O incendio de Carnota segue avanzando fóra de control

Vista do incendio dende o mar © Asociación Monte Pindo Parque Natural

Dous días, e o incendio de Carnota segue activo e fóra de control. Queimou xa máis de dúas mil hectáreas, arrasou completamente o Monte Pindo e nestes momentos avanza polo espazo do Ézaro e tamén en dirección á parroquia de Arcos, en Mazaricos. Tamén cerca algunhas vivendas no núcleo do Pindo, onde viven unha 1.500 persoas. As brigadas falan de "catástrofe" e ante a gravidade do que está sucedendo o Ministerio decidiu este venres enviar outros 14 avións e helicópteros á zona. En total, traballan no lugar 30 brigadas, 13 motobombas e máis de 30 medios aéreos, pero semellan non ser suficientes para frear o avance do lume.

O secretario xeral de Medio Rural, Tomás Fernández-Couto, apresurouse a negar calquera relación entre a gravidade do incendio e a política forestal da Xunta, asegurando que "nada ten que ver" unha cousa coa outra

O vento amainou nas últimas horas, pero a calor e a sequidade, unida á inexistencia de traballos de limpeza e prevención nos últimos meses, están facendo que as lapas estean continuamente alimentadas. O secretario xeral de Medio Rural, Tomás Fernández-Couto, apresurouse na Comisión de Agricultura, Alimentación e Montes, a negar calquera relación entre a gravidade do incendio e a política forestal da Xunta, asegurando que "nada ten que ver" unha cousa coa outra.

Tamén o alcalde de Carnota, Ramón Noceda, e a Asociación Monte Pindo Parque Natural denunciaron nas últimas horas a responsabilidade da Xunta no que está a pasar, tanto pola inexistencia de políticas de prevención coma polos obstáculos postos á proposta para incrementar os mecanismos de protección do espazo. "Necesítanse poñer cartos na prevención", aseguraba onte o alcalde, e da mesma maneira a Asociación aseguraba nun comunicado que para chegar ao resultado final deste incendio "foi necesario a existencia doutros dous factores fundamentais": a meteoroloxía adversa e "a carencia máis absoluta de medidas de prevención", sendo esta última "unha causa totalmente subsanábel". A entidade esixe a a dimisión de Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, "por ser o máximo responsábel da consellería que decide as novas declaracións de parques naturais en Galicia" e de Rosa Quintana, Conselleira de Medio Rural, "por ser a máxima responsábel da consellería da Xunta de Galicia responsábel da xestión de espazos naturais protexidos".

"Se o goberno da Xunta de Galicia non fai unha verdadeira política de prevención de lumes forestais estas traxedias volverán repetirse cíclicamente"

De igual xeito a Cooperativa Agrícola Raíña Lupa de Quilmas (Carnota) vén de denunciar os graves danos que lle provocou o incendio do Monte Pindo. Advirten de que "se o goberno da Xunta de Galicia non fai unha verdadeira política de prevención de lumes forestais e apoia aos labregos e labregas, o que sería moito menos custoso para a administración que os centos de millóns destinados ás empresas de extinción, estas traxedias volverán repetirse cíclicamente". Ademais, a Cooperativa denuncia a falta de axudas por parte da Xunta para paliar os danos desta catástrofe e lembra que "o que está a pasar agora no Pindo foi o mesmo que pasou en agosto de 2005. Tamén daquela os gobernantes viñeron aquí a sacar a foto e a prometer axuda para os labregos polos danos causados, pero non houbo nada de nada, incumpriron as súas promesas, igual que as van incumprir agora", engaden.

Vista do incendio dende o mar © Asociación Monte Pindo Parque Natural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.