O número de violacións duplicouse no primeiro semestre do ano en Galicia

Mobilización contra a violencia machista en Vigo CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

De xaneiro a xuño producíronse 26 agresións sexuais con penetración en Galicia, segundo os datos facilitados polo Ministerio do Interior. O número máis que duplica ao rexistrado no mesmo período de 2016 (12) e podería situar a cifra total a final de ano en niveis máximos. Das 42 violacións investigadas pola policía en 2012, pasouse a 51 en 2013, 47 en 2014 e 54 en 2015, descendendo en 2016 ata as 40. Os datos do primeiro semestre supoñen un ascenso do 117%, o maior rexistrado en toda España. 

De xaneiro a xuño producíronse 26 agresións sexuais con penetración en Galicia

Tamén crece o resto de delitos contra a liberdade sexual, que inclúen outro tipo de agresións e abusos sexuais sen penetración, acoso sexual, delitos de contacto mediante tecnoloxía con menores de 13 anos con fins sexuais, exhibicionismo, provocación sexual e relativos á prostitución. Neste caso, de xaneiro a xuño a cifra elevouse ata os 224, un 20% máis que no mesmo período do ano anterior.

En 2016, o 90% das vítimas de violación no Estado español foron mulleres, o mesmo que o 88% das vítimas dos demais delitos contra a liberdade/indemnidade sexual. Por provincias, Pontevedra (10) e A Coruña (8) encabezan a lista de máis agresións sexuais con penetración no primeiro semestre, seguidas de Ourense (5) e Lugo (3).

En maio falamos con Pilar Estévez (Plataforma Feminista Galega) e María Montenegro (Marcha Mundial das Mulleres) sobre o incremento do número de violacións en Galicia, que xa se advertía nos datos do primeiro trimestre (13 casos, fronte aos 5 de 2016). As dúas activistas subliñaban a gravidade destes ataques e criticaban os "debates públicos sobre se o comportamento da muller violada non foi o correcto, sobre se ela coñecía os seus agresores, sobre se ela quería que a violasen ou non", en palabras de Estévez. "Nós acabamos convertidas nas culpables desa situación, mentres que ao agresor se lle intenta buscar unha razón para a súa agresión. É surrealista", engadía Montenegro.

Tamén crece o resto de delitos contra a liberdade sexual, que inclúen outro tipo de agresións e abusos sexuais sen penetración ou acoso sexual

"Hai que educar en valores de respecto, educar para que ninguén invada o espazo da outra persoa, para que todo o mundo sexa consciente de que a outra persoa é libre para andar por onde queira sen ser agredida", reclamaba Estévez, que tamén esixía maior apoio á hora de denunciar este tipo de atentados: "Unha muller que denuncia debe sentirse cómoda, debe haber medios para investigar esa denuncia e, finalmente, o que non pode haber é amparo social e banalización ante as agresións".

 

Mobilización contra a violencia machista en Vigo CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.