O Ministerio de Xustiza rectificará o decreto onde indulta a David Reboredo

David Reboredo Dominio Público Praza Pública

A liberdade ten un prezo e, no caso de David Reboredo, o importe ascende a 1.440 euros. Esta será a cantidade que deberá abonar polo indulto á súa segunda condena, de tres anos e medio, concedido polo Goberno. O Real Decreto publicado este venres onde se oficializa a medida de graza para Reboredo será modificado nos próximos días por un erro.

O BOE recolle que a pena será conmutada por trinta días de traballos sociais, pero corrixirase porque será substituída por unha multa

O texto publicado no BOE recolle que "a pena privativa de liberdade pendente de cumprimento será conmutada por trinta días de traballos en beneficio da comunidade". A familia Reboredo e o seu avogado mostrábanse estrañados por esta decisión, dado que desde o primeiro momento comunicouse que a condena sería substituída por unha multa.

De feito, a Audiencia Provincial de Pontevedra remitíralles este xoves mesmo un requirimento para o pago dos 1.440 euros. O Ministerio de Xustiza xa se puxo en contacto co tribunal sentenciador para informarlles do fallo, segundo confirma o seu avogado, Guillermo Presa. Entre o sábado e o luns será publicado un novo Real Decreto que rectifique o erro.

A familia de Reboredo busca a forma de afrontar a multa de dous euros diarios, que deberá pagar dunha vez ou pedir que e fraccione

O que non variará son as condicións do indulto. David Reboredo non poderá "cometer ningún delito doloso no prazo de catro anos", so pena de verse revogada a absolución. O seu pai, Edmundo Reboredo, asegura que están a buscar a forma de afrontar a multa de dous euros diarios imposta polo Goberno, que terá que efectuarse nun só pago ou pedir que se fraccione.

A vida de David en semiliberdade

Mentres tanto, a semiliberdade de David, que só puido saír do CIS de Vigo para tomar a súa medicación, continúa no aire. As súas peticións de ocupar as mañás no programa PFIS, da organización Érguete e as tardes no centro Imán-Cedro, foron aceptadas nun primeiro momento, pero as xestións non están pechadas. Falta definir os horarios e os labores que realizará.

David pasará esta semana entre reixas e deberá esperar dúas semanas para saber se a súa liberdade é definitiva

A próxima semana espera con todo que a súa rutina diaria quede definitivamente aclarada. Ten pendente ademais unha visita ao médico para revisar a súa prótese. O único seguro é que esta fin de semana pasaraa entre reixas, incomunicado e nun CIS practicamente baleiro polas vacacións de semana santa, como lle transmitiu ao seu pai.

O Goberno non se pronunciou ademais este venres sobre un posible segundo indulto. David deberá esperar polo menos dúas semanas para coñecer se a súa liberdade é definitiva ou pasará algo menos de dous anos vendo a súa casa desde a xanela da cela. "A liberdade está tan preto que case podo tocala", recoñecía hai uns días, "pero a loita aínda non acabou".

David Reboredo, no reencontro coa súa familia este luns pola mañá CC-BY-NC Cristian López

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.