O proxecto de trasvase de augas dende o lago artificial de Meirama segue adiante a pesar das críticas

A Xunta gastará 1,5 millóns de euros na condución entre o lago artificial e o río Barcés Dominio Público Praza Pública

As persistentes chuvias dos últimos dous meses fixeron que o lago artificial que se está a crear nunha das antigas balsas mineiras de Meirama (Cerceda) estea xa preto de acadar o nivel a partir do cal o lago comezará a desviar a súa auga en dirección ao encoro de Cecebre, a través do río Barcés. A Xunta gastou 1.5 millóns de euros neste proxecto, que busca subministrar auga potable á comarca coruñesa, pero que forzas políticas como AGE e BNG, así como organizacións ecoloxistas, consideran innecesario. Ademais, estes grupos acusan a Xunta de beneficiar intereses privados con esta actuación e co malgasto de cartos públicos, en concreto a Gas Natural Fenosa e a Minicentrales Eléctricas de Galicia, S.L.

Está previsto que as obras estean rematadas en decembro do ano que vén. O lago ten unha capacidade de 150 hectómetros cúbicos, sete veces máis que o embalse de Cecebre, e varios grupos, como ADEGA, xa puxeron en dúbida a calidade das súas augas, que se destinarán ao consumo humano: "a calidade das augas dunha balsa mineira, que moi probabelmente teñan unha alta acidez e unha importante cantidade de metais pesados (particularmente arsénico) debido á natureza das rochas encaixantes (xistos cun alto contido en sulfuros metálicos) ademais dunha baixa concentración de osíxeno". Pola contra, a Xunta defende a calidade destas augas e afirma que mesmo é superior á do río Barcés, que nutre Cecebre.

En calquera caso, tanto as agrupacións locais de BNG e Esquerda Unida na Coruña, como Bloque e AGE no Parlamento galego teñen denunciado o gasto de cartos públicos nunha obra "faraónica e innecesaria" e que "non responde ás necesidades da cidadanía", como sinalou o grupo municipal de Esquerda Unida-Os Verdes na cidade herculina. A Xunta a obra baseándose na necesidade de garantir o subministro de auga nun prazo de vinte anos no marco dun suposto incremento poboacional e de consumo derivado dun suposto incremento lineal da poboación e do gasto da auga. Este incremento é posto en dúbida polo BNG, que ademais lle lembra ao Goberno galego que  as políticas públicas deberían ir encamiñadas á redución do consumo de auga.

 

Unha nova minicentral

Minicentrales Eléctricas de Galicia, S.L. retomou o proxecto no momento en que o novo transvasamento de auga fixo rendible a minicentral, activando de novo a licenza o 22 de outubro de 2012

Para ADEGA, é a construción da devandita minicentral hidroeléctrica a verdadeira razón de ser do proxecto: "producir quilovatios camuflando o proxecto como unha infraestrutura de subministro". O Plano Hidrolóxico non permite novos aproveitamentos hidroeléctricos nas bacías de Galicia-Costa, agás repotenciacións e "modernizacións" e en calquera caso non se pode proxectar unha obra sen que haxa unha concesión administrativa previa para a explotación dos quilovatios. ADEGA pregúntase o motivo de non conectar directamente a balsa mineira co río, situado a poucos metros, pois a opción de construír un túnel de 1,4 quilómetros e 3,5 metros de diámetro resulta tecnicamente máis complicada e moito máis cara que facer un desaugue directo. E cren ver na construción da minicentral a explicación: "precísase unha significativa diferenza de cotas entre a captación (balsa) e o punto de entrega (central hidroeléctrica). Eis a razón do túnel, que actúa como tubería de presión para a minicentral".

A Xunta nunca declarou a caducidade do aproveitamento hidroeléctrico ao pé do encoro de Cecebre, que fora concedido en 1998. Minicentrales Eléctricas de Galicia, S.L. retomou o proxecto no momento en que o novo transvasamento de auga fixo rendible a minicentral, activando de novo a licenza o 22 de outubro de 2012 e solicitando instalar as liñas de media tensión que conectarían a minicentral co tendido eléctrico de Fenosa.

A Xunta gastou 1.5 millóns de euros neste proxecto, que busca subministrar auga potable á comarca coruñesa, pero que forzas políticas como AGE e BNG, así como organizacións ecoloxistas, consideran innecesario

A este respecto, o BNG considera que os beneficiados do transvasamento entre Meirama e Cecebre "son Gas Natural Fenosa e esta minicentral e non a cidadanía, que pagará as obras e consumirá unha auga de peor calidade e máis cara". O Bloque sinala que o desaugamento do lago artificial ao río Barcés que tiña que facer a empresa Gas Natural Fenosa, segundo a resolución da declaración de impacto ambiental sobre a enchedura con auga do oco da mina de Meirama, agora vaina facer a Xunta, a través de Augas de Galicia. O BNG subliña que "a Xunta disfraza estas obras cunha suposta necesidade de abastecemento da Coruña e a súa área". De igual xeito, o deputado de AGE Antón Sánchez pídelle á Xunta que explique "que interese público ten unha obra que foi expresamente rexeitada" nos informes elaborados por Augas de Galicia.

A Xunta gastará 1,5 millóns de euros na condución entre o lago artificial e o río Barcés Dominio Público Praza Pública
O lago ten unha capacidade de 150 hectómetros cúbicos, sete veces máis que o embalse de Cecebre Dominio Público Praza Pública
Encoro de Cecebre Dominio Público BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.