O PP teima en negarse a declarar o Monte Pindo parque natural

Lirio de monte, especie en risco que logrou sobrevivir ao lume CC-BY-SA Roi Carballal / Monte Pindo Parque Natural

"O Partido Popular non quere protexer o Monte Pindo". Esa é a conclusión que saca AGE logo de que os deputados do PP votaran en contra da iniciativa presentada pola formación para declarar o Olimpo Celta parque natural. A dereita rexeitou a proposición non de lei de Alternativa, que considera "totalmente incomprensíbel o desleixo da Xunta sobre un espazo imprescindíbel do país coma este, coa súa riqueza e singularidade ambiental”.

"É totalmente incomprensíbel o desleixo da Xunta son un espazo imprescindíbel do país", di AGE

Yolanda Díaz, voceira de AGE, lembrou que os apoios para outorgar ao Monte Pindo a máxima protección ambiental "son amplos". Así, recordou que hai máis de 169 entidades que reclaman esa figura, así como unha enquisa que reflicte que a maioría da poboación avoga tamén porque este bosque único de Carnota acade esa distinción. De feito, hai agora case un ano, a Xunta pechaba a porta ao parque natural e rachaba as conversas co Concello.

"O diálogo coa Xunta está pechado e hai que tomar outras vías". Así de contundente se manifestara o alcalde de Carnota, Ramón Noceda, farto do "desleixo" e da falta de propostas e solucións cara ao Monte Pindo por parte da Administración autonómica, coa que a asociación que leva anos reclamando a declaración da zona como parque natural xa non quere manter xuntanza ningunha máis. A decepcionante resposta do Goberno levou o Concello a insistir na súa intención de recuperar a xestión integral da zona.

Daquela, levouse a cabo unha xuntanza coa directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, co obxectivo de tratar a declaración do Monte Pindo como parque natural, "a única figura de protección democrática, participativa e que obriga a comprometer investimentos e contratacións de persoal". A Xunta manifestara que o parque natural "non é unha prioridade" e non dera resposta ás demandas de recuperación da zona tras o grave incendio que levou por diante boa parte do bosque.

AGE pregunta cales son as razóns polas que o PP "obstaculiza" o parque natural e se non queren convertelo "nun couto de caza maior"

E o PP teima en dicir non. AGE lembroulle que o Valedor do Pobo admitiu a trámite denuncias sobre a vulneración do Goberno de cinco normas e leis de diferentes ámbitos. “O desleixo é os sinal do Partido Popular, que teñen claro que non queren o parque natural”, denunciou Yolanda Díaz. "E eu fágolles unha pregunta: é certo que queren converter o Monte Pindo nun couto de caza maior?”.

Os deputados e deputadas do PP escudáronse nos supostos intereses da veciñanza da zona para se opor á proposta de AGE. Tamén evitaron responder á pregunta sobre o couto de caza. “Cales son as razóns polas que o PP obstaculiza a declaración de parque natural?”, concluíu preguntándose Yolanda Díaz.

Un carballo para o Pindo CC-BY-SA Monte Pindo parque natural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.