O profesorado colaborador do Celga denuncia a súa "precaria situación"

Protesta do profesorado do CELGA © linguaprecaria.wordpress.com

O colectivo de mestres e mestras colaboradoras da Secretaría Xeral de Política Lingüística para impartir os cursos de galego para adultos (Celga e linguaxe administrativa e xurídica), ao redor de 500 persoas, difunde no seu blog un manifesto denuncia a súa "precaria situación". O texto demanda cambios na maneira de xestionar o sistema de formación en lingua galega para adultos e alerta de que a Xunta pretende "ir eliminando os cursos que impartimos para usar como man de obra máis barata aínda o profesorado das escolas de idiomas e o persoal técnico de normalización lingüística dos concellos".

O manifesto pide "a creación dun grupo estable de profesorado profesionalizado, seleccionado e contratado a través dun proceso selectivo público de acordo cos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade"

O manifesto pide "a creación dun grupo estable de profesorado profesionalizado, seleccionado e contratado a través dun proceso selectivo público de acordo cos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade". Mentres non se cree ese corpo de profesorado estable, demandan melloras relativas á "clarificación e mellora dos requisitos para acceder á listaxe de profesorado colaborador", á "contratación formal do profesorado colaborador, con todo o que isto supón: o establecemento dunhas condicións laborais xustas e pactadas entre Administración e persoas traballadoras" e a "convocatoria anual de cursos de formación para profesor@s e avaliador@s".

Afirman que "despois de observar que na última convocatoria de cursos Celga se seguen a cometer os mesmos ou aínda peores erros que en convocatorias anteriores", algunhas das persoas que forman parte da listaxe de profesorado colaborador "decidimos xuntarnos e organizarnos para desenvolver accións que mostren a nosa desconformidade cos abusos que a Administración está a cometer co noso colectivo". Din estar fartos e fartas "de que a Secretaría (goberne quen a goberne) se aproveite da precariedade laboral que existe no ámbito da docencia en galego para contar todos os anos cunha listaxe de profesorado colaborador que fica exento de dereitos laborais: sen contrato; sen posibilidade de negociar unhas retribucións que minguan ano tras ano; sen termos a seguridade de se un ano imos traballar ou non; sen saber cando imos traballar e cando imos cobrar".

Tamén critican que "cada ano cambien os procedementos para acceder á listaxe de profesorado", de "ter só obrigas e de non ter ningún dereito" e as "prácticas escurantistas"

Tamén critican que "cada ano cambien os procedementos para acceder á listaxe de profesorado", de "ter só obrigas e de non ter ningún dereito" e as "prácticas escurantistas", pois as "listaxes de chamamentos seguen sen ser públicas, polo que as persoas que formamos parte delas non sabemos cando realmente nos vai tocar dar un curso".

Protesta do profesorado do CELGA © linguaprecaria.wordpress.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.