A Plataforma 2018, composta por 32 colectivos, convoca unha nova marcha contra as celulosas en Pontevedra, e en demanda de que se cumpra a data prevista do traslado de ENCE a unha nova localización, fóra da ría. A manifestación sairá ás 19.30 horas das Alamedas de Pontevedra e Marín. A mobilización chega no marco da ameaza de que a pasteira obteña unha prórroga na súa concesión, grazas á nova Lei de Costas. En principio a lei permitía unha prórroga de 75 anos máis aló da actual data de finalización, 2018, pero os primeiros borradores dos regulamentos que a desenvolven, a prórroga máxima sería de 50 anos, ampliable en 10 máis se a compañía se comprometese a executar proxectos para mellorar a eficiencia enerxética, aforrar no consumo de auga ou optimizar a calidade ambiental. É dicir, até o 2078.
Para a APDR, a prórroga solicitada polas empresas "supón privatizar un espazo público que tiña que ser recuperado para o conxunto da poboación e dárllelo a unhas empresas privadas que sempre desprezaron a legalidade e á cidadanía"
A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) denuncia que "ENCE e ELNOSA pretenden permanecer na ría máis aló do 2018 e o PP non o vai impedir" e que "o acordo Xunta-ELNOSA, que fixa o fin da actividade da cloreira no 2017, é papel mollado xa que non obriga á empresa a cumprilo". Para a APDR a prórroga solicitada polas empresas "supón privatizar un espazo público que tiña que ser recuperado para o conxunto da poboación e dárllelo a unhas empresas privadas que sempre desprezaron a legalidade e á cidadanía" e engade que "supón tamén a destrución da Ría, dos recursos naturais, o medio ambiente e a economía da comarca, porque a creación de postos de traballo non vai vir nunca da man de ENCE-ELNOSA. A porque a solución á crise e a creación de emprego de calidade só será posíbel cando o espazo que hoxe ocupan ENCE e ELNOSA sexa recuperado para a explotación racional do marisqueo, a pesca de baixura, o turismo e o sector forestal".
A APDR conclúe que "non podemos permitir a usurpación do que é noso. Non podemos permitir unha nova prórroga que suporía o ataque frontal aos nosos dereitos, un novo chanzo no camiño cara á destrución do futuro a mans de ENCE-ELNOSA". "Hoxe máis que nunca, por dignidade, fronte á imposición dunha Lei inxusta, temos que amosar a nosa rebeldía na defensa dos nosos dereitos; temos que impedir unha nova prórroga a ENCE e ELNOSA", engade.
A APDR conclúe que "non podemos permitir a usurpación do que é noso. Non podemos permitir unha nova prórroga que suporía o ataque frontal aos nosos dereitos"
Tamén a Plataforma 2018 chama a poboación "a saíren á rúa este sábado coa APDR para loitarmos polo que cremos necesario". E pide "a saída inmediata deste macro-complexo ENCE-ELNOSA, que pretende seguir ríndose ás gargalladas de nós outros tantos anos na nosa ría, usurpando o que é noso, destruíndoo e fagocitando as economías marisqueira e forestal". "Non permitamos este atropelo: non todo vale", conclúe o chamamento.
Sábado de mobilizacións
As Marchas da Dignidade destacan que "o parlamento galego e os demáis parlamentos de todo o estado español foron secuestrados por esta mafia e, coa principal colaboración dos dous partidos maioritarios, PP e PSOE"
Este sábado 21, comezo do verán, será tamén un sábado de mobilización. Unhas horas antes de que dende Pontevedra e Marín partan as dúas marchas convocadas contra ENCE e ELNOSA, en Compostela unha manifestación convocada polas Marchas da Dignidade rodeará o Parlamento reclamando "pan, traballo e teito". A mobilización coincidirá con iniciativas semellantes ante outros parlamentos do Estado.
A marcha partirá da estación do tren de Compostela ás 12 horas, saíndo da mesma á avenida de Lugo, continuará pola rúa do Hórreo, rúa Ramón Piñeiro, volverá á avenida de Lugo e rematará por volta das 13 horas na Rotonda da avenida de Lugo (enriba do tunel) coa lectura do manifesto, que demanda dos poderes públicos "novas políticas que resolvan a grave situación que están a vivir amplísimos sectores populares de Galicia", comezando pola esixencia do "dereito a poder comer, o dereito ao traballo digno e o dereito a unha vivenda".
O manifesto denuncia que "o poder financeiro provocou unha crise social e económica" e que "mentres esta mafia actúa, os poderes políticos actúan como sicarios ó seu servicio, en vez de defender ás persoas que están a ser víctimas desta gran estafa". Destaca que "o parlamento galego e os demáis parlamentos de todo o estado español foron secuestrados por esta mafia e, coa principal colaboración dos dous partidos maioritarios, PP e PSOE, están a roubar o que é do pobo para entregalo ás grandes empresas, moitas das cales sentarán nos seus consellos de administración ós mesmos que lles favoreceron cando gobernaban".
A marcha partirá da estación do tren de Compostela ás 12 horas
O texto fai fincapé igualmente en que "ninguén lexitimou os partidos que gobernan para dar ós bancos preto de douscentos mil millóns de euros, ninguén lexitimou o goberno para que permita que se desafiucen ás familias mentres os bancos dispoñen de milleiros de vivendas baleiras, ninguén lles autorizou para facer pública unha débeda que era privada"