O vindeiro xoves preséntase en Vigo a plataforma cidadá ECOAR (Espazo de Contradiscurso, Coordinación e Construción de Alternativas e Resposta Social), que busca "ser unha ferramenta a través da cal os colectivos e persoas se coordinen e acheguen á contorna social as súas virtudes". A presentación será o xoves 21 no Teatro Ensalle a partir das oito e media da tarde. Falamos cun dos seus activistas, Uxío Reinoso, que salienta que estamos vivindo un "cambio de paradigma" nos movementos sociais, "dende as organizacións de masas a unha masa que se organiza pola súa conta".
Comecemos polo principio. Que é Ecoar?
Ecoar é unha plataforma cívica e de movementos sociais e políticos que integra persoas e colectivos. Buscamos mobilizar a sociedade para camiñar cara uns obxectivos moi claros, para mudar o sistema: defendemos un estado social laico, somos anticapitalistas, defendemos un consumo responsable, defendemos o público, a antiglobalización, o multiculturalismo, o ecoloxismo, a horizontalización da sociedade e a non violencia. Coa plataforma búscase que todos os colectivos e individuos poidan desenvolver as súas iniciativas.
"Un grupo de xente afín, que xa coincidiramos nalgún movemento social, comezamos a falar da necesidade de converxer na acción"
Como comezou o proceso?
Comezamos a falar en outono de 2011. Un grupo de xente afín, que xa coincidiramos nalgún movemento social, comezamos a falar da necesidade de converxer na acción. E dende hai seis meses xa comezamos a funcionar como plataforma, falando con máis colectivos e facendo as primeiras accións e creando a páxina web.
Que colectivos están dentro?
A Plataforma de Afectados pola Hipoteca, o 15M Conciencia Social, Entremos na Panificadora, ou o CSO Xuntas, entre outros. Estamos preto da ducia de colectivos, e despois hai moita xente a nivel individual que tamén serve de enlace con outros colectivos coma DRY e outros movementos sociais de Vigo.
"Hai moitas iniciativas, pero dáse unha situación de minifundismo. Isto non é malo, é bo, pero precisamos un espazo de encontro e de coordinación"
Hai moita emerxencia social, pero faltan espazos de encontro de cooperación e de axuda mutua?
Hai moitas iniciativas, pero dáse unha situación de minifundismo. Isto non é malo, é bo, pero precisamos un espazo de encontro e de coordinación. De tal xeito que xente que comparta os mesmos obxectivos pode colaborar para levar adiante unha campaña. Nos últimos tempos, dende que empezou o 15M, están agromando novas iniciativas, moita xente nova que se está introducindo nos movementos sociais á marxe das institucións típicas, que eran os partidos ou os sindicatos. Nese senso, Ecoar funciona como espazo de encontro entre xente veterana no activismo con xente máis nova. Buscamos crear un espazo para converxer.
"Está habendo un gran dinamismo e tamén un cambio de paradigma: dende as organizacións de masas a unha masa que se organiza pola súa conta"
Como é a situación dos movementos sociais en Vigo?
En Vigo sempre houbo un movemento social moi forte e un gran movemento obreiro. Neste momento o que percibimos é que están agromando moitas iniciativas pequenas, por exemplo nos últimos anos creáronse varios centros sociais ocupados. Estamos nunha nova época na que a xente está perdendo o temor a traballar cooperativamente uns cos outros. Está habendo un gran dinamismo e tamén un cambio de paradigma: dende as organizacións de masas a unha masa que se organiza pola súa conta. E en Ecoar queremos que haxa coordinación e dinámicas de confluencia entre eses colectivos.
Tedes accións programadas para os vindeiros meses?
A medio prazo o que queremos é afinar as nosas ferramentas e seguir en contacto cos distintos colectivos. E teñen que ser eles os que fagan uso da plataforma.