O programa do ecoloxismo para o 21-0: Pechar Sogama e priorizar o tren de proximidade sobre o AVE

Presentación do 'Programa pola Terra' este mércores en Ourense © ADEGA

ADEGA, Amigos da Terra, CEMMA, FEG e SGHN presentaron este mércores en Ourense Un Programa pola Terraun breve documento que recolle as propostas do ecoloxismo galego para que os diferentes partidos e coalicións políticas as integren na súa acción tanto de goberno como de oposición durante a vindeira lexislatura. O texto inclúe tanto reflexións e recomendacións máis xerais (mudanza do "actual modelo económico e social" por ser "inxusto e insustentábel", democracia participativa) coma reivindicacións concretas comezando pola proposta de pechar a incineradora de SOGAMA no 2017 e promover a redución e a reciclaxe dos residuos urbanos.

Entre outras cousas pídese a redución das emisións de gases de efecto ínvernadoiro (GEI) para que non superen nun 15% as de 1990 e cumprir así o límite de aumento ao que se comprometeu o conxunto do Estado español no ámbito do Protocolo de Quioto. Para o 2050, é necesario diminuír as emisións polo menos nun 80% a respecto de 1990.

O texto inclúe tanto reflexións e recomendacións máis xerais coma reivindicacións concretas comezando pola proposta de pechar a incineradora de SOGAMA no 2017 e promover a redución e a reciclaxe dos residuos urbanos

Así mesmo esíxese o decrecemento do consumo de enerxía e a promoción das renovables sen destruír o territorio. O texto pide a aplicación dun vigoroso Plano de Aforro e Eficiencia Enerxética, capaz de reducir en termos absolutos o consumo de enerxía en polo menos un 20% até 2020. Asemade, o programa afirma que a Xunta "debería apostar pola substitución, o antes posible, das altamente contaminantes centrais térmicas das Pontes e de Meirama.

O texto pide así mesmo "estabelecer unha moratoria na construción de novas autovías e autoestradas, derivar os investimentos do AVE cara á rede ferroviaria de proximidade e redactar un Plano Integral de Transportes sustentábel".

O texto pide "estabelecer unha moratoria na construción de novas autovías e autoestradas, derivar os investimentos do AVE cara á rede ferroviaria de proximidade"

O cuarto punto do programa propón "aplicar unha política de ordenación do territorio que limite drasticamente o crecemento urbanístico e defenda a costa". Entre outras cousas proponse "apostar por cidades e vilas compactas (como garantía de dotación de servizos) fronte á dispersión e á fragmentación, e antepor a rehabilitación e o uso das vivendas baleiras á construción de novas". Tamén se pide protexer de forma permanente e efectiva todos os solos non urbanizados situados a 500 metros do mar ou a 100 metros dos ríos, así como impedir novos recheos no litoral. De igual xeito propose unha planificación portuaria e a súa integración na sociedade galega, através da integración na intermodalidade do transporte marítimo de pasaxeiros, da reorientación do tráfico marítimo pesado e do uso racional das instalacións portuarias.

Esíxese fortalecer as alternativas sustentábeis para a agricultura, gandería, silvicultura forestal e a pesca, favorecendo máis a produción ecolóxica ou con certificado de sustentabilidade e a pesca industriais nun Programa de Desenvolvemento rural orientado a fixar poboación e impedir o abandono. Tamén se pide impulsar as redes curtas de comercialización para mellorar os ingresos dos produtores e produtoras e incentivar o consumo de alimentos locais e galegos.

Co obxectivo de frear "a perda de diversidade natural" no primeiro semestre da lexislatura ampliariase a Rede Natura 2000, "tomando como punto de partida a proposta da Xunta de 2008 e tentando acadar unha porcentaxe de representación territorial consonte coa media estatal". Tamén se pide ampliar a cativa rede de parques naturais (comezando pola declaración do Macizo Central Ourensán, Os Ancares e O Courel, no primeiro ano da lexislatura).

Tamén se pide protexer de forma permanente e efectiva todos os solos non urbanizados situados a 500 metros do mar ou a 100 metros dos ríos

En canto á politica fiscal proponse aproveitar as competencias autonómicas "para penalizar os comportamentos ambientais incorrectos e favorecer aqueles acordes coa sustentabilidade, através da reforma dos tributos existentes" coma o imposto sobre a contaminación atmosférica para gravar tamén as emisións de CO2, e a introdución de novos tributos, como un sobre o lixo, un sobre as canteiras e un sobre as grandes superficies.

Presentación do 'Programa pola Terra' este mércores en Ourense © ADEGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.