O PP queda só na defensa da súa Lei de Costas, que “agrede o público e agrede o medio ambiente”

A costa, entre Baiona e A Guarda CC-BY-NC-SA Carlos de Vega

Galicia tomou protagonismo no debate sobre a Lei de Costas este martes no Congreso, cuxa reforma culminarán este xoves as Cortes. A maioría absoluta popular tumbou a proposición de lei impulsada polo propio Partido Popular no Parlamento galego na pasada lexislatura e que buscaba "protexer" os núcleos costeiros. Pero sobre todo o debate permitiu que PSdeG, AGE e BNG expresasen no Congreso a súa oposición a unha reforma que -afirman- contribúe a desprotexer as costas e a beneficiar os intereses privados e inmobiliarios.

O PPdeG solicitaba que na nova Lei de Costas se tivesen en conta "os 12.000 asentamentos rurais de poboación" afectados pola Lei de Costas de 1988: "trátase de construcións previas a 1988 de propiedade veciñal que se viron atrapadas polo limbo xurídico". O PP votou en contra da súa propia proposta ao considerar que a nova lei "dálle resposta suficiente ás demandas". Pola súa banda, o socialista Sánchez Bugallo criticou estas "incongruencias" e denunciou que a nova norma "deixa as costas españolas a mercé da especulación e a privatización, e non incorporan a especificidade dos núcleos costeiros tradicionais de Galicia e si outros de Valencia, Andalucía e Catalunya".

Antón Sánchez: “A nova lei de protección e uso sostíbel do litoral que pretende a aprobar o PP estatal non é máis que a legalización da desprotección da costa”

As maiores criticas chegaron por parte de AGE e BNG. O deputado de Alternativa Galega de Esquerda, Antón Sánchez, estreouse no Congreso para denunciar que “a nova lei de protección e uso sostíbel do litoral que pretende a aprobar o PP estatal non é máis que a legalización da desprotección da costa” e engadir que “agrede o público e agrede o medio ambiente”. Para Sánchez, a modificación aprobada no Hórreo cos votos do PP desnaturalizaba o réxime do dominio público e facilitaba a privatización. “A súa técnica normativa resulta xuridicamente deficiente”, engadiu, “e máis parece un panfleto político ca unha norma xurídica”. O deputado de Alternativa lembrou, ademais, que o PP gobernou Galicia durante 28 dos 33 anos de autonomía e, ao longo deses anos, tamén estivo á fronte do 70% dos concellos. “Polo tanto, é o principal é o principal responsábel político del caos urbanístico do litoral de Galicia”.

Olaia Fernández Davila afirmou que "esta lei vai facer posible que una industria contaminante como ENCE poida continuar na ría durante 75 anos máis"

O BNG, a través da súa deputada no Congreso Olaia Fernández Davila, afirmou que "esta lei vai facer posible que una industria contaminante como ENCE poida continuar na ría durante 75 anos máis cando tiñamos o compromiso del PP de que se garantiría que esta empresa, xunto con outras contaminantes, deixarían de ter a concesión administrativa en 2018".

Antón Sánchez na súa intervención no Congreso dos Deputados CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.