O persoal da Xustiza votará un pacto da Xunta con catro sindicatos que rexeitan os outros tres

Manifestación do persoal da Xustiza polas rúas de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Entre berros de "vendidos" e "traidores" rematou este xoves a última reunión entre a Xunta e o comité de folga da Xustiza. As palabras saían de representantes de tres sindicatos (CIG, STAJ e Alternativas na Xustiza-CUT) e ían dirixidos aos dous outros catro (SPJ-USO, UGT, CCOO e CSIF), que viñan de aceptar o preacordo presentado a pasada semana polo Goberno galego tras negocialo con estas centrais á marxe das outras, que o rexeitan ao considerar que non cumpre coas demandas dos traballadores. 

SPJ-USO, UGT, CCOO e CSIF aceptaron a proposta que a Xunta negociara só con eles e que Rueda desvelara a pasada semana

Rachou así a unidade sindical que se mantivo nestes 79 días de folga --desde o pasado 7 de febreiro-- durante a que se suspenderon xa uns 20.000 xuízos e milleiros de trámites e pola que os traballadores que a secundaron acumulan perdas de máis de 4 millóns de euros en salarios. A proposta que este xoves aceptaron os catro sindicatos, que suman o 60% da representación, é a do preacordo que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, desvelara a pasada semana e que as catro centrais implicadas dixeran que se negaran a asinar por non ter sido compartido polo resto de organizacións nin sometido á votación dos traballadores, algo que si se fará este venres nas sete cidades entre as 9 e as 17 horas. 

 A Xunta ofrece un aumento mensual de entre 140 euros e 122 segundo o corpo fronte aos 140 para todos que reclamara o comité de folga

SPJ-USO, UGT, CCOO e CSIF si levarán este preacordo ás asembleas. Nel, no que ten que ver co incremeto do complemento salarial autonómico, a Xunta ofrece un aumento de 140 euros máis ao mes para os médicos forenses, 135 para os xestores, 127 para os tramitadores e 122 para auxilios. Sería aplicable en tres anualidades, percibindo o funcionariado o 50% deste incremento neste ano e tras validarse o acordo, o 30% en 2018 e o outro 20% en 2020.  

Os outros tres sindicatos --e o comité de folga ata este mesmo xoves-- defenden un incremento liñal e para todos os corpos de 140 euros que fose aplicable nun 60% de inmediato e con efectos retroactivos dende o 1 de xaneiro de 2018 e o restante aumento en senllas partes do 20% en 2019 e 2020. 

No preacordo que será sometido a votación, ao que tivo acceso Praza.gal, aclárase que é "necesario incrementar a retribución complementaria ata acadar, como mínimo, a media das cantidades percibidas no resto de territorios nos que desenvolve as súas funcións o persoal ao servizo da Administración de Xustiza". E advírtese que os complementos "serán revisados anualmente" no terceiro trimestre de cada ano para "garantir" que os traballadores "manteñan unha posición por riba da media dos ámbitos territoriais con competencia en materia de xustiza" no que se refire a estes complementos autonómicos. 

CIG, CUT e STAJ acusan os outros sindicatos de "traizón" e pregúntanse "por que lles vale agora o que non lles valía hai unha semana"

Os catro sindicatos que aceptaron o preacordo explicaron nun comunicado que unha das razóns de aceptalo é que a Xunta deixara claro xa que a súa "oferta económica era inamobible". Desde os outros tres, a palabra repetida foi a de "traizón". Enrique Araújo, de STAJ, asegurou que a reunión deste xoves só serviu para "escenificar" o preacordo que as outras centrais "negociaran por detrás" coa Xunta, mentres que Óscar Freixedo, da CIG, preguntouse por que os catro sindicatos non dan "explicación ningunha" de por que "lles gusta agora un acordo que non lles gustaba hai oito días". 

Nese mesmo sentido se manifestou Pablo Valeiras, de AX-CUT, que insiste na "traizón" e no feito de que "se mantivese unha semana máis a folga, co que iso supón para os traballadores, cando xa tiñan pactado este acordo de hai tempo". "É triste que despois de 79 días de folga vendan os traballadores deste xeito; espero que non avalen a súa actitude e que paguen o dano que causaron coa súa deslealdade", engadiu. 

No preacordo, ademais do que ten que ver coa suba salarial, tamén se inclúe a ampliación dos supostos de incapacidade laboral transitoria nos que se percibe o 100% das retribucións, a articulación dunha compensación económica que retribúa a diferenza de soldo do persoal funcionario que realice unha substitución nun corpo superior, a consolidación de prazas de reforzo de máis de tres anos de duración e a amortización de prazas prevista no marco do plan de modificación dos cadros de persoal aprobado en 2012.

Segundo os catro sindicatos que acordaron coa Xunta, o Goberno galego tería aceptado que os descontos pendentes da folga sexan repartidos proporcionalmente nos meses restantes ata decembro, inclúida a paga extra, ou que o plan de recuperación de traballo que se elaboraría axiña, abrnagua todas as oficinas e corpos e sexa avaliado pola comisión de seguimento, ademais da mellora da cláusula referida aos xulgados en materia de violencia de xénero. 

 

Feijóo celebra o preacordo e promete ser "leal" cos asinantes

Preguntado sobre este preacordo tras o Consello da Xunta, o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, amosou a súa satisfacción. "Se é así, celebrámolo", dixo, tras prometer que a Administración sería "leal" cos sindicatos "que están dispostos a acordar". “Se hai sindicatos que seguen satisfacendo partidos e insatisfacendo o conxunto dos galegos, esa será a súa responsabilidade”, engadiu, tras acusar as tres centrais que non pactaron co Executivo de debater "cuestións que teñen máis que ver cos partidos da oposición e cos tics políticos" dalgunha central. 

“Se hai sindicatos que seguen satisfacendo partidos e insatisfacendo os galegos, é a súa responsabilidade”, di Feijóo

"Lamento que haxa sindicatos que atendan máis a determinadas instrucións de partidos políticos que aos intereses dos traballadores”, insistiu Feijóo, que advertiu de que a Xunta pretende "aumentar progresivamente os salarios públicos negociando cos sindicatos", aínda que cre que hai algúns "cuxo obxectivo é o conflito". Con eses, aclarou, terán "máis dificultades". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.