O hospital de Santiago evita negar o atraso de seis meses en tratamentos de cancro

Pacientes reciben quimioterapia nun hospital galego © Sergas

As preguntas eran claras. As respostas, moito menos. A alerta lanzada pola Asociación de Usuarios de Oncoloxía (Auso) do Hospital Clínico de Santiago (CHUS) que, como vén relatando Praza Pública, denuncian o atraso de tratamentos de cancro de próstata por motivos económicos, non é refutada polo Servizo Galego de Saúde nin polo propio hospital. Unha vez feita pública a reclamación do colectivo de doentes a Consellería de Sanidade declinou, a preguntas deste xornal, valorar ou aclarar este caso, remitíndose ao propio centro hospitalario. O CHUS, pola súa banda, ofrece como única réplica á inquedanza dos pacientes unha escueta nota na que, en síntese, evita negar tanto o atraso como os motivos que Auso ve por tras, isto é, os cartos dun tratamento que "vén custando 25.000 euros".

A Consellería de Sanidade declina valorar o caso

Diante do adiamento na administración de abiraterona, o fármaco indicado para o cancro de próstata con metástase polo que agardan cando menos tres pacientes no hospital compostelán, o CHUS asegura que "garante a máxima calidade na atención sanitaria que lles presta a todos os seus doentes, con especial excelencia nos doentes con patoloxía oncolóxica". Neste caso concreto, o centro hospitalario reproduce para a prensa o que xa lle trasladou á asociación que representa as persoas enfermas: "a incorporación de novos fármacos nos centros da rede asistencial do Sergas ten que contar necesariamente co aval da Comisión Autonómica Central de Farmacia e Terapéutica". Unha vez dada a luz verde por parte deste organismo, aseguran, o CHUS "incorpora de xeito inmediato na súa guía terapéutica todos aqueles fármacos aprobados".

O CHUS di que é "necesaria" a autorización da comisión antes de administrar o medicamento, que os pacientes advirten que xa recibiron "mentres foi gratuíto"

Esta versión contrasta notablemente coa ofrecida polos pacientes e tamén co que acontece noutros centros hospitalarios de Galicia. Así, dende Auso a súa presidenta, Montse Recalde, explica para Praza que non é a primeira vez que un médico recomenda administrar un fármaco novo que non pasou pola comisión e "cando isto sucede, a dirección do CHUS autoriza a aplicación do medicamento paciente por paciente". Do mesmo xeito, abonda Auso, se fose imposible a administración do fármaco mentres non fose autorizado pola comisión, carecería de sentido "o feito de que ese tratamento se administrase mentres foi gratuíto" e que fose suprimido "despois", cando a empresa que o comercializa comezou a cobralo.

Dispoñible para un doente de Lugo tras dous meses de agarda

Mentres o CHUS di agardar pola autorización da comisión malia que esta, en virtude das súas normas internas, debe ter unha "mínimo dunha sesión ao trimestre" e pode celebrar ademais "sesións extraordinarias", noutros hospitais si se dispensa a abiraterona, aínda que non sen dificultades. É o caso do Hospital Lucus Augusti de Lugo, cuxa dirección autorizou este xoves a administración do fármaco a un paciente de cancro de próstata que levaba "dous meses" agardando por el. Quen o conta é o fillo do doente, en comunicación con este diario tras manter unha xuntanza "na dirección" do hospital da cidade da Muralla, por indicación "da doutora do meu pai".

O paciente lugués comezará "a vindeira semana" a recibir o tratamento despois de "insistir" a doutora e a familia 

"A oncóloga díxonos que nestes tempos, e máis coas eleccións, o Sergas non quere facer moitos gastos", explica o familiar, que prefire manter o anonimato. Neste contexto, asegura, foi a "insistencia" da propia oncóloga e a súa propia ante os dirixentes do hospital a que logrou a luz verde. "Agardo que a semana que vén lle empecen a dar o tratamento" que segundo a médico "lle mellorará moito a calidade de vida". A autorización, advirte, chegou "despois de que tivese que ameazar con ir á prensa".

Pacientes reciben quimioterapia nun hospital galego © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.