O Sergas, condenado por unha operación que deixou incapacitada unha mariscadora

Instalacións do Sergas nunha cidade galega CC-BY-SA Praza Pública

A xustiza condena o Sergas por deixar incapacitada unha mariscadora. Un xulgado de Santiago vén de condenar o Servizo Galego de Saúde e máis a súa aseguradora a indemnizar con 60.000 euros a unha veciña de Meaño polo dano "desproporcionado" que se lle provocou logo dunha cirurxía levada a cabo sen consentemento da paciente e "sen que existisen evidencias da súa indicación". 

A mariscadora quedou incapacitada logo de ser operada sen consentemento e "sen que existisen evidencias da súa indicación"

A sentenza chega logo da demanda levada a cabo pola asociación El Defensor del Paciente e a afectada recorreraa ao entender que non se produciu unha reparación integral do dano causado, nin a ela nin á súa familia. Todo comezou hai xa dez anos, cando a afectada (C.V.E.), de 43 anos, acudiu ao seu médico de cabeceira por unha dor que sufría en ambas mans. Ao remitírenlle as molestias, foi derivada a un especialista de traumatoloxía que levou a cabo un tratamento conservador. 

A dor continuaba e o traumatólogo, aproveitando que a doente tiña que someterse a outra operación na man, practicoulle unha cirurxía no túnel carpiano ao percibir un pequeno atrapamento do nervio mediano na súa man esquerda. Segundo revela a sentenza, a devandita cirurxía -en marzo de 2007- levouse a cabo sen consentemento informado, non constou como programada e a paciente non foi incluída en lista de espera ningunha

A cirurxía sen consentemento acabou por obrigar a catro intervencións máis que derivaron na incapacidade absoluta da paciente

A dor non cedeu e a muller tivo que ser sometida a catro intervencións cirúrxicas máis. As consecuencias foron a súa incapacitación para a súa profesión habitual de marsicadora, ademais dunha afectación psicolóxica por mor das múltiples cirurxías que derivaron no que se denomina como man catastrófica, deforme e atrofiada, o que acabou por que se lle fose concedida unha incapacidade absoluta.  

A paciente presentou máis tarde, en 2010, unha reclamación patrimonial no Sergas que lle foi desestimada, polo que acudiu á asociación El Defensor del Paciente, que acabou por presentar a demanda contra o Servizo Galego de Saúde. Alegou que a operación non só se fixo sen consentemento informado, senón que foi fora do circuíto normal e que, ademais, era innecesaria ao non agardarse o suficiente para aplicar e esgotar todas as posibilidades dun tratamento conservador. De feito, lembra o colectivo. a outra man que sufría o mesmo problema acabou por curar e funcionar con normalidade.

"Existiu unha sobreactuación ao poñer en marcha un medio agresivo sen ter o consentemento da paciente e sen que existisen evidencias da súa indicación"

O xulgado dá razón á paciente e asegura que "existiu unha sobreactuación ao poñer en marcha un medio agresivo (aquela primeira intervención) sen ter o consentemento da paciente e sen que existisen evidencias da súa indicación". Segundo o maxistrado, e ante isto, "a Administración debe responder do dano desproporcionado" e estima que a doente debe ser indemnizada en 60.000 euros. O ditame, no entanto, será apelado pola afectada, que entende que a reparación do dano que se lle causou non foi integral. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.