O número de denuncias por violencia machista aumentan un 6% en Galicia

Acción simbólica en Vigo contra a violencia machista © Marcha Mundial das Mulleres

A violencia machista mantense en Galicia, que non consegue rebaixar as fatídicas estatísticas. Os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre do ano 1.389 denuncias por violencia de xénero, case un 6% máis (5,9 %) que no mesmo período do ano anterior, cando se presentaron 1.312, unha cifra tamén un chisco máis alta que nos primeiros tres meses do presente ano, cando se rexistraron 1.355.

Os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre do ano 1.389 denuncias por violencia de xénero, case un 6% máis

No entanto, descende de novo o número de mulleres que aparecen como vítimas, de 1.303 nos dous primeiros trimestres do ano pasado, ás 1.288 deste ano. Segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, en Galicia aumentan os casos de vítimas que se acollen á dispensa para non declarar. Ademais, no segundo trimestre do ano, 92 mulleres decidiron non prestar declaración no xulgado, o que supón un 7,1 % das mulleres vítimas, fronte ao 4,8 % do mesmo período de 2015.

Malia os fatídicos datos, Galicia continúa a ser unha das comunidades cunha taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) máis baixa do Estado, con 9,15 persoas, fronte ás 14,18 do conxunto do Estado. Así o destaca o TSXG, que aclara que só La Rioja e Castilla y León teñen taxas de violencia máis baixas.

No segundo trimestre do ano, 92 mulleres decidiron non prestar declaración no xulgado, un 7,1 % das mulleres vítimas

Durante o segundo trimestre do ano solicitáronse 378 ordes e medidas de protección nos órganos xudiciais da comunidade, fronte ás 397 do mesmo período do ano pasado, o que supón un descenso interanual do 4,8 %. Das 378, foron adoptadas 225, o 59,5 %. De abril a xuño deste ano foron axuizados 145 persoas, e delas o 85% condenadas, fronte ao 77% do ano pasado.

Nos que vai do presente ano 2016, unha muller foi asasinada en Becerreá e houbo outro intento de asasinato machista cunha arma de fogo nas Pontes, do que a muller saíu ilesa. Ademais, hai aínda varias investigacións abertas por crimes e mortes que puideran atribuírse tamén á violencia de xénero. Ademais, 2015 foi o ano máis asasinatos machistas en Galicia no que vai de século, con oito mortes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.