O incendio de Carnota, controlado tras catro días e máis de 2.000 hectáreas queimadas

Os efectos do incendio no Ézaro CC-BY-SA Monte Pindo parque natural

Outra noite de non durmir, e van tres. O sábado amenceu en Carnota e Dumbría con cheiro a queimado e desánimo no medio dun inferno de lume que, segundo datos oficiais actualizados a mediodía, arrasou unhas 2.200 hectáreas e que, segundo vén de confirmar a prensa que traballa na zona, roldarían xa as 2.900. O paraíso natural do Pindo xa é historia queimada e agora a preocupación sitúase no veciño Concello de Dumbría, onde chegou pasada a media noite e onde as lapas seguían a ameazar as vivendas a primeira hora desta mañá.

A pé de lume o alcalde carnotán, Ramón Noceda (BNG), atendía a Praza Pública a primeiras horas da mañá para lamentar que no monte Pindo o incendio "xa o arrasou todo". Aínda "quedan algúns focos polo medio, nas vaguadas", pero a xoia natural está xa destruída. Xunto ao rexedor de Dumbría, José Manuel Pequeño (PSdeG), vixiaba dende onde "nos deixan pasar" a evolución do incendio, xa que "corren perigo as casas". Algunhas delas, arredor de medio cento no entorno da paraxe natural do Ézaro, foron desaloxadas pola proximidade das lapas.

Co Pindo xa "arrasado", os alcaldes amosan preocupación polas vivendas en perigo

Ese risco para as vivendas mantívose ata pasadas as tres da tarde, cando foi desactivado o nivel 1 mentres algúns dos brigadistas aínda se preguntaban por que non fora decretado o nivel 2. No monte despregáronse 59 brigadas, 27 motobombas, 9 helicópteros, 8 avións, 28 axentes forestais e dous técnicos, ademais dos efectivos da Unidade Militar de Emerxencias. "Hai bastantes medios aéreos", constata o alcalde, que, non obstante, "non cre" que o incendio vaia poder ser "apagado moi rápido". Agora, explica con ton de resignación, o primeiro é afastar o "perigo" das casas, toda vez que a catástrofe natural xa non é posible evitala. Pouco antes das sete da tarde do sábado o lume foi, por fin, controlado.

O PP non acude ao pleno

Este venres, aínda co incendio fóra de control, o goberno municipal de Carnota considerou a necesidade de comezar xa a dar pasos para reclamar a "declaración de zona catastrófica" e solicitar axudas para paliar a traxedia ambiental. Esa sesión plenaria derivou en polémica xa que os cinco edís do PP -o BNG goberna en minoría, con catro edís que reciben apoios puntuais dos dous socialistas- decidiron non acudir ao pleno. "Segundo vin na prensa, din que queríamos facer un incendio político", lamenta Noceda, quen ademais censura que os conservadores "estivesen tentando que tamén o PSOE boicotease o pleno".

O pleno municipal solicitou a declaración de zona catastrófica e axudas para paliar os danos do lume e das chuvias

"O desta xente é dunha irresponsabilidade total", lamenta o rexedor, que se pregunta "que suporía que Carnota non pedise a declaración de zona catastrófica ni as axudas" para tentar recuperar o patrimonio natural perdido. "No pleno non houbo nin debate político", subliña, senón que o goberno municipal, co apoio dos socialistas, reclamou "axudas", tanto para recuperar o queimado como para "paliar os danos" que, subliña, se van producir a causa das escorrentías e a erosión en canto cheguen as chuvias.

Outros incendios

Ademais do incendio de Carnota e Dumbría, a Xunta daba conta na mañá deste sábado doutro incendio activo en Gondomar, na parroquia de Vincios, onde o lume, iniciado á unha e media da madrugad,a queimou "arredor de vinte hectáreas". Medio Rural, que segue sen informar de todos os incendios que se producen, dá por controlado o que arde dende o pasado mércores en Negreira e que xa arrasou 400 hectáreas. Tamén está controlado segundo o Goberno o de Ribasieira (Porto do Son), despois de levar por diante 250 hectáreas e outro en Dumbría, este de 24 hectáreas de monte raso.

No capítulo de incenidos extinguidos a Consellería de Medio Rural sitúa un en Porto do Son, con 150 hectáreas queimadas, e outro en Melide, que quemou 43. O departamento que dirixe Rosa Quintana sinala uqe tamén "quedou extinguido o lume rexistrado no concello da Fonsagrada", un incendio de especial impacto natural que afectou, segundo datos oficiais, a 570 hectáreas e no que traballaron 90 brigadas.

O lume, ao carón das casas no Ézaro © @javi_bperez
Os helicópteros antiincendios, na enseada do Ézaro © Fran Hermida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.