O Goberno central pretende obrigar ao sector leiteiro a detallar e publicar o prezo do leite en toda a cadea, desde que o gandeiro lla vende á industria ata que a distribución llela vende aos consumidores. Ese é o acordo ao que pretende que cheguen todos os integrantes desta cadea para evitar os indignos importes que se lle están a pagar aos produtores na actualidade e que teñen provocado a maior crise que se lembra nas explotacións lácteas galegas. Unha forma de fixar un prezo mínimo que evite vender a perdas, a gran demanda das granxas, seguindo o modelo francés tan reclamado pero disfrazándoo de "prezo sustentable".
O Goberno central quere obrigar a publicar o prezo do leite en toda a cadea, desde as granxas ata o supermercado
Esa é a base do documento que a ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, presentou ao sector na última xuntanza do 18 de agosto e que pretende converter en acordo -e mesmo en decreto- na vindeira reunión entre todas as partes o vindeiro día 10 de setembro. Pero non será fácil. Produtores e sindicatos agrarios dubidan da súa eficacia e hai quen asegura que "levaría unha sorpresa" no caso de que o Goberno chegue "cos deberes feitos", o que suporía terse reunido con industrias e distribuidores para que garantan o asinado "logo de tantos incumprimentos de contratos".
"O esquema de traballo é posible porque ao final o que uns chamamos 'prezo mínimo' é o que eles chaman 'prezo sustentable' non obstante, todo dependerá de onde situemos ese prezo sustentable e das fórmulas que se van arbitrar para que asinen todos e para que haxa garantías de que se cumprirá o pactado", di Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias.
Gandeiros e sindicatos dubidan do acordo mentres non se artellen fórmulas sancionadoras para evitar incumprimentos
Hoxe en día, o Ministerio sabe dos prezos de venda dos gandeiros ás industrias, así como dos das grandes distribuidoras ao público. O que falta por saber, e que goza dun enorme escurantismo, é do acordo e negocio entre industria e distribución. En definitiva, como lembra García, "falta deitar luz sobre quen se está a aproveitar da situación". Se os gandeiros venden a 27 céntimos o litro, por debaixo dos custos de produción, e os supermercados a entre 55 e 85 céntimos por litro, quen está a gañar mentres as granxas se arruínan?
Iso é o que se intentará aclarar -e poñer en evidencia- cun pacto que agora mesmo non parece sinxelo que sexa aceptado por todos os protagonistas da cadea. A clave, segundo Roberto García, será "en onde se poñen as liñas vermellas". "E estas deben ser que se evite vender a perdas aos gandeiros e tamén a que o faga a distribución", que adoita empregar o leite como produto reclamo. "Se así se fai, poderanlle chamar prezo sustentable, pero non é máis que fixar un prezo mínimo", insiste.
Roberto García (UUAA) aposta polo acordo de poñerse "liñas vermellas" que impidan vender a perdas, o que suporía "fixar un 'prezo minimo' que poderán chamar 'prezo sustentable"
Daquela, a clave será en obrigar a que este presumible acordo se cumpra e que "sexa asinado por cada actor da distribución e da industria con nomes e apelidos, non polos seus representantes". "Ten que haber garantía de cumprimento e unha relación de sancións a quen incumpra para que sexa disuasoria", insisten desde Unións Agrarias, que asegura que "de non haber avance o vindeiro día 10", os produtores e a sociedade civil "seguiremos e quedaremos en pé de guerra". "Marcaremos un calendario indefinido de mobilizacións e non volveremos á casa sen solución. Se non chega coas tractoradas, faremos folgas de entrega; e se non chega coas folgas, bloquearemos a industria e a distribución... É a última batalla", remata Roberto García.
Tejerina pide a Bruxelas subir o prezo de intervención
Mentres, a ministra Tejerina apura novas medidas tras a promesa de axudas de 300 euros por vaca ás granxas que vendan por debaixo dos 24 céntimos o litro. Agora pide a Bruxelas que suba o prezo de intervención do leite de forma "excepcional e temporal" para paliar a crise do sector na maioría dos Estados da UE. Ademais, ao igual que a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, espera que as medidas consensuadas por España, Francia, Italia e Portugal "saian adiante" na xuntanza do Consello de Ministros do vindeiro día 7.
A titular da Xunta valorou tamén a proposta de maior transparencia na cadea láctea lanzada polo Estado, asegurando que é algo "que Galicia vén demandando desde o minuto un e que é positivo para todos os elos: desde o produtor ata o consumidor, que vai saber diferenciar entre aqueles produtos que están a responder dunha maneira máis solidaria na construción dese valor".