"O PP permite que ELNOSA continúe vertendo mercurio na ría tres anos máis"

A planta de Ence-Elnosa, no interior da Ría de Pontevedra © Greenpeace

Elnosa, que tiña prevista a súa saída da ría de Pontevedra este ano, manterá a súa actual ubicación en Lourizán cando menos tres anos máis. De igual xeito, ENCE, ao abeiro da nova Lei de Costas, presiona para obter unha prórroga de 75 anos. O pasado 23 de novembro Pontevedra saíu á rúa para pedir, unha vez máis, a recuperación dos sectores produtivos da súa ría, debilitados e ameazados pola actividade destas dúas empresas. Falamos con Antia Marinho, secretaria da Asociación Pola Defensa da Ría e membro da Plataforma 2018.

"Unha loita tan longa, tan chea de atrancos legais, e nun momento no que as administracións do PP apostan decididamente por facilitar a permanencia do complexo en Lourizán máis alá do 2018, produce un certo esgotamento entre as persoas partidarias da saída"

Como valorades a mobilización do pasado 23 de novembro?

Esta primeira mobilización da Plataforma 2018, coa que pretendiamos dar a coñecer esta iniciativa á poboación da comarca e do país, non se pode valorar sen ter en conta o contexto social no que se produce. Nun momento de crise económica, no que moita xente ten que afrontar problemas persoais de moita gravidade, no que existe unha importante carga de resignación e impotencia fronte ás decisións impopulares das administracións e cunha forte presión mediática que contrapón de forma interesada “defensa do medio ambiente” e “defensa dos postos de traballo”, unha loita coma a nosa vese, por forza, desgastada. Así as cousas, a participación na manifestación que, obviamente, podería ter sido maior, convén relativizala.

Somos conscientes de que unha loita tan longa, tan chea de atrancos legais, e nun momento no que as administracións do Partido Popular apostan decididamente por facilitar a permanencia do complexo en Lourizán máis alá do 2018, produce un certo esgotamento entre as persoas partidarias da saída do complexo da Ría, unha certa desmoralización que leva á desmobilización. Pero isto non quere dicir, en absoluto, que o nivel de oposición á presenza do complexo ENCE-ELNOSA na Ría teña diminuído.

"O PP está a permitir que Elnosa continúe vertendo mercurio na ría, nos seus bancos marisqueiros, tres anos máis"

Coa recente prórroga a Elnosa até 2017 credes que o PP busca gañar tempo, aparcar o tema para despois das municipais?

Si, é evidente; pero, ademais, pretende vender esta prórroga de tres anos como unha medida para conseguir que Elnosa abandone Lourizán antes do 2018 cando a realidade é ben distinta. O PP está a permitir que Elnosa continúe vertendo mercurio na ría, nos seus bancos marisqueiros, tres anos máis. Cun acordo entre partes pasa por riba do establecido na Autorización Ambiental Integrada, que obrigaba ao cese de actividade en xaneiro do 2014.

"As recentes declaracións do conselleiro Agustín Hernández son unha auténtica mostra de hipocrisía e oportunismo"

Pensades que finalmente se atreverán a prorrogar a concesión a ENCE 75 anos máis?

É bastante claro que o PP está sometido aos intereses de ENCE, que xa dixo vai solicitar esta prórroga. As recentes declaracións do conselleiro Agustín Hernández son unha auténtica mostra de hipocrisía e oportunismo; obviando o evidente rexeitamento social existente na comarca e demostrado en múltiples ocasións, utiliza agora a escusa dunha menor participación na pasada manifestación para xustificar a posible concesión desta prórroga. Non fai o mesmo cando observa as enormes cifras de rexeitamento social que xeran moitas das medidas aprobadas polo goberno. Pola nosa banda, seguiremos poñendo todos os nosos esforzos e recursos para evitalo, e utilizaremos en cada momento a vía que consideremos máis acaida. Porque sabemos que unha prorroga de 75 anos suporía a condena á morte da Ría.

"O seu feche será algo sumamente positivo para a comarca; os pouco máis de 300 postos de traballos directos non son nada se os comparamos cos que ten destruído e cos que segue a destruír"

Que prexuízos lle provoca a Pontevedra a presenza de Ence e Elnosa en Lourizán? E, pola contra, que lle dá, que se perdería coa súa marcha a outro lugar?

Os prexuízos da presenza desta industria son múltiples e evidentes: atenta contra a calidade de vida e a saúde das persoas; eliminou o mellor banco marisqueiro da ría e as praias urbanas de Pontevedra; destrúe os recursos marisqueiros, a pesca de baixura, os recursos forestais e turísticos; é responsable da eucaliptización da Galiza, que provoca a proliferación de incendios forestais; trouxo a peste do gurgullo e fumigou con tóxicos ilegais para a combater.

Con seguridade, o seu feche será algo sumamente positivo para a comarca; os pouco máis de 300 postos de traballos directos non son nada se os comparamos cos que ten destruído e cos que segue a destruír; ademais, a recuperación da Ría e dos montes galegos poderá contribuír á creación de emprego de calidade, baseado no desenvolvemento racional e sostíbel non prexudicial para a saúde das persoas e do ecosistema.

Que novas accións ou mobilizacións estades preparando?

Cremos importante realizar unha labor de pedagoxía social para, por unha banda concienciar á poboación da importancia da mobilización social e por outra aportar información sobre a realidade desta contaminante industria e contrarrestar as fortes campañas mediáticas coas que tentan enganar e convencer das súas supostas vontades. Neste senso, a curto prazo as nosas accións irán encamiñadas nesta liña, á realización de charlas – coloquio ou á difusión de información na rúa.

A planta de Ence-Elnosa, no interior da Ría de Pontevedra © Greenpeace

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.