"O problema foi a impunidade política e a mansedume do pobo, entendible tras décadas de anestesia local"

Praia da Magdalena, en Cedeira © Somos Cedeira

O pasado 20 de outubro o colectivo cidadán Somos Cedeira cesaba a súa actividade, pasando a un estado de "silencio activo", despois de meses de traballo de denuncia dalgúns dos problemas máis importantes ou máis urxentes de Cedeira e a súa contorna. Nun extenso texto publicado no seu blogue, titulado "As cousas importantes precisan o seu tempo", sinalaban que "non son tempos para cidadáns con criterio propio -acertado ou non-, son tempos de mansedume e anestesia, xeral e local" e recoñecían que "asumir hoxe a parte de responsabilidade que toca – por moi pequena que esta sexa- para devolverlle á política a súa autonomía ten un desgaste".

"Asumir hoxe a parte de responsabilidade que toca – por moi pequena que esta sexa- para devolverlle á política a súa autonomía ten un desgaste"

No texto tamén lembraban cales foran as súas intencións á hora de crear o blogue e a plataforma: "Declararse Somos Cedeira, porque o somos, non se limitaba a unha simples declaración de localismo paifoco – algúns estamos transterrados – senón  un xeito de constatar que o compromiso coa razón democrática non atende a lindeiros". E concluían: "de verdade, é iso o que queremos? Construir e plantar eucalitos onde nos pete, estragar de xeito irreversible o entorno sen que iso axude a aumentar a calidade de vida, asfixiar o futuro na depredación do presente?".

"Mesmo fomos máis oposición que a de verdade, pois sempre usamos moito traballo baseado na normativa, etc... Consultando expertos onde non sabíamos"

"Somos xente militante do BNG e de EU", varios deles emigrados na Coruña, en Catalunya ou embarcados a miles de millas no mar, "pero tamén moreas de seguidores que non militan en nada pero están fartos de ver a nosa vila como esvaece". Salientan que "os preto das 9000 lecturas de no blogue, para ser unha vila pequena, en catro meses, está moi ben. Mesmo fomos máis oposición que a de verdade, pois sempre usamos moito traballo baseado na normativa, etc... Consultando expertos onde non sabíamos. Fixemos cousas e co paso do tempo percibímolo na xente que nolo di, e no orgullo propio de que peor que fracasar é non intentalo". 

"Vivimos malos tempos para a cidadanía crítica", din, "seguimos a ser visto coma subversivos, non rematan de entender o que vén aí" e engaden: "a tecnoloxía traerá a revolución social do século XXI. Aínda só está comenzando a artellarse, e falo a nivel global, dende o local". Destacan que "na vila vennos como xente seria e honesta, xa ninguén o dubida, malia as calumnias dende o concello". E conclúen que "o problema foi a impunidade política a pesar de achegar probas nas denuncias, e a mansedume dun pobo, entendible tras varias décadas de anestesia local".

 

Por que cesades a vosa actividade?

O activismo é por definición provisorio, non así a política. Trátase dun silencio activo, unha paréntese reflexiva para reformular contradicións, metodoloxía e expectativas -dirán algúns- froito do exceso de entusiasmo. Todas as persoas que participamos teñen algún tipo de arela e implicación social e política dentro e fóra do país que non cesarán. Non pode ser doutro xeito. Non facer nada non é unha opción. Seguimos plenamente convencidos de que todos aquel con inquedanzas debe participar na difícil tarefa de despertar ao pobo, sexa no ámbito local ou a calquera outra escala. Atribúen a Platón a frase de "o prezo de ignorar a política é o de sermos gobernados polo peores", o que na versión positivista da cita vén a ser que para botar a corrupción do poder abondaría con que a xente boa, boa xente, estivese pola labor de participar activamente. Se ben recibimos escritos e informes de diferentes persoas, detrás da iniciativa e do blogue, redes sociais, denuncias en organismos oficiais (non perdemos ningunha, pero quedaron impunes até o de agora...), estamos nominalmente, e sen cargo algún nen liderados, Gabriel Beceiro, Antón Cribeiro e Fernando Igrexas, tres cedeirenses preocupados polo devalo.

"O problema foi a impunidade política a pesar de achegar probas nas denuncias, e a mansedume dun pobo, entendible tras varias décadas de anestesia local"

Como valorades o traballo feito?

Cumpría lembrar que Cedeira, como o resto do país, non é maioritariamente de dereitas e nacionalista español (é un termo pouco axeitado que serve para entendernos), malia a figura de Leopoldo Rubido, así coma o imaxinario social que teñen argallado  non poucos medios de comunicación, para aquí e para o resto do país. As vilas do Ortegal son por historia, economía e demografía un continuo que se rachou cunha comarcalización artificial que agocha a súa integración e veciñanza, que ergue tañeiras onde non as hai. Unha deconstrución que non é única de aquí e que afecta á construción da nación cívica.

"Non facer nada non é unha opción. Seguimos plenamente convencidos de que todos aquel con inquedanzas debe participar na difícil tarefa de despertar ao pobo, sexa no ámbito local ou a calquera outra escala"

No caso de Cedeira hai un substrato de galeguidade e civismo culturalista que está aí, e que ten precedentes na nosa contorna social e política desde antes do 36. Aquí a vontade de acción non é unha paifoca reivindicación de fondo localista, entre outras cousas porque os cedeirenses e o Ortegal todo, se algunha cousa son é Galicia con todas as súas contradicións nacionais. O localismo tende a cero.

Polo tanto, a acción cívica non ten máis mérito co seu xesto e ambición que combina, en proporcións diversas segundo as posicións sociais de quen foi participando, unhas expectativas de prosperidade e xustiza social, unha esixencia de radicalidade democrática e unha afirmación de dignidade nacional política que se deriva de todo o anterior. A mudanza social é consecuencia de ir mudando hábitos e incercias persoais. Non se trataba de mudalo todo e todo.

Mais ese plantexamento democrático pode xerar desavinzas e certos traumatismos cando o marco democrático se basea na personalización representativa. Algo moi habitual nas vilas pequenas onde se fai marcaxe á persoa. As mudanzas radicais teñen o apoio que teñen, houbo mudanzas demográficas e ocupacionais e tratábase de ir facendo cambios. De feito, nun marco democraticamente civilizado non tería ningún mérito: os posibles traumatismos que se derivan son causa da insuficiencia democrática, do clientelismo como forma de integración social e laboral. Nas vilas, estar secuestrados pola economía adquire formas personalizadas dende sempre. En ningún caso se fixeron propostas fóra da contorna legal, política, cultural e económico, máis ben o contrario: esixiuse legalidade, e maior participación da cidadanía nas tomas de decisión tanto ao goberno local como á oposición.

"No caso de Cedeira hai un substrato de galeguidade e civismo culturalista que está aí, e que ten precedentes na nosa contorna social e política desde antes do 36"

Cal considerades que foi o voso maior logro? E os maiores atrancos?

O maior logro foi sen dúbida plantar a semente do activismo cívico, dende unha óptica sempre baseada en evidencias e con argumentos tan solventes que nin un só dos máis de cincocentos escritos publicados, da actividade nas redes sociais, e das denuncias presentadas ante organismos oficiais, foi rebatido nin contra-denunciado. Este dato é determinante. Fomos ameazados e desacreditados, e revolvémonos dicindo -e segue escrito non blogue: non ameacedes máis, denunciade-, porén as denuncias nunca as fixeron. Xa que logo, cabe pensar que os nosos argumentos estaban ben artellados.

A pesar diso, as propias institucións que nos deron a razón, non aplicaron -polo de agora- sanción algunha ao Concello, e temos probas gardadas na recámara que amosan que tiñan intención de facelo, pero nalgún momento alguén deu a orde de paralo todo. Se non, non se entende como incumprindo a lei -caso da omisión do cartaz obrigatorio na praia desaconsellando ou prohibindo o baño por orde da Consellería de Sanidade-, o Concello pasou de todo, e sen consecuencia algunha. Aínda estamos agardando a resposta á derradeira carta de SomosCedeira... e insistimos, temos probas nidias que Sanidade ía actuar, pero nada.

Estes foron tamén os maiores atrancos, o de ver como aínda tendo a razón, e recibindo a oralmente e por escrito, nunca houbo consecuencias -agás en temas menores-, pero nos grandes nada: millóns de euros para rexenerar a praia da Madalena e logo o inverno descubriu, cun reportaxe fotográfico que fixemos, que se usaron redes, materiais de construción, solas de zapatos, lixo... Denunciámolo. Que pasou? Nada.

"O maior logro foi sen dúbida plantar a semente do activismo cívico, dende unha óptica sempre baseada en evidencias"

E por outra banda, ademais desta impunidade coa que unhas administración se tapan a outras -distanciándose cada vez máis da cidadanía-, a propia veciñanza segue a manter a idea de trasladar os problemas para os amañen outros, no canto de participar activamente, man con man, e como sempre dixemos, sen listas, e sen listos. O fin último é o de recuperar para o pobo o que os grandes partidos lle roubaron: a soberanía, a liberdade. Levaba razón Napoleón cando dixo aquilo de "a liberdade política é unha fábula imaxinada polos gobernos para adormecer aos gobernados".

Así, resulta evidente que de quen se significa sempre se espera de máis, o que é fonte de frustración para quen interprete este tipo de dispositivos cívicos só dende os parámetros da política representativa de partido. Primeiro, porque nunca cumprirá coas expectativas. Segundo, porque apunta vieiros de cambio sen ser garantía de nada. E terceiro, porque achega un poder que entra en colisión co que xa hai.

Posiblemente, alén do caso visibilizar unha metodoloxía e un poder; diante do pulso de tensión entre o crecemento económico baseado na expoliación do territorio e a realidade social, preguntarse até que punto é sustentábel esa situación sen comprometer as necesidades futuras. A sustentabilidade é un aspecto conceptual que liga directamente coa crise e coas relacións de Galicia co estado español. Dende o local percíbese moi ben como contencioso administrativo é o elo  máis feble e que peor funciona na administración de xustiza. Por algo será que non interesa orzamentar a xustiza o mesmo que outros ámbitos. O estado español ten un grave problema  de división de poderes.

Cales son os principais problemas de Cedeira?

Os de Galicia e a desfeita programada de Ferrolterra. Dous días despois de anunciaren a fin da recesión coñecemos os datos da enquisa de poboación activa, que falan de seu, unha tendencia da poboación activa a diminuír. A sustentabilidade ten de ser ambiental, social e e económica. O razoamento é doado: a sustentabilidade económica afecta negativamente a dinámica social e estraga o medio e o territorio, o que sustentábel. Só se fala de sustentabilidade económica. Ficamos coa boca aberta mentres quen se apropian do concepto son os mesmos que defenden a austeridade e aplican os recortes, como antes fixeron do territorio un ben funxíbel pronto a ser consumido. Cedeira precisa explorar formas empresariais social e economicamente sustentables a partires do saber facer das súas xentes e da innovación.

Concretar nunha lista non tería moito sentido, Cedeira precisa antes todo un equipo de xente motivada -polo bencomún, non polo seu ben-, multidisciplinar, e antes de nada, artellas un plan a medio e longo prazo para ir facendo segundo as posibilidades orzamentarias de cada ano. Un plan DAFO sempre axuda. Detección das debilidades que temos, das ameazas que pode haber, das fortalezas que hai, e das oportunidades que non podemos perder. Con todo, se tivésemos que citar unha necesidade, quedariamos cun vial no de Cedeira a Ferrol da trazado novo, sen dúbida, resolta esta eiva a vila daría un paso de xigante en todos os sectores: pesca, madeira, agricultura, gandaría, industria, turismo. Todo. As periferias non existen de seu, fanse.

E a nivel "interno", fornecer xa o tecido cultural en todos os seus ámbitos, hoxe en día no esquecemento máis absoluto. Logo temos mil cousas pendentes: dende acadar a máxima protección da praia para evitar a súa destrución e protexer este patrimonio no marco incluso da reserva mariña, ata todo o que sexan políticas sociais e de benestar: atención aos maiores, centros de día...

"Ser cidadán, a diferencia de ser súbdito, significa ser civicamente activo. Nese movemento radica a calidade da democracia representativa"

Hai suficiente activismo na cidadanía?

En democracia nunca hai de abondo. Ser cidadán, a diferencia de ser súbdito, significa ser civicamente activo. Nese movemento radica a calidade da democracia representativa. Dende a chamada Transición a presenza cívica foi a menos, agás a paréntese da Sociedade Cultural Chirlateira, ata chegar a hoxe en día, onde os políticos gobernantes substitúen aos cidadáns críticos ("subversivos") e axiña buscan a forma de desmotivalos, porque prefiren mandar no "silencio dos años" que aturar aos incómodos cidadáns libres. Para iso fanlle crer á maioría (e conségueno grazas á manipulación mediática) falacias coma que "todos os políticos son iguais", "que non vale a pena facer nada", "para que te vas a complicar a vida"... a froito deste silencio temos o país que merecemos.

Que se pode facer para concienciar a xente e que saia da casa, para que traballe pola comunidade?

O manual de uso é simple, a súa execución non tanto. Hogano, coas tecnoloxías da información pódese non saír da casa e facer “como si”. Á vantaxe instrumental da comunicación hai que restarlle a parte narcisista e engadir a necesaria intermediación física do cara a cara no territorio, na rúa. Estámolo a ver coa PAH. Claro é, iso precisa algo máis ca pronunciarse.

Tedes algún proxecto a medio ou longo prazo?

O silencio activo serviría para iso.

 

© Somos Cedeira
Protesta contra o traslado do Centro de Maiores © Somos Cedeira
Praia da Magdalena, en Cedeira © Somos Cedeira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.