Un, mellor que cinco. Na recta final da campaña de maior risco de incendios forestais os montes do país seguen a dar importantes sustos, o último, dunhas 400 hectáreas en Manzaneda, e o persoal do dispositivo contra o lume disponse a loitar contra outras lapas: as do "desmantelamento" e da "privatización". Son estes dous termos moi escoitados en diferentes ámbitos nos últimos tempos e que a acabada de nacer Plataforma en Defensa do Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios resume de xeito sinxelo: o "servizo propio" da Xunta estase a desmontar pola vía de "non convocar oposicións" nin "cubrir prazas" vacantes. O paso a mans privadas realízase outorgándolles a diversas empresas responsabilidades que antes dependían directamente do Goberno galego. Por isto é polo que están a organizar todo un calendario de mobilizacións, a comezar por unha manifestación en Santiago o vindeiro día 29.
Na actualidade o dispositivo contra o lume está composto por "cinco instrumentos", resume o voceiro da plataforma, Óscar Rocha (UGT). Ao dispositivo propio da Xunta engádese o da empresa pública Seaga, os das privadas Tragsa e Natutecnia e mais o persoal dos concellos, "cada un coas súas condicións" laborais, explica o sindicalista en nome tamén da CIG, a CNT e as asociacións Apropiga e Aprafoga. "A experiencia" dos traballadores e traballadoras "non lles importa", censura Rocha, para quen prescindir de persoal preparado equivale tamén a "renunciar de antemán a realizar unha política forestal digna de tal nome.
A plataforma sae ás rúas de Santiago o vindeiro día 29 e reclama "respostas" nos programas electorais do 21-O
Por todo isto a plataforma pon sobre a mesa unha táboa reivindicativa que non só sacarán ás rúas de Compostela, senón que tamén será presentada aos diversos partidos que concorren ás eleccións do 21 de outubro para coñecer a súa posición ao respecto. O freo inmediato das privatizacións, o establecemento dun "sistema único" cunha "única" lista de contratación, a "profesionalización do dispositivo e a eliminación do gasto militarización dos nosos montes" ou a creación dun plan de prevención" son algunhas das reclamacións que tentarán abordar nunha "mesa de negociación" entre Xunta e persoal, cuxa apertura, din, debe ser "inmediata".
A intención última desta plataforma non é outra que defender o "ouro verde" de Galicia, tamén en época preelectoral. Nesta liña Roberto Jorge, de Apropiga, anticípase, a preguntas dos xornalistas, ás posibles acusacións de "privatización" que a mobilización poida atopar na Xunta ou no PP". "A nosa intención é obter unha resposta nos programa electorais" de todas as forzas políticas para que "despois das eleccións eses compromisos se leven a cabo", con independencia de "quen goberne". O dos incendios debe ser considerado un "debate de Estado", fóra da "liorta" política, abonda. Ademais, acrecenta María Rodiño, do comité de Seaga, este tipo de reclamacións "mantivéronse tanto co anterior Goberno como co actual".