O PP aférrase á "intencionalidade" dos lumes ante as críticas á súa política forestal

O lume obrigou a cortar a autovía do Barbanza e a estrada Ribeira-Porto do Son © Óscar Antón Pérez

"Moitos son provocados" (Arias Cañete), "Están facendo dano e pretenden non só acabar co patrimonio que é de todos, co patrimonio forestal, senón atentando coa vida dos cidadáns" (Rosa Quintana), "Non podemos entender nin aceptar que poida haber xente que estea a plantar lume nos bosques e no labradío de Galicia" (Núñez Feijoo), "É un incendio complicado que, desas casualidades que ten a vida, empeza en cinco focos ao mesmo tempo, tres a un lado da autovía e dous ao outro" (Rosa Quintana).

Unha investigación realizada polos profesores Chas Amil (USC) e Touza Montero (Uvigo) situaba a taxa de intencionalidade entre o 75% e o 80% nos lumes producidos en Galicia nas dúas últimas décadas

No que levamos de verán, e sobre todo na última semana, a meirande parte das intervencións públicas de cargos do Partido Popular, tanto do Goberno galego coma do Goberno central, referidos aos lumes que se están a producir en Galicia, estiveron centradas en salientar o "caracter intencionado" ou "provocado" dos lumes, e en enumerar as dificultades que esa circunstancia xera para os equipos de extinción (varios focos, iniciados pola noite cando os equipos aéreos non poden operar, en zonas sen cortalumes...). Porén, como varias veces foi recordado estes días polos grupos da oposición, este "carácter intencionado" non é un elemento novo, senón que vén sendo o habitual nas últimas décadas, segundo foi destacado en verán anteriores pola propia Xunta. Hai dous anos o daquela conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, salientaba nun informe que o 76% dos lumes do 2010 foran provocados, e o verán pasado Feijoo elevaba esa porcentaxe (rebatida despois polos partes oficiais) ao 90%.

Outros estudos manexan cifras semellantes. Unha investigación realizada polos profesores Chas Amil (USC) e Touza Montero (Uvigo) situaba a taxa de intencionalidade entre o 75% e o 80% nos lumes producidos en Galicia nas dúas últimas décadas, sumando os accidentes o 5% e as causas naturais o 1%. O estudo afirmaba que aínda na meirande parte (60%) dos lumes se descoñecía a súa motivación, destaban as imprudencias na queima de materiais agrícolas (19%) as queimas pasto (10%) e a acción dos pirómanos (6%). De igual xeito, un informe elaborado por agentes xudiciais da Garda Civil tras os incendios de 2006 sinalaba que un vinte por cento dos lumes estiveron provocados pola búsqueda de beneficios económicos, outro 20% foron causado por persoas con problemas psicolóxicos, e ao redor da metade por inprudencias, ou por queimas ilegais e incontroladas de restroballo. Ao 6% dos lumes no se lle atopou causa.

 

Afondar nas causas

Non é a primeira vez que o PP centra o seu discurso sobre os lumes nesta cuestión. Practicamente todos os anos dende que accedeu á Presidencia da Xunta, o discurso de Alberto Núñez Feijoo a respecto dos incendios e da xestión que deles fai o seu Goberno estivo centrado en dirixir a responsabilidade aos autores materiais dos lumes, e en descargar de responsabilidade á política agraria, forestal, e aos dispositivos de prevención e extinción da Xunta. 

O voceiro socialista en materia de medio rural, Pablo García, aseguraba o pasado luns que el, como a conselleira Rosa Quintana, tampouco cre "nas casualidades" no ámbito dos incendios, pois "se temos 2.000 hectáreas sen ningún tipo de prevención, de cortalumes, sen faixa que rompa a vexetación", non é "casualidade, como di a conselleira, qeu acaben ardendo". Fronte ao discurso oficial centrado na obvia condena aos responsables do inicio de cada lume, todos os partidos da oposición, sindicatos agrarios, colectivos sociais e mesmo os propios traballadores do servizo de prevención e extinción, fixeron fincapé na deficiente política de prevención e de limpeza dos montes, nos erros cometidos na reforma da Lei do Monte, e na ineficacia do dispositivo.

"A pesar de que moitos sexan provocados o abandono fai que se propaguen, algo que se podería evitar cunha maior actividade agraria que fai de cortalumes naturais"

"Os recortes levados a cabo polo goberno de Núñez Feijoo fixeron máis vulnerable o medio rural, sen querer entender que sen un medio rural forte, Galicia será máis débil" (Raúl Fernández, PSdeG-PSOE); “A estratexia de Feijóo de desfacerse do sistema de prevención no inverno ten graves consecuencias, como estamos vendo estes días” (Xavier Vence, BNG); "Pretender reducir o problema dos lumea a unha cuestión de orde pública, como pretende interesadamente o goberno do PP supón desenfocar completamente as causas últimas desta problemática, e polo tanto, errar nos diagnósticos e nos tratamentos para facerlle fronte" (FRUGA); "A primeira cousa que hai que solucionar, e non hai valentía política para facelo, é o problema de ordenación de territorio" (Isabel Vilalba, SLG); "A insuficiencia de medios provoca que sexan os veciños e as veciñas os que teñen que loitar contra os incendios para que estes non afecten as súas casas” (Tereixa Paz, BNG); "Deixáronse de facer as políticas de limpeza de perímetros forestais en núcleos rurais. Unha das razóns polas que este ano se incrementaron notablemente os incendios adquiren a alerta de categoría 1, cando existe un perigo vital" (Pachi Vázquez, PSdeG-PSOE); "Brigadas incompletas e pouco profesionais, recortes, condicións laborais precarias, desorganización, improvisación" (Apopriga).

Explicacións máis complexas para un problema complexo, que van máis aló da responsabilidade dos incendiarios, e que remiten ao hábitat físico e humano do rural galego. "A pesar de que moitos sexan provocados o abandono fai que se propaguen, algo que se podería evitar cunha maior actividade agraria que fai de cortalumes naturais", afirmaba hai unhas semanas en Praza o secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo.

Veciños de Ribeira denunciaban estes días nos medios que no último mes pediran (sen éxito) en tres ocasións no Concello que se limpara de mato o monte que rodeaba as súas casas

Depois de varios incendios forestais con Nivel 1 pola proximidade ás casas volve a estar en debate a baixada da faixa de protección feita polo PP na Lei de Montes de 100 a 50 metros e de 50 a 30 en especies sensibeis ás lapas. E tamén o impacto dos recortes aplicados nas políticas de prevención e limpeza do monte. Veciños de Ribeira denunciaban estes días nos medios que no último mes pediran (sen éxito) en tres ocasións no Concello que se limpara de mato o monte que rodeaba as súas casas, e que finalmente ardeu esta semana, poñendo en perigo as súas vidas.

O lume obrigou a cortar a autovía do Barbanza e a estrada Ribeira-Porto do Son © Óscar Antón Pérez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.