O persoal alerta da "insostíbel situación" das universidades galegas polos "recortes"

Reunión dos órganos de representación das universidades galegas CC-BY-SA CIG

O persoal das universidades alzan a voz contra os recortes. As Xuntas de Persoal Docente e Investigador (PDI) e de Persoal de Administración e servizos (PAS), os comités de empresa de PDI e PAS das tres universidades galegas reuníronse en Compostela este mércores para "chamar a atención da sociedade galega sobre a insostíbel situación do sistema universitario galego" provocada por "unha  serie de recortes orzamentarios que están impedindo o acceso ao ensino universitario da mocidade, bloqueando as actividades de I+D e afastándonos dun modelo de crecemento basado no coñecemento.

O persoal "chama a atención da sociedade galega sobre a insostíbel situación do sistema universitario galego"

"Camiñamos cara a unha universidade máis cara e de peor calidade", aseguran os órganos de representación dos traballadores nun comunicado no que manifestan o seu "rexeitamento" aos recortes orzamentarios "que impiden a continuidade de moitas actividades docentes e reducen gravemente a calidade". Así, citan como exemplo das consecuencias desta política de extrema austeridade a supresión de prácticas, materias impartidas por profesorado afín, a masificación, ou a existencia de grupos sen profesorado. Tamén critican a afectación sobre actividades investigadoras, o que vén de provocar "despido de persoal de proxectos, supresión de suscripción a publicacións científicas, redución abrupta da compra de libros ou a falta de fondos para laboratorios".

O persoal das universidades galegas denuncia tamén un recorte do sistema de bolsas "que impide o acceso á universidade da mocidade da clase traballadora" e que provoca a "selección económica do estudantado". Ademais, censura a eliminación de titulacións, que "pon en risco unha oferta universitaria completa en Galicia, así como o mantemento de titulacións necesarias para o desenvolvemento social e cultural".

"A parálise á que ten sometida a Xunta de Galicia ás universidades poñen na corda bamba a actividade académica"

Tal e como critican no comunicado, "a parálise á que ten sometida a Xunta de Galicia ás universidades, con medidas de intervención e autorización de persoal, poñen na corda bamba a actividade académica". Do mesmo xeito, censuran un "recorte gravísimo de persoal" pola taxa de reposición de efectivos que "está colocando na precariedade absoluta a moitos e moitas dos compañeiros, impedindo a renovación do cadro de persoal e anulando a promoción profesional".

Os sucesivos recortes salariais, "que teñen provocado unha perda do poder adquisitivo como media do 20%", e o "ataque á calidade do Sistema Universitario Galego, con medidas como os recortes salariais nos complementos que premian a excelencia docente e investigadora" están a "penalizar o profesorado", incluído o de máis dedicación.  penalizandoao profesorado con máis dedicación, segundo o comunicado.

Por outra banda, o persoal universitario alerta da "maquillaxe orzamentaria" que inclúe nos orzamentos "fondos de investigación que nos últimos anos apenas se executan nun 30%".

O persoal opta por presentar unha queixa conxunta ante o Valedor do Pobo polo incumprimento do Plan de Financiamento

Ante esta situación,  este mesmo persoal propón aos órganos de representación acordamos "exixirlle á Xunta de Galicia a convocatoria urxente dunha Mesa Sectorial de Universidades" e chama a toda a comunidade universitaria a presentar "unha queixa conxunta ante o Valedor do Pobo polo incumprimento do Plano de Financiamento".

Ademais, demandan aos reitores "que encabecen un amplo movemento conxunto para garantir o financiamento estrutural da universidade e unha docencia e investigación de calidade" e apostan por "formular outras medidas de mobilización conxuntas e unitarias" que serán concretadas nas vindeiras semanas. Xa por último, o comunicado advirte o seu visto e prace aos recursos xudiciais que as centras sindicais van presentar contra os recortes aplicados.

Manifestación contra os recortes na Universidade CC-BY A Trabe

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.