O PP proclama que a autovía da Ribeira Sacra "non toca a Ribeira Sacra"

Vista de Penalba e Ferreirúa, por onde Fomento prevé a A-76 CC-BY-SA Plataforma veciñal contra o trazado da A-76

"Abraiados" ante tal "descoñecemento absoluto" a respecto "do que se traen entre mans". Quen fala é Valentín Barreiros, voceiro da plataforma veciñal que, dende o pasado abril, tenta convencer o Ministerio de Fomento para que varíe o trazado da futura A-76, a autovía concibida para unir Ponferrada con Ourense que, a xuízo deste colectivo, suporía unha importante agresión para a Ribeira Sacra e, nomeadamente, para localidades como Penalba e núcleos como Pereira ou Ferreirúa. A súa estupefacción débese ao xeito categórico en que o grupo do PP no Parlamento de Galicia vén de proclamar a súa particular interpretación do trazado aprobado por Fomento para sentenciar que "non toca a Ribeira Sacra".

Tal afirmación chegou a través do voceiro dos conservadores en materia de infraestruturas, Alejandro Gómez, e foi empregada para rexeitar unha iniciativa coa AGE tentaba que o Parlamento de Galicia instase a Fomento "anulase a licitación" deste treito da autovía e, "no caso de que resultase imposible a paralización permanente da súa construción, buscase un proxecto alternativo" que non "deteriorase o medio natural e humano da Ribeira Sacra". "A denominada alternativa 9 da A-76 -di a deputada Consuelo Martínez- afecta gravemente a Ribeira Sacra" e tamén á súa posible declaración como Patrimonio da Humanidade, á que opta ante a Unesco, toda vez que expón a zona a "danos irreparables".

O PP rexeitou unha iniciativa de AGE para instar a Fomento a anular a licitación ou buscar unha alternativa

Pero, segundo os conservadores, non hai risco ningún para esta privilexiada contorna natural. "Non se toca a Ribeira Sacra, xa que é por si mesma unha zona de exclusión" do trazado, asegura Gómez, que defende o gasto de máis de 1.000 millóns de euros nesta nova autovía. Obviando viais xa operativos como a A-52 ou a A-6 o parlamentario popular resalta que a nova autovía é necesaria porque "suporá unha mellora a respecto da estrada N-120, que foi sempre a conexión principal da Meseta con Galicia, tanto dende o punto de vista funcional" como "en canto a distancias do percorrido" e "comodidade e seguridade". O PP, agrega, rexeita a proposta de AGE porque a A-76 "foi aprobada seguindo as conclusións derivadas dos estudos" dos técnicos de Fomento e "non por decisións políticas, como a que agora queren impoñer os deputados de AGE".

"Que é a Ribeira Sacra?"

Mapa do trazado elaborado polo Goberno de España -coa toponimia corrixida-  

Os argumentos de Alejandro Gómez sumiron na estupefacción a plataforma veciñal. "Se é certo que o voceiro do PP di iso, debería mirar o expediente" antes de afirmalo, afirma Valentín Barreiros en conversa con Praza Pública. "Só cómpre ver o expediente para ver o trazado", polo que "se di iso" é "que non coñece para nada" o trazado aprobado por Fomento. "Quedamos abraiados de que non saiban por onde pasa" a autovía, sinala, nun contexto no que só cabería lanzar tal afirmación "se Monforte, Ferreira de Pantón ou Nogueira de Ramuín non son Ribeira Sacra". "Entón, que é a Ribeira Sacra?", pregúntase.

A plataforma veciñal afirma que Baltar asegurou ter o "compromiso" da ministra para revisar o trazado

Ademais dunha gran sorpresa as afirmacións do PP provocan tamén unha fonda "preocupación" entre a veciñanza que se mobiliza dende hai meses. O colectivo, explica Barreiros, mesmo obtivo hai poucas semanas o compromiso do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, de "falar sobre este tema co anterior secretario de Infraestruturas, Rafael Catalá", acabado de nomear ministro de Xustiza, "e díxonos que tamén tiña o compromiso da ministra de Fomento" para "revisar isto" e, en última instancia, "buscar outas alternativas máis viables" economicamente pero tamén "social, patrimonial, turística e medioambientalmente" para a comarca. No entanto, se o roteiro dos populares é o explicitado por Gómez, "non sei a que se dedica esta xente", lamenta.

Vista de Penalba e Ferreirúa, por onde Fomento prevé a A-76 CC-BY-SA Plataforma veciñal contra o trazado da A-76
Mapa da Ribeira Sacra © Consorcio Turismo Ribeira Sacra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.