O Mosteiro de Santa María de Melón é un valioso monumento románico, fundado no seculo XII e declarado Monumento Histórico-Artístico en 1931 ademais de ter a consideración de Ben de Interese Cultural. Esta figura de protección semella que non foi suficiente para impedir os intentos por parte do Concello de construír un pavillón polideportivo a escasos metros, ocupando mesmo a área de protección legal do mosteiro. A historia do polideportivo vén de longo e, malia que o proxecto foi paralizado por Patrimonio en 2005 e que o TSXG o mandou derrubar en 2008, a súa estrutura de formigón continúa en pé. Ademais, como denuncia a asociación O Sorriso de Daniel, o Concello mantén a súa teima de erguer alí esta instalación deportiva, pasando por riba das evidentes ilegalidades.
Malia que o proxecto foi paralizado por Patrimonio en 2005 e que o TSXG o mandou derrubar en 2008, a súa estrutura de formigón continúa en pé
Foi en outubro de 2004 cando o alcalde de Melón asinou a acta de planeamento da obra do polideportivo, ubicado en solo rústico e sen contar cos permisos da Dirección Xeral de Patrimonio nin da Consellaría de Política Territorial (da que era máximo responsable Alberto Núñez Feijoo). Política Territorial e Cultura, o mesmo que o Valedor do Pobo, diríxense ao Concello para lembrarlle a ilegalidade das obras, que finalmente son paralizadas en maio de 2005. Porén, en xullo (co goberno da Xunta en funcións e contando mesmo cun informe contrario do Secretario municipal) o Concello retoma as obras, que Patrimonio manda paralizar días despois.
Polas ilegalidades cometidas e acusado dun delito de prevaricación, o alcalde -Alberto Pardellas- foi inhabilitado para exercer cargo público durante oito anos e medio e a súa dona substituíuno ao fronte do concello
O 3 de agosto de 2006 a Dirección Xeral de Urbanismo multa o Concello con 120.000 euros polas actuacións e en maio de 2008 o TSXG ordena a demolición do polideportivo. Podía parecer que este sería o final da historia, pero a teimosía das autoridades de Melón non entendían de adventencias nin de tribunais. Polas ilegalidades cometidas e acusado dun delito de prevaricación, o alcalde -Alberto Pardellas- foi inhabilitado para exercer cargo público durante oito anos e medio e a súa dona, Cristina Francisco Vílchez, substituíuno ao fronte dun concello que o PP gobernaba con amplas maiorías absolutas. De feito, en 2011 fíxose con 7 dos 9 concelleiros en xogo, unha maioría que revalidou nas eleccións do 24M, aínda que cunha vitoria máis axustada (5 edís e o 56% dos votos). O inhabilitado Pardellas, que non poderá presentarse a uns comicios ata o ano 2021 (a súa senteza, tras varios recursos, comezou a contar a partir de 2013), foi mesmo protagonista dunha das cancións de Emilio José, que o citaba no seu Ourense (2008)
A nova alcaldesa continuou co persistente intento de rematar o ilegal polideportivo. O Sorriso de Daniel, unha asociación creada en 2010 co obxectivo de promover o románico galego, defendendo, estimulando e apoiando a conservación do patrimonio medieval do noso país, dirixiuse á ao Valedor do Pobo e á Consellería de Medio Ambiente para esixirlle á Xunta que fixese cumprir as sentenzas de derrubo. O pasado mes de febreiro o TSXG ditou unha sentenza -que non admite xa recurso- no que obriga a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística do Goberno galego a levar a cabo o derrube nun prazo de tres meses.
A alcaldesa -Cristina Francisco- iniciou unha serie de movementos para impedir o derrube e legalizar o polideportivo
Este prazo vén de ser superado e nunha loita contra a legalidade e contra o reloxo, a alcaldesa Cristina Francisco iniciou unha serie de movementos para impedir o derrube e legalizar o polideportivo, aprobando un plan especial para o espazo que rodea o monumento, Dende O Sorriso de Daniel critican "o silencio" da Dirección Xeral de Patrimonio e pregúntanse "para que queremos unha Axencia de Protección da Legalidade Urbanística se non é quen de controlar aos descontrolados alcaldes que fan do seu concello un pandeiro e das leis un fol de gaita?". O Sorriso de Daniel chama a atención, igualmente, pola celeridade amosada polo Goberno galego noutras actuacións, coma o inminente derrube dun chalé en Reza (Ourense) deseñado polo arquitecto Fernando Blanco e defendido polo seu valor patrimonial, e a lentitude e inacción demostrada no caso do polideportivo de Melón.