O PSdeG liga o tratamento do suceso de 'Manolo de Xaniño' ás externalizacións na TVG

Entrevista realizada a Manolo Viéitez no programa 'Boas Tardes' © CRTVG

Hai un par de semanas a TVG emitiu unha entrevista cun home de Ordes, Manolo de Xaniño, que protagonizara un curioso suceso (despois de saír dun clube de alterne, bébedo, caera nun pequeno pilón, de onde tivo que ser rescatado pola policía). O vídeo comezou a espallarse pola rede, acadando difusión en todo o Estado, e a televisión pública decidiu ampliar a cobertura sobre o feito, entrevistándoo no programa Boas Tardes, unha entrevista que ocupou tamén espazo nos telexonais da canle.

Esta cobertura, ampla e mesmo celebrando os feitos, foi moi criticada nas redes sociais por numerosas persoas e colectivos, que cuestionaban que unha televisión publica lle dedicase o seu tempo de programación a un suceso que, ademais, incluía algúns elementos (coma a prostitución) máis que criticables. Pola contra, a propia TVG celebrou a viralidade da noticia, que bateu marcas de audiencia na web da compañía. "Estamos, din algúns na Rede, ante outro Tojeiro", destácase na páxina da CRTVG.

Este xoves as críticas chegaron ao Parlamento, onde a deputada Concepción Burgo (PSdeG-PSOE) interpelou o director xeral do ente, Alfonso Sánchez Izquierdo, sobre unha cobertura que cualificou de "telelixo inadmisible". A deputada socialista criticou duramente que o ente público “presuma” de ter “xerado o fenómeno viral” de Manolo de Xaniño e considera “impresentable” o tratamento dado a este suceso, que “mesmo debera ser cuestionado nun medio privado, cánto máis nunha televisión pública”. Burgo sinalou que unha das presentadoras do espazo Boas Tardes mesmo chegou a "lamentar" o horario de protección de emisión -dixo- “porque consideraba divertido coñecer máis das aventuras femininas deste señor”.

Concepción Burgo ligou o sucedido co proceso de externalizacións levado a cabo pola dirección da CRTVG nos últimos anos, que levou a que espazos como o Boas Tardes ou O Que Pasa Aquí sexan realizados por produtoras privadas. Burgo acusou a Sánchez Izquierdo de incumprir tanto a Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual como o seu Mandato Marco, que impiden explicitamente a externalización dos programas informativos. Boas Tardes ou O Que Pasa Aquí non son estritamente programas informativos (a dirección da CRTVG argumenta que son magacines), pero si que inclúen contidos informativos e, ás veces, algunhas das emisións teñen oco nos propios telexornais, como sucedeu nesta ocasión. A propia web da CRTVG inclúe a O que pasa aquí entre os programas informativos da canle pública.

 

Entrevista realizada a Manolo Viéitez no programa 'Boas Tardes' © CRTVG
Un exemplo da ampla cobertura dada pola TVG ao tema © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.