"O pacto social demostra por que non é posible máis unidade sindical en Galiza"

Xesús Seixo, secretario xeral da CIG © CIG

A CIG celebra esta fin de semana o seu VI Congreso Confederal, no que o actual secretario xeral, Suso Seixo, optará á reelección no seu cargo, á espera de que se presenten ou non candidaturas alternativas. O líder da central nacionalista insiste na "confrontación" coas políticas do PP no Goberno central e na Xunta e no rexeitamento dun pacto social cuxo apoio por parte de CCOO e UGT ve na orixe das dificultades para lograr a unidade de acción sindical en Galicia.

Que tipo de acción sindical terá a CIG nos vindeiros anos? Haberá continuidade no rexeitamento frontal ás políticas dos gobernos do PP?

Será unha acción de confrontación e de continuidade porque a liña seguida ata o de agora xa foi de total confrontación coas políticas que se están a levar a cabo tanto polo Goberno español como pola Xunta. Son políticas que teñen demostrado que non serven para saír da crise, que xeran máis desemprego, máis recesión e máis pobreza e que recortan dereitos e precarizan as condicións laborais. Son políticas antisociais que non se precisan para saír desta situación. Seguiremos en confrontación total con elas, iso está claro.

"Temos que ser máis áxiles na resposta inmediata aos problemas e manter unha comunicación máis fluída cos traballadores"

Vostede anunciou algún cambio organizativo na central sindical, en que consistirá?

É evidente que a situación do mundo laboral cada vez é máis complicada. Estase a fomentar o individualismo nas empresas, hai moita desregulación e a propia situación da negocaciación colectiva quedou bastante debilitada. Isto obríganos a mellorar os nosos métodos de traballo para ser moitos máis áxiles á hora de chegar aos centros de traballo e de tratar de organizar a xente nas empresas. Temos que ser áxiles tamén no funcionamento dos organismos e nas resposta inmediatas ás problemáticas. Temos que buscar mecanismos que nos permitan ser moi metódicos e constantes no traballo e que lograr que haxa unha comunicación moi fluída entre o sindicato e os traballadores.

Pero implican eses cambios unha modificación organizativa?

Hai aspectos por pechar na unificación dalgunhas federacións para facer unha estrutura con menos federacións e máis potentes. Este debate leva tempo enriba da mesa e xa se fixo algo, pero aínda nos quedan outras fusións. A ver se nestes anos conseguimos pechar este proceso e facelo co firme convencemento de que a única maneira de enfrontarse a estas políticas económicas non é a través de movementos espontáneos, senón a través da organización e da eficacia nas respostas. 

"A resposta da CIG na situación actual sempre foi unitaria, áxil e contundente; temos claro o tipo de sindicalismo que facer"

A homoxeneidade da central sindical e a resposta común ante a crise non está en perigo...

Nos últimos catro anos púxose de manifesto que non. A resposta da CIG a estas políticas de recorte de dereitos e antiobreiras foi sempre moi unificada, bastante áxil e contundente. Nese sentido, todas as correntes que traballamos dentro da CIG estamos moi unificadas en canto ao tipo de sindicalismo a facer. Os propios relatorios que presentamos no congreso, tanto de organización como de acción sindical, practicamente contaron co apoio unánime do consello confederal do sindicato e isto é moi significativo.

"O pacto social provoca a cesión de dereitos e favorece a desmobilización dos traballadores"

A CIG insiste no seu rexeitamento do pacto social, supón isto un atranco máis á hora de acadar unha maior unidade de acción sindical no país?

Non dificulta, senón que é demostrativo de por que non é posible máis unidade de acción entre as tres grandes centrais sindicais de Galiza. Temos visións moi distintas de como enfrontar a crise económica e de que facer nun momento como este. Xa tivemos diferenzas ata agora porque non cremos no pacto social, que tradicionalmente o que provoca é a cesión de dereitos e a rebaixa nas condicións de traballo. Son acordos que favorecen á desmobilización e non axudan á toma de concienciación dos traballadores nin á súa organización. Esa é a experiencia que temos, incluso algunha en épocas moi recentes.

Como cal?

Durante a presidencia de Zapatero asinouse un acordo supostamente para o crecemento e para o emprego e nin houbo crecemento nin se xerou máis emprego. Agora si, o que quedou amarrado foi o incremento da idade de xubilación aos 67 anos e o incremento no número de anos necesarios para calcular a base reguladora, ao pasar de 15 a 25. Unha vez máis, vese que neste tipo de acordos quen saca beneficio é sempre a mesma parte: o poder, o capital e a burguesía. No momento actual, habería que preguntarse para que hai que buscar un pacto social.

Pregúnteo...

Que se vai conseguir? A cambio de que? Vai deixar o PP de facer as políticas que vén facendo? Vai retirar a reforma laboral, a da negociación colectiva ou a das pensións? Vai facer unha política fiscal distinta? Vai incrementar o investimento público ou apostar polo tecido produtivo? Pois non, é impensábel, igual que é impensábel que a patronal vaia ter unha conduta diferente á que ten. A que imos ao pacto social desde unha postura de debilidade e de desmobilización? O único que se fai é ceder dereitos e enganar a xente xerándolle expectativas sobre algo que non é real. O que aquí hai é unha loita de poder entre o que é o capital e o mundo do traballo e unha loita polo modelo social que vai saír desta crise. Se sae o modelo actual, que favorece ás elites económicas, ou un modelo que favoreza máis aos intereses da maioría. Isto é o que está en xogo e iso non se resolve nestas mesas de pacto social.

"O ideal sería a unidade de acción, pero a CIG ten unha visión moi distinta á de CCOO e UGT sobre como defender os dereitos da clase traballadora galega"

Daquela, mentres CCOO e UGT opten polo pacto social, a unidade de acción seguirá lonxe.

O pacto social é unha confirmación máis das dificultades que temos para conseguir a unidade sindical neste país. Xa intentamos en materia de negociación colectiva ir a uns acordos conxuntos para a negociación, pero tampouco conseguimos que CCOO e UGT se aviñesen a unha plataforma reivindicativa ante un tema tan importante coma este. Temos visións moi distintas respecto de como defender os dereitos da clase traballadora galega nun momento como o actual. O ideal sería ter capacidade para ter unha unidade de acción sindical porque é moi necesaria, pero a realidade é esta.

"Se podemos chegar a un acordo para unha única candidatura, mellor porque reflictiría a unidade real que hai hoxe na CIG"

Presentaranse candidaturas alternativas no congreso da vindeira fin de semana?

Ata o xoves á mañá hai prazo e non sabemos as candidaturas que vai haber. Hai a posibilidade dun acordo para unha única candidatura para a Executiva e a Secretaría Xeral e esperamos que se confirme axiña, pero non sei se se confirmará a presenza dalguha outra alternativa. De todos os xeitos, o proceso non rompe para nada o funcionamento da central sindical. Estamos afeitos a que se presenten tres ou catro candidaturas e iso forma parte da normalidade interna da CIG. Se podemos chegar a un acordo para que haxa unha única candidatura, pois moito mellor porque sería un reflexo real da unidade que hai hoxe no sindicato. De non ser así, pois farémolo con total normalidade. O importante é o día despois, que manteñamos unha actitude unitaria e uniforme á hora de responder á crise porque nos permitirá facelo con máis forza e axilidade. Ao demais, aínda que é importante, non lle dou demasiada transcendencia.

Xesús Seixo, secretario xeral da CIG © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.