O perigo da flora invasora: do eucalipto á herba da Pampa

Herbas da Pampa xunto ao aeroporto de Alvedro CC-BY-NC-ND Pexego

A proliferación de especies exóticas invasoras (EEI) é un problema mundial. Se cadra descoñecido en moitos casos, Galicia tamén sofre unha expansión desta flora allea que é difícil de frear. A masificación de plantas como a herba da Pampa -cortadeira ou plumeiro- (cortadeira selloana) ás beiras da autoestrada e cada vez en máis localidades chamou a atención nos últimos meses, provocando mesmo a chamada de auxilio de alcaldes como o de Oleiros, un dos concellos máis afectados por esta praga.

A SGHN lanza a realización do 'Atlas de flora exótica invasora de Galicia' co obxectivo de cuantificar as especies e concienciar a sociedade do problema 

Ante a situación, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) lanza a realización dun Atlas de flora exótica invasora de Galicia, un intento por debullar ata onde chega o problema, por cuantificar destas especies e concienciar a sociedade. Un informe que se realizará coa colaboración de expertos profesionais e de afeccionados "para elaborar un traballo común a beneficio da xeración presente e das futuras".

"O obxectivo principal é determinar cales son todas esas especies invasoras", explica Saleta González, responsable da sección de Botánica da SGHN, que insiste en que o problema é cada vez maior. "A medida que hai máis movemento de xente, que aumenta o proceso de globalización, que se incrementan as viaxes que facemos, o comercio de produtos e sementes... A situación agrávase a cada paso que nos afastamos dun modo de vida sustentable baseado no consumo local", explica quen aclara que "cando unha especie está implantada nun terreo, é moi difícil eliminala". 

"A situación agrávase a cada paso que nos afastamos dun modo de vida sustentable baseado no consumo local"

"A tarefa debe centrarse na prevención, na formación e na concienciación da sociedade", conta González. De aí a importancia deste Atlas que ten tres obxectivos fundamentais: identificar as EEI presentes en Galicia, coñecer a súa distribución xeográfica e informar do seu impacto sobre a biodiversidade. "A consecución destes obxectivos é gradual e dependente dun proceso de colaboración, por iso se formulan a priori resultados esperados pouco ambiciosos e indicadores de consecución de obxectivos que manifestarán a evolución do proceso", aclara a SGHN. 

Cuantificar o número de especies invasoras "é moi complicado", como di González, pero para facérmonos unha idea da importancia da problemática lembra que o Estado leva investidos máis de 25 millóns de euros nos últimos dez anos para combater a situación. Ademais, os efectos son sociais, medioambientais e económicos, pero tanto administracións como empresas "adoitan reaccionar cando os efectos son económicos". 

O Atlas ten tres obxectivos: identificar as especies invasoras presentes, coñecer a súa distribución e informar do seu impacto

"Cando hai un impacto económico forte nos recursos de persoas ou empresas fáiselle máis caso", insiste esta bióloga, que destaca casos "moi chamativos" como o que ocorre co xacinto de auga no Guadiana, "que cobre todo e fai imposible calquera tipo de actividade na zona", ou co mexilón cebra no Ebro, "que obstaculiza as canalizacións" e cuxa expansión por Galicia, que non se ten producido aínda, mantén a Xunta en alerta. 

De preguntarlle a Saleta González cal é a especie invasora máis prexudicial en Galicia, non dubida na resposta: "o eucalipto". "Pero os intereses económicos asociados a ela son tantos e a súa implantación é tal que xa nin a fan catalogable nesta categoría", aclara. "O problema do eucalipto non é só a ocupación do espazo, senón as emisións que provoca no medioambiente e a contaminación do solo que impide a xerminación e crecemento doutras plantas onde se asenta", engade. 

"A especie invasora máis prexudicial en Galicia é o eucalipto, pero hai tantos intereses económicos asociados que nin se inclúe nesa categoría"

Pero hai máis. A planta que máis preocupa agora, en Galicia pero tamén noutros territorios, é a fallopia xapónica, unha especie herbácea que pode alcanzar entre tres e catro metros pero que adoita verse en tamaños moito máis pequenos porque agroma a través de fendas no pavimento e é cortada continuamente. O seu sistema radicular invasivo e o seu forte crecemento dana bases de edificios, estradas, muros e mesmo defensas contra as inundacións.

"En Inglaterra, cando vendes unha propiedade, tes que certificar que está libre desta planta porque son capaces de acabar cunha infraestrutura ao reproducirse a partir de anacos de milímetros", advirte González, que asegura que "a Xunta xa está en alerta para intentar illala". Ademais, como recorda, en Galicia xa hai tamén importantes problemas con especies invasoras acuáticas, xa que o medio onde se espallan "fai moi complicado atacalas". 

Por todo isto, a SGHN pide a participación da cidadanía nun proxecto que ten como propósito básico remitir os datos que achegue a xente para poder publicar logo este Atlas como antes se fixera con outros. "Será froito dunha recompilación de datos propios da SGHN, dos remitidos polos colaboradores e da bibliografía existente", din. Ademais, o proceso de colaboración entre a entidade e as persoas que o desexen, investigadores, naturalistas, profesores, estudantes, persoas interesadas na conservación da natureza etc., realizarase en base as normas que se indican no documento que se pode descargar na súa web e a plantilla modelo de envío de datos que se pode descargar tamén alí. Para enviar datos ou calquera consulta débese escribir a botanica@sghn.org

Herbas da Pampa xunto ao aeroporto de Alvedro CC-BY-NC-ND Pexego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.