O PP impide que 850 presos e presas accedan aos novos tratamentos contra a hepatite

Representantes da Plataforma nunha manifestación a prol da sanidade pública © Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C

Os enfermos e enfermas de Hepatite C que cumpren condena nas prisións galegas, ao redor de 850, seguirán sen ter acceso aos novos e eficaces tratamentos contra esta doenza, trala negativa amosada polo PP no Parlamento. A situación ten a súa orixe nunha disputa entre o SERGAS e o Ministerio de Interior sobre que institución se debe facer cargo do custe destes tratamentos.

A razón é unha disputa entre o SERGAS e o Ministerio de Interior sobre que institución se debe facer cargo do seu custe

En agosto a Plataforma Galega de Afectados e Afectadas pola Hepatite C presentoulles aos distintos grupos parlamentarios unha proposición que pedía resolver este problema. As forzas da oposición comprometéronse a levala ao pleno, onde este mércores a moción -presentada polo PSdeG-PSOE- foi debatida. Porén, o PP impuxo a súa maioría absoluta, impedindo a súa aprobación. A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, criticou a “falla de ética, de xustiza e de sentido común” ao obrigalos a trasladarse a Madrid "para seguir un tratamento que o goberno galego se nega a financiar". Acuña engadiu que “os presos e presas están privados de liberdade pero non condenados a morte” e lamentou que o PP "limite a cuestión a un cruel litixio de competencias entre a administración autonómica e a central". “Mentres discuten os reclusos morren”, engadiu.

Ao redor do 21 por cento dos presos e presas padecen hepatite C e un de cada tres enfermos de hepatite nas prisión sofre tamén VIH

Medio cento de integrantes da Plataforma concentráronse dende primeira hora da mañá no exterior da cámara e unha pequena representación seguiu o debate dende a tribuna. Dende alí, algúns deles cualificaron de "sádicos" os e as deputadas do PP trala súa votación negativa. Para Quique Costas, voceiro da Plataforma, "non se pode permitir que se siga deteriorando a saúde duns enfermos simplemente porque as administracións non se poñen de acordo sobre quen ten que pagar". Lembran que ao redor do 21 por cento dos presos e presas padecen hepatite C e que un de cada tres enfermos de hepatite nas prisión sofre tamén VIH, o que provoca que a súa enfermidade "progrese aínda máis rapidamente".

Unha sentenza do TSXG do pasado 20 de maio obriga o SERGAS a dispensar os tratamentos aos reclusos e reclusas afectadas por Hepatite mentres non se resolve o litixio, detacando esta sentenza que "debe outorgarse prevalencia ao dereito á saúde do que é titular calquera interno, cedendo por mor do mesmo o interese económico que poida manter o SERGAS". Porén, denuncia a Plataforma, "temos constancia de que mesmo internos que tiveron que ser ingresados en hospitais públicos por mor de descompensacións produto desta enfermidade, foron enviados de alta de volta aos centros penitenciarios con indicación de que deberán recibir o tratamento pero sen que este sexa sequera solicitado polos facultativos, ao teren instrución en contra do SERGAS".

Unha sentenza do TSXG do pasado 20 de maio obriga o SERGAS a dispensar os tratamentos aos reclusos e reclusas afectadas por Hepatite mentres non se resolve o litixio

Nunha xuntanza que representantes da Plataforma mantiveron co Director Xeral de Asistencia Sanitaria do SERGAS, este comunicoulles que a sentenza se estaba a aplicar unicamente para 5 reclusos obxecto dunha medida cautelar ditada por un xulgado de Santiago. Para o portavoz da Plataforma, "mentres a cuestión está xudicializada hai persoas que están vendo agravada a súa situación e que están en risco de morrer". O asunto foi posto en coñecemento do Valedor do Pobo a finais de agosto. E dende a Oficina do Valedor xa se lle comunicou á Plataforma que tomara en consideración a súa queixa, realizando un requirimento á Consellaría de Sanidade.

Representantes da Plataforma nunha manifestación a prol da sanidade pública © Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.