O monstro do lago das Pontes

Fotograma do filme © Eu tamén o vin

As Pontes, ano 2023. As autoridades deciden secar o lago artificial despois de que un tsunami destruíse un barrio residencial construído en primeira liña de praia. Paira a pregunta de se se atoparán indicios dunha criatura, semellante ao monstro fo Lago Ness, que algunhas persoas aseguran ter visto. Esta é a historia de Eu tamén o vin, unha distopía narrada como falso documental na que un grupo de ponteses e pontesas levan traballando un tempo, e que se estreará a finais deste mes na vila. 

É unha película colectiva, rodada por un grupo de mozos e mozas que viron a necesidade de voltar á súa vila desde cadanseu exilio ou emigración. "Todos os que participamos no proxecto vivimos fóra porque non atopamos maneiras de sobrevivir e desenrolar as nosas carreiras nunha vila que se gaba de ser un centro industrial e económico de primeira categoría", destacan.

Quixeron con esta parodia "cuestionar o discurso oficial que temos sobre o lago: que vai ser a panacea que nos vai sacar fóra de todos os problemas, que vai ser unha fonte de riqueza sen fin..."Eu tamén o vin ten tamén "un certo aire de realismo máxico", levando todas as situacións e argumentos até a esaxeración, a mesma esaxeración que detectan nos actuais discursos sobre o lago artificial. "É todo unha feira. O día da inauguración todos os que facemos o documental fomos bañarnos ao lago, e estabamos sorprendidos por toda a celebración que había ao redor, a cantidade de xente, os fogos artificiais, máis propio dos fastos do Levante, das inauguracións de aeroportos sen avións".

O actual lago ten 5 quilómetros de longo e unha profundidade máxima de 206 metros, converténdose nun dos meirandes lagos artificiais de toda Europa. O proxecto, mesmo antes de que fora unha realidade, espertou as críticas dos grupos ecoloxistas e de expertos univesitarios, especialmente dende xeólogos que amosaron a súa preocupación polo impacto desta gran masa de auga sobre as placas da cortiza terrestre nas que se asenta.

"Para nós, é unha mostra de que a xente ten interese por puntos de vista alternativos á visión institucional do lago como unha fonte de riqueza infinita agora que a central vai ir pouco a pouco perdendo importancia na economía local"

Até o día da estrea, os responsables do filme van ir achegando detalles sobre o filme na súa páxina de Facebook. "Sorprendeunos moitísimo a boa acollida que tivo a páxina, con máis de 300 persoas que se subscribiron nos primeiros tres días sen saber de qué se trata exactamente", sinalan. "Para nós, é unha mostra de que a xente ten interese por puntos de vista alternativos á visión institucional do lago como unha fonte de riqueza infinita agora que a central vai ir pouco a pouco perdendo importancia na economía local" -explican- "O certo é que non vemos un plan definido para o lago e calquera proxecto, por tolo que pareza, se pode plantexar como unha realidade sen ter en conta que os soños son só iso e poden rematar de maneira radical".

Fotograma do filme © Eu tamén o vin
Unha das imaxes coas que xogan na páxina de facebook que promociona o filme © Eu tamén o vin
Alberto Núñez Feijoo, inaugurando o lago artificial, nunha imaxe de arquivo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.