O rural, un lugar para a innovación

Cartel do Encontro Rural Imaxinado © ReVOLTA

Que se está a facer dende o medio rural para respostar aos retos que enfrontamos no século XXI? Como podemos imaxinarnos o futuro que está por vir? O Encontro Rural Imaxinado, que se celebrará este venres en Lalín organizado pola rede de grupos de investigación ReVOLTA busca responder a estas cuestións. O encontro quere ser "un espazo de discusión critica que nos permita pensar que alternativas estanse dando ou poden dar no medio rural, para que este siga sendo ese lugar cheo de vida". Dun total de 25 propostas de presentacións foron seleccionadas 16, que en palabras do coordinador da rede, o catedrático de Historia Contemporánea, Lourenzo Fernández Prieto, “son unha mostra ampla do carácter innovador do medio rural, e da capacidade de repensar outras formas de habitar o mesmo”.

O encontro quere ser "un espazo de discusión critica que nos permita pensar que alternativas estanse dando ou poden dar no medio rural, para que este siga sendo ese lugar cheo de vida"

O Encontro estrutúrase en catro mesas; a primeira xira en torno á innovación e á resilencia, e contará coa presenza de Manuel López Pérez da IXP Castaña de Galicia quen analizará A IXP Castaña de Galicia; posteriormente, Elisa Otero Rozas falará sobre A volta ao campo dende unha mirada socio ecolóxica; Jose Manuel Andrade abordará a Innovación no rural desde a iniciativa privada: A Fundación Juana de Vega; por último, Ultra_alimento falará arredor do O ultramarinos que leva ao extremo o poder do alimento.

Na Mesa Comunidades contarase coa presenza Colectivo Cultural Ollomao, que explicará a actividade da Universidade Rural de Barreiros; a Asociación ambiental Petón do Lobo analizará A microeconomía da paisaxe e do territorio. O empoderamento das comunidades locais para decidir sobre o seu territorio. O patrimonio estará presente tamén a través de Ana María Enríquez de Arquivolta Rural, que falará sobre o Proxecto cultural para cultivar e transmitir o Patrimonio & as paisaxes das comunidades rurais. E por último nesta mesa, Miguel Pardellas, do Proxecto Batefogo, disertará sobre a Prevención de lumes forestais a través da intervención social.

O Encontro estrutúrase en catro mesas: Innovación e resiliencia, Comunidades, Subxectividades e Outras Economías

Xa pola tarde, na Mesa de Subxectividades, Asociación Maisdetres falará arredor da actividade que leva a cabo esta entidade: Necesidades persoais e crenzas colectivas nun rural imaxinado actual; Ángel Amaro Quintas intervirá sobre Tecendo coeducación rural pra erradicar as Violencias Baseadas no Xénero (VBX): despatriarcalizando aldeas e parroquias dende unha óptica decrecentista e comunitaria; Marlene Anaya tratará en O Rural Imaxinado…como podemos imaxinar un futuro que está por vir? a importancia das políticas educativas; ao igual que Alicia Pardo, quen abordará a cuestión en No camiño doutra política educativa.

Na última mesa, a de Outras Economías, Cestola na Cachola analizará a potencialidade de Traballando en rede: economía social e solidaria desde a pintura; Raul Rios Rodríguez falará sobre Os circuítos curtos de comercio de alimentos na Galiza atual: A difícil construçom de alternativas ao sistema agroalimentário convencional; Manuel Cebral Loureda do Alg-a Lab falará de Ver medrar a natureza; e por último contarase coa presenza de Marcos Besada Álvarez do Espazo Agroecolóxico A Estruga, cun relatorio titulado Creación e xestión dun centro de recursos, aprendizaxe e investigación no medio rural. Unha perspectiva dende a xerra do Xistral.

O Encontro será retransmitido por streaming

O Encontro, que terá lugar na Sala de prensa do Concello de Lalín dende as dez da mañá, está aberto a todo o público interesado; para inscribirse é preciso enviar un email a rede.revolta@usc antes do 12 de novembro. O Encontro será retransmitido por streaming e os vídeos estarán dispoñibles na canle da rede ReVOLTA en youtube. A rede ReVOLTA está composta por sete Grupos de Investigación que, en Galicia, e dende ámbitos disciplinares diversos (Economía Ecolóxica; Historia Ambiental; Enxeñería Rural e Ordenación do Territorio; Economía Agraria), e convoca este encontro co obxectivo de abrir á investigación ao conxunto da cidadanía.

Cartel do Encontro Rural Imaxinado © ReVOLTA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.