se avanzou máis dende 2006?

O maior avance foi conseguir que a igualdade de xénero se asumise como un compromiso da institución no seu Plan estratéxico da Universidade de Vigo, realizar o Informe diagnose da igualdade e aprobar o ano pasado o I Plan de igualdade entre mulleres e homes (2012-2014). Estes documentos configuran os instrumentos políticos que avalan e comprometen a institución coa loita pola igualdade real entre mulleres e homes na nosa comunidade universitaria. 

Que actividades levades a cabo? Cales serán as próximas?

Cada ano publícanse un par de convocatorias de axudas para a organización de actividades que contribúan á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios á que pode concorrer calquera membro da comunidade universitaria. Con isto, conseguimos a implicación de persoas de todos os sectores e que as nosas actividades se distribúan polos centros dos tres campus da nosa Universidade. As actividades que se organizan son variadas dende ciclos de cine  á ciclos de conferencias, obradoiros ou xornadas centradas nun ámbito concreto.

Ademais, organizamos anualmente unha Xornada de Innovación en Xénero. Docencia e Investigación máis centrada no ámbito académico na que presentan as súas comunicacións persoal docente e investigador de todas as universidades do Estado Español. A III edición terá lugar o vindeiro 13 de decembro. Por outra banda, este ano realizamos xa a III edición do Proxecto de visibilización das obras das alumnas de Belas Artes ARTISTAS coa que pretendemos abrir unha canle de difusión entre elas e o mundo profesional artístico. As obras seleccionadas son editadas en postais de balde que se distribúen en todos os centros da Universidade de Vigo e este ano por primeira vez no MARCO e o CGAC. Pero hai un traballo máis interno, menos visible, que tamén é moi importante como é o de emitir informes de impacto de xénero das normativas e convocatorias de persoal que publique a Universidade de Vigo ou a de revisar os seus textos para adaptalos a unha linguaxe non discriminatoria.

"Maioritariamente seguimos sendo as mulleres as que renunciamos ou atrasamos a nosa vida profesional polo coidado das crianzas e iso repercute moito na súa carreira"

As mulleres son maioría entre o estudantado de moitas carreiras, e tamén se van incorporando máis docentes. Vaise reducindo a fenda que aínda se mantén noutros ámbitos, sobre todo entre os catedráticos e postos de dirección, pero tamén entre o persoal investigador?

Redúcese pero moi pouco. A fenda seguirá existindo mentres non se establezan medidas reais de corresponsabilidade e conciliación. A maternidade débese entender como un beneficio social, e non coma unha tarefa das mulleres. Maioritariamente seguimos sendo as mulleres as que renunciamos ou atrasamos a nosa vida profesional polo coidado das crianzas e iso repercute moito na súa carreira.

"Temos a responsabilidade de promover vocacións científicas femininas e de cambiar os papeis que nalgúns casos a sociedade ten destinados para as mulleres e os homes"

Hai áreas (nomeadamente as cientifico-técnicas) nas que aínda hai pasos por dar para a incorporación da muller, mesmo no número de alumnas?

Toda a sociedade debería esforzarse en combater os estereotipos de xénero. Estereotipos que son a base de moitas das desigualdades que sufrimos as mulleres. O home enxeñeiro e a muller enfermeira segue sendo un modelo moi común e debemos combater eses modelos tan marcados. Temos a responsabilidade de promover vocacións científicas femininas e de cambiar os papeis que nalgúns casos a sociedade ten destinados para as mulleres e os homes. Debemos normalizar a presenza das mulleres en estudos e profesións desenvolvidas tradicionalmente por homes e debemos presentar modelos de referencia igualitarios.

Hai que crear aínda unha cultura da igualdade

Hai que continuar creándoa. No Informe-diagnose da igualdade na Universidade de Vigo detectouse que hai unha falsa crenza de que a universidade é unha institución neutra e que a igualdade xa está acadada ou que a situación se equilibrará por si soa, pero isto está xa demostrado que non é así. Cómpre tomar conciencia colectiva da necesidade de acadar unha igualdade real e que ter unha universidade igualitaria é ter unha universidade de calidade.

"Detectouse que hai unha falsa crenza de que a universidade é unha institución neutra e que a igualdade xa está acadada ou que a situación se equilibrará por si soa, pero isto está xa demostrado que non é así"

A linguaxe inclusiva é outra das vosas batallas, non si? 

Si, é outra das batallas pola que apostamos moi forte dende o principio. Empregar unha linguaxe inclusiva visibiliza as mulleres. Dende a Unidade de Igualdade editamos un Manual de linguaxe inclusiva no ámbito universitario que foi asumido como norma para redactar a documentación institucional. Temos realizado varias accións formativas para o persoal docente e investigador e o persoal de administración e servizos e notamos avances neste campo. Hai maior preocupación por empregar unha linguaxe non discriminatoria e por formarse neste campo. Creo que hai menos resistencias a empregar linguaxe inclusiva, e enténdese mellor que as mulleres non nos sentimos representadas no masculino xenérico.

Tamén é importante que os contidos impartidos, ou os enfoques investigadores, non deiten unha visión unicamente masculina sobre o mundo?
 
Dende logo. É importante que os planos de estudo contemplen materias con contido en xénero ademais do deber de aplicar a perspectiva de xénero a toda a docencia. Débense ademais repensar os obxectivos das investigacións, introducir valores de igualdade e visibilizar as achegas das mulleres. Hai que ter moi presente o papel da universidade como transmisora de valores e como creadora de modelos de referencia e de pensamento. 

Unha das facultades da Uvigo © Uvigo
Anabel Penín © Uvigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.