O peche de Televigo incrementa a desfeita da televisión local en Galicia

Protestas dos traballadores de Televigo, hai uns meses, para evitar o seu peche Dominio Público Praza Pública

Pecha Televigo. Este mércores coñeceuse que o xulgado mercantil número 3 de Pontevedra emitiu un auto que abre a fase de liquidación de Telecidade S.A., que xestiona a canle, despois de 18 anos de emisión. Televigo levaba meses arrastrando problemas económicos, pero hai pouco tempo o Consello de Administración de Tranvías Eléctricos de Vigo, propietaria da empresa, deu o seu visto bo ás contas, polo que os vinte traballadores que agora quedan sen emprego recibiron a nova con sorpresa. Foi o novo consello de administración quen, sen mediar advertencia previa ningunha, procedeu á liquidación. Afirman, nun texto publicado na súa web, estar vivindo "unha situación de total incerteza e temen que a única intención da empresa sexa liquidar a actividade empresarial sen facer ruído”.

Aquel concurso, que se desenvolveu co bipartito no poder, beneficiou os grandes grupos de comunicación (sobre todo a Localia) e as cabeceiras locais de prensa impresa, no que sempre se interpretou como un intercambio de favores

A situación de Televigo era complexa, tamén, pola situación de alegalidade na que operaban dende había anos. Non contaban con licenza de emisión en TDT, despois de que no concurso que repartiu o mapa de frencuencias locais en Galicia, en 2006, a canle non fora unha das tres beneficiadas na comarca de Vigo. Ao igual que noutros casos, aquel concurso que se desenvolveu co bipartito no poder, beneficiou os grandes grupos de comunicación (sobre todo a Localia) e as cabeceiras locais de prensa impresa, no que sempre se interpretou como un intercambio de favores. En cambio, as grandes prexudicadas foron as canles locais que levaban anos emitindo, cunha audiencia consolidada, e que en moitos casos (Televigo, Telecoruña, Ferrol TV...) quedaron sen licenza. Telecoruña pechou en 2009 e na actualidade a cidade non conta con canles locais. Nestes últimos anos, foron moitas as presións da Xunta para que Televigo cesase as súas emisións.

O peche de Televigo, alén do prexuízo directo que lles provoca aos seus vinte traballadores, é unha mostra máis do despropósito que na última década foi o eido da televisión local en Galicia. Un campo que deu os seus primeiros pasos a finais dos oitenta, que foi crecendo con iniciativas moi voluntaristas pero que acadaron un recoñecemento nas súas demarcacións, que despois asistiu á chegada de grandes grupos como Localia, e que en 2006 perdeu a oportunidade de consolidar un escenario rico e plural de televisións de proximidade.

O peche de Televigo, alén do prexuízo directo que lles provoca aos seus vinte traballadores, é unha mostra máis do despropósito que na última década foi o eido da televisión local en Galicia

En 2005, nunha polémica decisión, o último Goberno de Manuel Fraga, practicamente na derradeira decisión que adoptou, otorgoulle á Cope unha das dúas licenzas de televisión dixital autonómica privada (a outra foi para La Voz), en prexuízo da oferta presentada polo resto dos xornais galegos e outros actores como Filmax. Hoxe, Popular TV xa non emite, e na grella galega só atopamos V Televisión. Un ano máis tarde, a Xunta concedeu 48 licenzas locais, das que hoxe só emiten oito: Tele Lugo, Santiago TV, Correo TV, Localia Vigo, Telemiño, 7 Canal Rías Baixas, Nos TV e Televinte. E cando menos outras tres emiten sen licenza: Ferrol TV, Auria TV e Via TV.

O panorama é moi pobre, debido sobre todo a que a meirande parte das concesións outorgadas aos xornais locais non están operativas, e non parece que o vaian estar proximamente

O panorama é moi pobre, debido sobre todo a que a meirande parte das concesións outorgadas aos xornais locais non están operativas, e non parece que o vaian estar proximamente. Prensa Ibérica, propietaria de La Opinión e Faro de Vigo, recibiu sete licenzas (en Carballo, A Coruña, Ferrol, Santiago, Pontevedra, Ourense e Vigo). La Capital, editora de Diario de Ferrol, El Ideal Gallego e Diario de Arousa, fíxose con catro (en Carballo, A Coruña, Ferrol e Vilagarcía). Outras si emiten, aínda que o fagan en cadea e sen apenas contidos locais na meirande parte das comarcas; é o caso de Editorial Compostela (levou catro, nas que emite Corrreo TV), La Región (gañou cinco, nas que emite Telemiño) ou El Progreso (fíxose con catro tamén, nas que emite Telelugo).

É dicir, das 21 demarcacións nas que se se dividiu aquel concurso, hai 12 que non conta con canles locais propias, algunha tan importante e sorprendente coma A Coruña. E, en Ferrol, por exemplo, a pesar de que se concederon tres permisos, a única televisión que emite faino de forma alegal. Poderiamos pensar que estamos pagando os pratos rotos dos erros cometidos no pasado, e así é, pero á vista do resultado do concurso de concesión de frencuencias de FM que a Xunta fallou este verán, e que beneficiou de novo os grandes grupos por riba das ofertas locais, semella que a historia se repite, e se repetirá aínda máis.

Web de Televigo Dominio Público Praza Pública
Instalacións de Televigo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.