O debate sobre a continuidade de ENCE no interior da ría de Pontevedra chegou este xoves ao Parlamento galego, a través dunha proposición non de Lei do PSdeG, que urxía a Xunta a realizar o preceptivo informe que debe avalar ou desestimar a petición realizada pola empresa para prorrogar a súa presenza en Lourizán outros 75 anos, ao amparo da nova Lei de Costas. Os socialistas lembraban que a Xunta ten de prazo até finais de marzo para elaborar este informe e pediron que a Xunta se posicionase en contra da prórroga solicitada por ENCE ao Ministerio de Medio Ambiente. A proposición foi rexeitada cos votos en contra do PP.
A deputada Patricia Vilán acusou a Xunta e ao PP de “dar largas para manter a Ence na ría outros 75 anos” coa súa conivencia e “incumprindo o compromiso de falar coa empresa” para que abandonaran a súa situación actual antes de 2018. Ademais, acusou o PP de “inducir a cometer o delito de prevaricación” ao pedir que non se cumpra a Lei de Costas que determina que o dito informe debe ser presentado en tres meses. Engadiu que a postura do goberno da Xunta “primeiro ía ser vinculante, logo determinante e agora vai ser papel mollado” co obxectivo de permitir que a empresa se manteña na ría.
O PP tivo palabras de apoio e de eloxio para a contaminante empresa pasteira, que leva no mesmo emprazamento "dende hai medio século" e que nos últimos anos "mellorou os controis e filtros ambientais"
Na xustificación do voto negativo do seu grupo, o popular Román Rodríguez alegou que "non está aínda aprobado o Regulamento de desenvolvemento da Lei de Costas e de facelo neste momento podería xerar inseguridade xurídica". Rodríguez engadiu que Ence se "precipitou" ao pedir autorización para ampliar a súa estadía na ría máis aló de 2018, e que debería ter agardado ao desenvolvemento completo da nova lei. Porén, o deputado conservador tivo palabras de apoio e de eloxio para a contaminante empresa pasteira, que leva no mesmo emprazamento "dende hai medio século" e que nos últimos anos "mellorou os controis e filtros ambientais". "Estamos a falar dun complexo empresarial que xera unha alta porcentaxe do PIB industrial da comarca de Pontevedra e que ten un papel fundamental para o sector forestal de Galicia", concluíu, apoiando a continuidade da factoría.
"Total dependencia das direccións empresariais do complexo de Lourizán"
A Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra presentou hai uns días recursos de alzada contra a decisión da Xunta de Galicia de actualizar as Autorizacións Ambientais Integradas (AAI) a Ence e a Elnosa
A Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra presentou hai uns días recursos de alzada contra a decisión da Xunta de Galicia de actualizar as Autorizacións Ambientais Integradas (AAI) a Ence e a Elnosa, "dúas resolucións que ao entender da nosa asociación conculcan os dereitos da cidadanía e atentan contra a defensa do medio ambiente". Estas resolucións teñen como obxectivo adaptar as AAI concedidas e renovadas no seu día ás empresas do complexo industrial de Lourizán á nova lexislación europea. Esta adaptación á nova lexislación permite que tanto Ence como Elnosa poidan continuar na ría sen sequera ter que solicitar a renovación das súas respectivas autorizacións ambientais.
A entidade lembraba así mesmo que "as concesións de Ence e Elnosa están hoxe en entredito polos respectivos fallos xudiciais da Audiencia Nacional resoltos a favor dos recursos presentados por Salvemos Pontevedra e polos que condena ao Ministerio de Medio Ambiente a incoar expedientes de caducidade das concesións e a paralizar aquelas actividades que non conten coas preceptivas concesións administrativas". A asociación concluía que "a Xunta, lonxe de cumprir e facer cumprir a lexislación, amosa unha total dependencia das direccións empresariais do complexo de Lourizán e mesmo segue sen cumprir as decisións xudiciais ao respecto".