"O lume foi intencionado, para evitar que se declarase parque natural"

Incendio no Monte Pindo © Asociación Monte Pindo Parque Natural

"Foi intencionado, para evitar que se declarase Parque Natural. Con este incendio quíxose acabar co Monte do Pindo. Escolleron o día, a hora, o lugar e o vento para acabar con todo. É un atentado ecolóxico". A voz de Ramón Noceda (BNG), alcalde de Carnota, amosa o seu cansancio. Moitas horas xa de traballo, de responder ao teléfono, de percorrer a fronte do lume que se iniciou o mércores pola noite e que segue activo, despois de queimar máis de 1.300 hectáreas e de arrasar practicamente con todo o Monte Pindo.

O lume baixa pola Orelluda cara Penafiel, logo de atravesar o Monte Pindo de norte a sur e de leste a oeste, incluindo desde o Fieiro ata a marisma de Caldebarcos e a costa de Quilmas, dirixindose cara o Pindo. Practicamente toda a súa superficie está queimada, agás algunha zona na súa ladeira norte e algúns metros nos arredores do propio núcleo do Pindo. 

A zona xa fora ameazada hai uns días por outro incendio iniciado en Mazaricos e que finalmente quedou a catro quilómetros deste espazo de gran valor natural. Os veciños denunciaron daquela que a zona levaba anos sen ser limpada, polo que a densidade do mato era moi alta, o que podería supor un gran perigo no caso de que se producise outro incendio. Noceda denuncia, ao igual que os veciños, a falta de prevención e traballos de limpeza na zona, dos que responsabiliza á Xunta: "a xente ao redor da súa casa limpa, a cuestión é o monte, non hai prevención. Hai moitos propietarios que non están aquí, que emigraron e non coidan o seu como é debido. E despois o monte público, o monte mancomunado, tamén necesita atención, e esa atención por parte da administración non existe, e os veciños sós non van rozar todo o monte. Necesítanse poñer cartos na prevención".

"Se non fose polo seu esforzo, que traballaron defendendo os seus bens e as súas vivendas, non terían saído adiante"

Varias aldeas foron rodeadas polas lapas e nelas os veciños traballaron durante toda a noite con mangueiras para tentar salvar as súas vivendas. "A colaboración dos veciños foi fundamental", di o alcalde que Carnota, que salienta que "non había medios para que puideran traballar. Os accesos a esas aldeas son moi fastidiados e non poden chegar as motobombas. Se non fose polo seu esforzo, que traballaron defendendo os seus bens e as súas vivendas, non terían saído adiante".

"Dicíannos nalgunha reunión que non había cartos para avanzar na declaración de parque natural. Pois agora perdeuse o que nunca se debeu de perder"

Ramón Noceda cre que a persoa que provocou o incendio buscaba evitar a delcaración de Parque Natural: "Foi intencionado, para evitar que se declarase Parque Natural. Con este incendio quíxose acabar co Monte do Pindo. Escolleron o día, a hora, o lugar e o vento para acabar con todo. É un atentado ecolóxico". A Asociación Monte Pindo Parque Natural denuncia "a destrución case completa" do espazo e a "perda irremisíbel do Monte Pindo" e anima a encher as redes sociais de lazos verdes: "Non queremos lazos negros, queremos ver verde esperanza da natureza que nos axude a superar o negro tristura das cinzas, e en memoria do perdido e do que nunca debe volver a pasar". O alcalde, Ramón Noceda, tamén denuncia o desleixo da Xunta: "levamos tres anos intentando que se aprobe unha declaración de parque natural para que se coide, poñendo todo o noso empeño, para que isto sexa un exemplo. E a administración, por unha merda de cartos, non o fai. Dicíannos nalgunha reunión que non había cartos para avanzar na declaración de parque natural. Pois agora perdeuse o que nunca se debeu de perder".

A Comisión Rectora da Asociación Monte Pindo Parque Natural reunirase esta mesma tarde para valorar o dano causado e decidir as medidas e accións que porán en marcha.

 

"O desleixo cómplice da Xunta está tamén detrás da catástrofe que hoxe lamentamos"

"Non só é culpábel quen prende o lume, senón tamén os que por inacción ou omisión, impiden que a cidadanía se implique na conservación do noso patrimonio natural"

Tamén ADEGA se laia de que "a Xunta desatendera o clamor popular para a súa protección" e destaca que "no que se refire a protección do Monte Pindo, nada mudou en case 10 anos, nen sequera despois de que en 2005 ardera na súa práctica totalidade. Malia a ser parte da Rede Natura 2000, o abandono institucional é absoluto". A entidade ecoloxista salienta que "a incompetencia, a inoperancia e o desleixo cómplice da Xunta para co Monte Pindo están tamén detrás da catástrofe que hoxe lamentamos". Porque, engade, "non só é culpábel quen prende o lume, senón tamén os que por inacción ou omisión, impiden que a cidadanía se implique na conservación do noso patrimonio natural, facendo que agromen sinerxias e oportunidades que reforzarían o compromiso da sociedade con este espazo senlleiro".

ADEGA lembra que a proposta de declarar este espazo parque natural non se baseaba unicamente "nos seus singulares valores xeolóxicos e biolóxicos", senón tamén en que "é a única figura que garante a participación social (concellos, propietarios, sectores sociais) através do Padroado e un orzamento fixo para a conservación do espazo e a dinamización socioeconómica da contorna". Destaca que "esta proposta xurdiu da propia sociedade e concitou amplos apoios dende os máis diversos sectores". E pregúntase: "Cantos espazos protexidos, non só en Galiza senón no mundo xurdiron a iniciativa da propia sociedade que vive ao seu carón?".

"Este é o momento de lamentarmonos polo que se podia ter feito e non se fixo. Axiña será o momento de pedir responsabilidades e demisións"

A Asociación Monte Pindo Parque Natural sinala que a "protección e desenvolvemento substentábel" que reclamaban "xa non chegará a tempo" e salienta que "este é o momento de lamentarmonos polo que se podia ter feito e non se fixo. Axiña será o momento de pedir responsabilidades e demisións a quen podendo facer algo pasou tres anos pechando os ollos, as orellas e a razón á crua realidade". Nos últimos dez anos a Xunta non declarou ningún novo parque natural, figura que se viu substituida de facto por outra, a Rede Natura 2000, "que xera serias dúbidas entre a sociedade polos seus escasos efectos reais sobre a protección do medio ambiente e as trabas ao desenvolvemento substentábel dos pobos nos que se implanta", segundo a asociación.

 

Reaccións políticas

AGE, a través do seu deputado Antón Sánchez, denuncia “a soberbia, a ignorancia e o discurso triunfalista da Xunta”. “Sentimos raiba e indignación”, afirmou Sánchez esta mañá, “ante a soberbia e a ignorancia do señor Núñez”.  Para AGE, a política forestal da Xunta é "inexistente e, polo tanto, absolutamente irresponsábel". "Que haxa ou non lumes nos montes", sinala Sánchez, “depende unicamente das condicións climatolóxicas. Isto é intolerábel”. Segundo Antón Sánchez, o despoboamento do rural atópase entre as causas centrais das vagas de lumes que cada ano arrasan os montes do país. “A Xunta debería comezar por facer cumprir a lei de prevención de incendios forestais”, concluíu o parlamentario de AGE, “porque hai centos de denuncias por repoboación forestal e plantacións ilegais que fican sen tramitar”.

Pola súa banda o Bloque Nacionalista Galego vén de solicitar a "dimisión inmediata" do conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, á vista da desfeita provocada polo incendio que arrasa o Monte Pindo. Denuncia que "tras anos demandando a catalogación do Monte Pindo como Parque Natural, o goberno galego negouse a asumir as demandas cidadás e agora podemos ver as consecuencias da falta de investimento e de protección dun espazo único que nin a Xunta nin a Administración central están a protexer".

O BNG denuncia "a falta dunha política forestal galega por parte do PP, que eliminou importantes medidas que se puxeran en marcha para a prevención". Os nacionalistas sinalan que "a política curtopracista do PP é unha auténtica ruína para os nosos montes e pon en risco a seguranza da cidadanía. A loita contra o lume comeza no inverno e require unha planificación constante de ordenación dos espazos forestais e de desenvolvemento dunha política de prevención agora inexistente". O Bloque vén de convocar manifestacións esta tarde en todas as cidades galegas para exixir "unha mudanza nas políticas de prevención e de extinción de lumes". Estes son as horas e lugares das convocatorias:

Santiago de Compostela, 20:00h., Praza do Toral

Vigo, 20:00h., diante do Museo Marco

Ferrol, 20:00h., Praza Amada García, diante do Edificio Administrativo da Xunta

A Coruña, 20:00h, no Obelisco

Verín, 20:00h., diante do Concello

Lugo, 19:30h., diante do Edificio Administrativo da Xunta

Ourense, 19:30h., Diante da Subdelegación do Goberno

Incendio no Monte Pindo © Asociación Monte Pindo Parque Natural
Imaxe que a asociación anima a usar nas redes sociais Dominio Público Asociación Monte Pindo Parque Natural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.