O "letal" decreto 3+2 volve sacar a rúa o estudantado e docentes universitarios

Manifestación en Compostela Dominio Público @ccoogalicia

Centos de alumnos e profesores saíron este martes á rúa nas principais localidades galegas durante a xornada de folga convocada por sindicatos e organizacións estudantís contra do decreto 3+2. 

Os sindicatos CIG, UGT, CCOO e CSIF, así como Comités, Liga Estudantil Galega, Agir, Comités, Sindicato de Estudantes e Acción Universitaria, uníronse nun lema e nunha manifestacións conxunta encabezada por unha pancarta: En defensa do ensino público. Non ao decreto 3+2. Foi a que marcou o paso na manifestación que saíu da Alameda de Compostela e que tamén apoiou a oposición. O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, así como a secretario de Organización do PSdeG, Pilar Cancela, e o deputado Vicente Docasar estiveron presentes. 

Sindicatos e organizacións estudantís uníronse no rexeitamento ao decreto 3+2 e na defensa do ensino público

Outras figuras políticas achegáronse tamén ao resto de manifestacións que percorreron as cidades galegas en contra dun decreto que suporá a eliminación de titulacións e a fusión de graos, que se reducirán a tres anos e a 180 créditos desde os catro anos e os 240 actuais, unha medida que para os seus críticos suporá a súa devaluación e a obrigatoriedade de cursar dous anos de máster -que agora dura un- e asumir prezos elevados para unha maioría dos alumnos.

Desde os sindicatos e organizacións xuvenís fálase xa dun amplo seguimento e dun gran baleiro nas aulas dos diferentes campus universitarios galegos, así como de manifestacións nas que participaron centos de persoas. "Non, non, non á privatización" ou berros contra o ministro Wert foron habituais nas diferentes marchas. 

Todos os convocantes coinciden en advertir dunha medida que será "letal" para as universidades galegas, afogadas xa polos recortes e a política de austeridade imposta polos gobernos do PP. E todos cren que suporá unha limitación para o acceso das clases populares aos estudos universitarios e un favorecemeto para a súa mercantilización e privatización.

CIG-Ensino cualificou a folga de "verdadeiro éxito" coa "maioría de facultades paralizadas"

O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, cualificou a xornada de folga de "verdadeiro éxito", coa "maioría de facultades paralizadas" e o apoio da "maioría do profesorado", persoal das universidades e do alumnado.   Louzao advertiu tanto ao Ministerio de Educación como á Consellería que deben "tomar nota" e "paralizar" tanto este decreto como a política educativa que implantaron neste ámbito, que leva a "maior privatización.

Pola súa banda, Luz López, secretaria xeral de CCOO-Ensino, explicou que esta reforma supón "un agravio máis para a sociedade galega e que levará a "unha fenda maior" nas diferenzas de clase "por motivos económicos". Neste sentido, explicou que co 3+2 os alumnos terán que cursar dous anos de máster para poder estudar carreiras "de calidade", e con iso duplícanse os gastos" das ensinanzas e "non poderán estudar aqueles que queiran, senón aqueles que poidan pagalo".

Ademais, o deputado socialista Vicente Docasar quixo deixar claro o "apoio" da súa formación aos estudantes e aos profesores respecto á reforma de titulacións, que "pon en perigo a equidade" e o acceso aos estudios superiores ao conceder máis peso aos estudios de máster, que contan con taxas máis elevadas.

Vence advirte de que o 3+2 pretende "degradar" os títulos universitarios e Noriega enviou a súa "solidariedade" a docentes e estudantes

Por outra banda, o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, advertiu de que esta reforma se enmarca nun proxecto "que pretende degradar" os títulos universitarios, que verán reducida a súa dimensión "nun 40%", e levará a que "miles" de estudantes deixen os seus estudos. 

"Queremos unha universidade publica e de calidade para todos os que reúnan os requisitos académicos", defendeu, lamentando esta "involución enorme" que forma parte dun "proceso de desmantelamento" do sistema público, impoñendo taxas e prezos de máster elevados, sen bolsas, mentres reduce a tres anos os estudios de grao.

O alcalde de Teo e aspirante ao bastón de mando en Santiago por Compostela Aberta, Martiño Noriega, enviou "unha mensaxe de solidariedade" cos profesores e estudantes universitarios que este martes saíron ás rúas para reivindicar "un ensino público de calidade".

HABERÁ AMPLIACIÓN

Manifestación en Praterías, en Compostela Dominio Público @EUCompostela
Manifestación en Vigo Dominio Público @ligaVigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.