A Plataforma Galega en Defensa do Sector Lácteo intensifica a súa "loita" e levará a cabo máis protestas en setembro ante o convencemento de que "non hai solución ningunha" polo momento á grave crise que sofren os produtores polos ridículos prezos aos que lles pagan o leite e porque "persisten todos os problemas" polos que levan saíndo á rúa xa semanas. O colectivo que integra gandeiros, sindicatos ou alcaldes de comarcas leiteiras acordou ampliar as mobilizacións e "facelas máis globais".
Ás tractoradas de Sarria e Teixeiro seguirán outra en Lugo o 3 de setembro e unha gran mobilización en Compostela o día 7
Así, varias serán as datas claves. Logo das tractoradas previstas para os vindeiros días -este martes en Sarria e o xoves en Teixeiro (Curtis)-, os vehículos tomarán as rúas de Lugo o vindeiro 3 de setembro nunha marcha que pretende ser "aglutinadora de varias comarcas". Pero o prato forte será en Santiago de Compostela o 7 do mesmo mes, cunha gran tractorada que pretende encher a capital galega con 5.000 máquinas coincidindo con outras mobilizacións que o sector vai levar a cabo en toda Europa, nomeadamente en Bruxelas, e ante a reunión dos ministros de Agricultura da UE.
Ademais, nos días seguintes e ata o día 10 -data na que o sector ten prevista outra xuntanza con representantes do Ministerio- levaranse a cabo outros actos e accións sen concretar aínda que rematarán nunha mobilización en defensa do sector lácteo galego que a Plataforma pretende que sexa apoiada amplamente pola cidadanía galega ese mesmo día 10 en Santiago. "A idea é facer a tractorada e darlle continuidade no tempo ás mobilizacións. Imos ter a forza suficiente para manter a loita", advirten desde o colectivo, reunido este luns en Compostela.
A plataforma convoca toda a cidadanía galega a unha gran mobilización en Santiago o día 10 de setembro
Nun comunicado oficial, o colectivo reclamou o apoio, "a máxima colaboración e participación" de "todos os actores económicos, insitucionais e políticos" de Galicia, así como a "implicació" da cidadanía cos gandeiros para que estes sexan "escoitados" tanto pola Xunta como por Madrid. "Que escoiten o berro desesperado de 10.000 familias que ven morrer o seu medio de vida", din, "ante a falta de respostas a unha situación agónica".
Por outra banda, a Plataforma tampouco descarta unha folga de entregas, unha medida á que ninguén dixo que non pero que ten que ser "defendida por uha ampla maioría do sector", o que implica un traballo previo de asembleas para comprobar se ten o apoio suficiente. Sería, en todo caso, un paso máis que se activaría no caso de que a resposta do Goberno central na próxima xuntanza non sexa do agrado dos produtores.
"Que escoiten o berro desesperado de 10.000 familias que ven morrer o seu medio de vida", piden os produtores
Ademais, e en canto ás medidas propostas pola ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, como a de pagar máis polo leite que compra a administración para regular o mercado, Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG, resumiu o sentir do sector ao consideralas "sen sentido". "Como se pode manter que non se pode regular o mercado e logo retirar os excedentes con cartos públicos?", asegura, tras referirse tamén a axuda prometida ás granxas que vendan por debaixo de custos de produción. "Son parches, ademais de propostas contraditorias porque se os custos están en 34 céntimos por litro, a totalidade das granxas galegas terían que ser beneficiarias e non as 2.000 explotacións das que se fala", di. Ao tempo, asegura que o Goberno central só "propón coidados paliativos máis que solucións de verdade".