O número de mortes polos incendios en Portugal ascende a 31

Imaxe tirada pola NASA o domingo 15 de outubro dos incendios en Galicia e Portugal © NASA

Os incendios que seguen a afectar a Portugal provocaron xa 31 mortes. Viseu (18) e Coimbra (10) son os distritos con máis vítimas nunha xornada terrible, que xa foi cualificada como "o peor día de incendios do ano" en canto ao número de lumes (máis de 500) e á incidencia en boa parte do centro e norte do país. O pasado mes de xuño o lume acabou coa vida de 64 persoas en Pedrógão Grande, mais concentradas nesta localidade do distrito de Leiria.

Algúns dos mortos foron atopados nas súas vivendas, outros na propia fronte do lume, loitando contra el ou cercados polas chamas. Hai, ademais, medio cento de persoas feridas nos hospitais e as autoridades alertan de que o número de falecidos aínda podería aumentar.

"Se xulgan que hai algunha solución máxica que produza efectos inmediatos, están enganados. Non paga a pena ilusionar os portugueses con que se vai resolver un problema que se acumulou ao longo de décadas", dixo Costa

Constança Urbano de Sousa, ministra da Administração Interna, sinalou que "é preciso recuar moito na memoria para atopar un día igual". Tan só no ano 2006 se pode atopar unha xornada con tantos incendios, de tal magnitude e perigosidade. Aínda na mañá deste luns, a pesar do descenso das temperaturas e a caída de chuvias nalgúns puntos, están activos 56 incendios en Portugal. Nesta web pódese consultar a localización e estado dos incendios rexistrados no país luso. Hai, ademais, 16 estradas cortadas.

Aínda de madrugada, o primeiro ministro portugués, António Costa, alertaba de que "situacións coma a de hoxe vanse repetir nos vindeiros anos" e recoñecía que "non hai bombeiros suficientes para atender todas as incidencias". Costa puxo o foco na "necesaria reforma da floresta" que limita a plantación de eucaliptos, aprobada o pasado mes de xullo, semanas despois da traxedia de Pedrógão Grande. Porén, advertiu de que as medidas aprobadas tardarán varios anos en ter efectos: "se xulgan que hai algunha solución máxica que produza efectos inmediatos, están enganados. Non paga a pena ilusionar os portugueses con que se vai resolver un problema que se acumulou ao longo de décadas".

O primeiro ministro subliñou que "houbo tempo perdido nos últimos anos para resolver problemas estruturais" e que "nos próximos anos moitas cousas teñen que cambiar"

O primeiro ministro subliñou tamén que "houbo tempo perdido nos últimos anos para resolver problemas estruturais" e que "nos próximos anos moitas cousas teñen que cambiar". "Cando fixemos a reforma da Protección Civil, hai dez anos, dixen que estabamos a mercar tempo. Por desgraza, ese tempo non foi comprado", criticou, en referencia ás reformas que neste ámbito non foron realizadas nos últimos anos. Costa tivo que responder igualmente á polémica creada polas declaracións do Secretario de Estado da Administración Interna, que animou os cidadáns a "actuar" porque “non podemos ficar todos á espera de que aparezan os nosos bombeiros e avións para nos resolver o problema”. Costa apoiou as declaracións, mais sinalou que o Secretario de Estado se refería a que os cidadáns debían "autoprotexerse".

 

O Eixo Atlántico responsabiliza a Xunta da falta de cooperación con Portugal

As palabras de Feijoo foron recollidas por todos os medios de comunicación portugueses

Este domingo pola noite o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, sinalaba que unha das razóns dos incendios que estaban a arrasar Galicia era que o lume entrara dende o norte de Portugal, conseguindo atravesar o río Miño. Unhas palabras que foron recollidas por todos os medios de comunicación portugueses e que xeraron numerosos comentarios. Estas declaracións foron respondidas esta mañá por Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, que lembrou que lembra que dende hai catro anos esta entidade vén reclamando a creación dun órgano central coordinador das emerxencias na fronteira con capacidade de decisión sobre os recursos dos dous países (exército, bombeiros, policía, protección civil), a través dos seus mandos naturais que estarán integrados nese órgano.

Vázquez Mao sinala que nin a Xunta nin a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte asumiron esta proposta e criticou a existencia de estruturas inoperativas na cooperación, coma a Comunidade de Traballo ou a AECT-Galicia Norte de Portugal, "que non teñen funcións nin competencias claras", mentres "non existen ningún xénero de estruturas operativa sen materia de emerxencias".

O secretario xeral do Eixo Atlántico subliñou que esta situación é "aínda máis chocante" se temos en conta que "tanto a Protección civil como a cooperación transfronteiriza dependen do vicepresidente Alfonso Rueda"

O secretario xeral do Eixo Atlántico subliñou que esta situación é "aínda máis chocante" se temos en conta que "tanto a Protección civil como a cooperación transfronteiriza dependen do vicepresidente Alfonso Rueda", que "parece querer facer bo o dito de que a súa man esquerda non se entere do que fai a dereita, xa que entre ambas competencias do seu departamento non existe ningún tipo de coordinación nin relación nesta materia".

"Que os incendios sexan provocados por terroristas incendiarios non exime da necesidade de analizar as responsabilidades políticas que posibilitan que os terroristas acaden os seus obxectivos", engade Vázquez Mao, que confía "en que a dramática situación que se está a vivir nestes días sirva para aprender dos erros pasados e poñer en marcha rapidamente os devanditos mecanismos de coordinación".

 

Imaxe tirada pola NASA o domingo 15 de outubro dos incendios en Galicia e Portugal © NASA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.